Aberto o prazo de matrícula dos cursos de teleformación para incorporación de mozos ao agro

Aberto o prazo de matrícula dos cursos de teleformación para incorporación de mozos ao agro

Asemblea do Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia

A web da Consellería do Medio Rural publica hoxe o anuncio da apertura do prazo de matrícula para os cursos de incorporación á empresa agraria na modalidade de teleformación. Estas accións formativas teñen que realizalas os mozos que solicitaran axuda para a súa integración no agro na convocatoria de 2016 e que non teñan convalidados os seus estudos co curso de incorporación. En total, o número de persoas que terán que realizar estes cursos –ben na modalidade telemática ou ben na presencial– é duns 400 en toda Galicia.

No caso da teleformación, o primeiro prazo iniciase hoxe e durará ata o vindeiro 15 de abril. Os interesados poden presentar as súas solicitudes en soporte papel, preferentemente, en calquera Oficina agraria comarcal (OAC), Centro de formación e experimentación agroforestal (CFEA) ou outros lugares e rexistros establecidos na normativa sobre procedemento administrativo común das administracións públicas. No que atinxe á formación presencial, o prazo de matrícula está aberto ao longo de todo o ano nos CFEA e nas OAC. As solicitudes poden descargarse na web de Medio Rural.

O principal obxectivo destas accións de formación pasa polo fomento da capacitación dos traballadores dos sectores agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades. Incídese especialmente na ordenación das producións e no emprego de métodos produtivos respectuosos co medio ambiente, para que os agricultores que se incorporan ao agro teñan unha adecuada cualificación e se integren debidamente nestas tarefas.

Esta é a formación esixible para poder percibir a axuda á instalación como agricultores mozos (de entre 18 e 40 anos), que se incorporan como titulares ou cotitulares a unha explotación agraria, segundo as bases reguladoras das devanditas achegas, das que na última convocatoria beneficiáronse 618 mozos, cunha subvención total de 24,3 millóns de euros.

Formación telemática e presencial

A formación telemática inclúe actividades on line –como o autoaprendizaxe, as titorías e os foros– que se complementan con presenciais (prácticas nas explotacións dos centros de formación da Consellería, visitas didácticas a explotacións de interese segundo a orientación produtiva e probas presenciais).

Os cursos estrutúranse en dez orientacións produtivas, que van desde as explotacións de vacún de leite ata a diversificación de rendas, pasando pola gandaría extensiva, cultivos intensivos e extensivos, fruticultura, vitivinicultura, gandaría sen terra, apicultura e aproveitamento forestal. As materias abordadas teñen que ver coa empresa agraria, a xestión técnico-económica, o asociacionismo, a comercialización, as relacións laborais, prevención de riscos e seguridade nos traballos agroforestais e sensibilización ambiental.

Descarga aquí a solicitude de teleformación. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información