Ábrese o prazo para participar no Campus de Emprendemento Sostible da Deputación de Lugo

Ábrese o prazo para participar no Campus de Emprendemento Sostible da Deputación de Lugo

O responsable de Medio Rural da Deputación de Lugo, Lino Rodriguez Ónega.

O goberno da Deputación de Lugo abriu este venres o prazo de solicitude para participar nos Campus de Motivación e Maduración Empresarial, pertencentes ao VI Campus de Emprendemento Sostible da Deputación. Ofértanse 30 prazas, 15 en cada un dos cursos, que se celebrarán en varias sesións durante o mes de marzo de forma totalmente gratuíta para os asistentes.

A través desta iniciativa o Executivo provincial ofrece gratuitamente a todos os lucenses emprendedores accións formativas teóricas e asesoramento individualizado, con visitas a empresas competitivas e sostibles, co obxectivo de que podan poñer en marcha os seus propios establecementos en calquera dos concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño.

Oferta de asesoramento

As persoas interesadas poden apuntarse no espazo que se atopa habilitado en www.deputacionlugo.gal. Poderán inscribirse en calquera dos dous campus. O prazo de inscrición estará aberto ata cubrir as prazas ofertadas. As clases formativas impartiranse no Centro de Interpretación, situado no Paseo do Río Rato:

Campus de maduración empresarial: (15 prazas) Está dirixido a todas as persoas cunha idea de negocio. Será un curso intensivo de catro días, que combinará sesións teóricas con visitas a empresas e titorías individuais, unha vez rematadas as sesións. En canto á parte teórica, traballarase a maduración da idea empresarial de cada un dos participantes, analizando, por exemplo, a súa viabilidade comercial, técnica e legal a través da metodoloxía Canvas, o enfoque medioambiental con exemplos prácticos ou a viabilidade económico-financeira a 5 anos.

As sesións teóricas desenvolveranse o 11, 12 e 13 de marzo en horario a escoller de mañá ou de tarde, de 10:00 a 14:00 horas ou de 16:30 a 20:30. Unha vez rematado o prazo de inscrición e seleccionadas as persoas inscritas, indicarase o horario definitivo das clases. Haberá visitas a empresas o 14 de marzo.

Campus de motivación empresarial: (15 prazas) Especialmente dirixido ao profesorado de centros educativos localizados na Reserva da Biosfera Terras do Miño, que imparta materias relacionadas co mundo da empresa, tales como Economía, Empresa e iniciativa emprendedora ou Formación e Orientación Laboral. En función das prazas libres, tamén poderá participar o persoal docente do resto da provincia, interesados en estimular o espírito emprendedor a partir das competencias chave da materia que imparta.

Serán sesións intensivas que terán lugar os días 20, 21 e 22 de marzo, en horario de tarde, de 16:30 horas a 20:00 horas. Estarán destinadas a ofrecer contidos, recursos e ferramentas sobre emprendemento para traballar co alumnado nas aulas. Abordaranse os elementos principais a ter en conta á hora de abrir unha empresa, as oportunidades de negocio na provincia. Tamén haberá visitas inspiradoras para animar a emprender proxectos no rural de forma sostible. As visitas ás empresas será en marzo e fixarase o día cos asistentes ao Campus.

26 empresas xeradas

As cinco anteriores edicións do Campus de Emprendemento Sostible supuxeron polo de agora, un total de 26 novas empresas na provincia e, polo tanto, de novos postos de traballo no conxunto do territorio lugués. As empresas de recente creación son as seguintes: Pitas das Chas (Becerreá); D´Abella (Baleira); Terraminimum (Lugo); DulceMenta (Lugo); A Leira (Burela); A horta da Sancoveiga (Vilalba); Esther Fernández Díaz (Ancares); Nenea, medrar creando (Lugo); Avogar (Lugo); Bico de Grao (Lugo); PK3 Ingenieros (Lugo); Marmeladas Acea de Olga (Lugo); WiseKid Summer Camp (Lugo); Mel Casa Príncipe (Cervantes); Explotación Extensiva de Gando Vacún (Sarria); Abadía (Mondoñedo); Bufarda Arquitectura (Monterroso); Esmorga Eventos (Mondoñedo); Galimós: A nosa granxa de galiñas de Mós (Outeiro de Rei); M3 Aguas (Lugo): ingeniería ambiental; Tu alicate, tenda online de ferramentas (Becerreá); Dukaree Artesanía de la Calabaza (O Corgo); Centro Shalom (Lugo); Caserío Meiroi (Navia de Suarna); Elexes, más que electricidad (Lugo); Hotel Os Ancares (Becerreá).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información