Acordo do sector gandeiro sobre os cambios que debe facer a Xunta nas axudas para prevención de ataques do xabarín e do lobo

Acordo do sector gandeiro sobre os cambios que debe facer a Xunta nas axudas para prevención de ataques do xabarín e do lobo

Mastíns protexendo o gando dos ataques do lobo

O sector gandeiro galego ven de acadar un acordo sobre os cambios que debe facer a Consellería de Medio Ambiente de cara á liña de axudas para a prevención dos ataques da fauna salvaxe aos cultivos e o gando.

O acordo foi asinado pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), os sindicatos Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego, e pola Sociedade Galega de Pastos e Forraxes.

A principal crítica do sector é a falta de diálogo da Consellería de Medio Ambiente, que levou a que a orde de axudas que se publicou este ano suscitara as críticas unánimes de gandeiros, debido a que o departamento que dirixe Ángeles Vázquez non escoitou e non tivo en conta as demandas do sector. “O normal do procedemento é que a Consellería se reúna cos axentes do sector antes de publicar a orde de axudas e que nos envíe o borrador da orde para que podamos realizar achegas. Nada diso se fixo neste caso, o que levou a un forte descontento polas deficiencias desta orde e porque vai contra a realidade do sector”, explica Jacobo Feijóo, responsable de desenvolvemento rural de Unións Agrarias.

Neste sentido, e como medidas urxentes, as catro organizacións asinantes do acordo demandan á Consellería de Medio Ambiente a derrogación da axuda de prevención de danos do lobo e xabaril para a súa revisión en profundidade.

En concreto, reclaman as seguintes modificacións:

a) Modificacións no texto referente aos valados fixos:

1. Eliminación da exixencia de ter todos os permisos e licencias (licenza de obras municipal, autorización de augas, de patrimonio, de medio ambiente en caso de Rede Natura 2000,…) no momento de solicitude da axuda.

2. Inclusión doutros varemos de puntuación para estes investimentos, podendo ser os mesmos que os da subliña 1, de adquisición de cans de protección do gando, pastores eléctricos e/ou peches móbiles de malla electrificada.

3. Revisión profunda da Memoria Técnica e das características dos valados, pois enterrar menos de 30 cm as estacas para un peche de 1,70 m fará que en pouco tempo o valado caia ao chan, así como a revisión do requisito de enterrar a malla.

4. Incremento da dotación orzamentaria desta submedida.

B) Eliminación do can de palleiro como animal de protección do gando.

“A Consellería comprométese a que na próxima convocatoria non será obrigatorio dispor de todos os permisos no momento de solicitar a axuda”

Fontes do sector avanzan que este ano a Consellería non vai publicar máis correccións de erros a esta orde de axudas -a semana pasada publicou unha no DO suprimindo a obriga de que os cans mastíns estiveran rexistrados no Libro Xenealóxico da raza-, pois obrigaría a anular a convocatoria e realizar unha novo, o que supostamente implicaría problemas de dispoñibilidade de orzamento.

“Pero si temos o compromiso da Consellería de Medio Ambiente de que na próxima convocatoria de axudas se reunirá antes co sector e suprimirase a esixencia de ter todos os permisos no momento de presentar a solicitude para os peches fixos”, apuntan as mesmas fontes.

Acordo do sector gandeiro axudas prevencion lobo xabarin

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información