Adegal reúne a máis de mil persoas nunha xornada para abordar o futuro do rural ourensao

Adegal reúne a máis de mil persoas nunha xornada para abordar o futuro do rural ourensao

A Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal) celebrou este mércores unha xornada formativa para abordar o futuro do sector agrogandeiro, principal motor económico, social e cultural da comarca da Limia e da provincia de Ourense. Máis de 1.000 profesionais do rural déronse cita no salón de actos da Casa da Cultura de Xinzo.

Baixo o título: “Fixación de poboación non rural a través da agricultura e da gandaría” achegáronse ideas e conclusións sobre a importancia destes sectores e dos tecidos industriais e de servizos que xeran, como alicerces económicos indiscutibles para a comarca da Limia.

A sesión virou ao redor dunha mesa redonda conformada por María Teresa Joga Martínez, presidenta de Adegal; Eladio Jardón, gandeiro e director do Instituto Internacional de Mercadotecnia e Comunicación; Adolfo López Fabal e María Elvira López Mosquera, profesores do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago.

Repensar o futuro do rural como un reto ao que enfrontarse de maneira colectiva foi o tema central da intervención de Eladio Jardón. “Na actualidade ó medio agrario e gandeiro xa non lle basta con producir, senón que é necesaria a innovación, a especialización e a procura da excelencia”, engadiu o director do Instituto Internacional de Mercadotecnia e Comunicación. Na loita contra o despoboamento os mozos xogan un papel crave, “debemos favorecer as condicións óptimas para atraer talento ós municipios”, concluíu.

A importancia da materia orgánica no solo e de aproveitar o esterco e o xurro

Pola súa banda, os profesores do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da Universidade de Santiago, María Elvira López Mosquera e Adolfo López Fabal centraron o seu relatorio en cuestións de índole técnica. A profesora afondou na explicación da importancia agronómica e ambiental da materia orgánica no chan. Pola súa banda, o docente centrouse no emprego de recursos propios da explotación: esterco sólido e xurros como abonos orgánicos.

A modo de conclusión da xornada, a presidenta de ADEGAL, María Teresa Joga Martínez, lembrou que “herdamos un medio que non soamente hai que conservar, senón que temos que ter a capacidade de melloralo para transmitirllo a futuras xeracións. Debemos estar orgullosos de ser da Limia ou de calquera outro lugar da provincia de Ourense cunha historia vinculada a terra, a agricultura e a gandaría”.

Por último, quixo agradecer a todos os profesionais do sector agrogandeiro: “Porque grazas ó voso esforzou conseguides que as sucesivas xeracións teñan un futuro na nosa comarca e porque somos unha das poucas zonas de Galicia nas que existe substitución xeracional”.

Adegal_2019_02_27_4466

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información