Aberta a participación no Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

As entidades, empresas ou grupos de investigación que queiran concurrir ó certame, teñen ata o día 30 de outubro para presentar a súa candidatura

Aberta a participación no Premio Aresa de Desenvolvemento Rural

Presentación do premio Aresa en Rábade.

O grupo Aresa e a Universidade de Santiago veñen de convocar o XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un certame que trata de distinguir aquelas iniciativas que se caracterizan polo apoio ó sector primario e pola posta en valor da produción da terra. O Premio Aresa foi presentado nun acto en Rábade no que participaron o vicerrector de Coordinación do Campus de Lugo, Javier Bueno Lema, e o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras.

Poderán optar ao Premio Aresa entidades, empresas, grupos de investigación ou persoas que compartan o interese polo progreso e pola innovación do sector primario e o traballo neste ámbito, tal como sinalou Rodríguez Eiras: “Se ben, nos últimos anos concedémoslle o Premio Aresa sempre a empresas, non esquezamos que non vai dirixido só a empresas senón a aquelas entidades ou persoas que fixeran méritos suficientes a favor do campo lucense e de Galicia”.

O xurado valorará nas propostas aspectos coma a viabilidade económica, a creación de riqueza e emprego e a posta en valor da produción da terra.

Os aspirantes deberán entregar o seu proxecto e a documentación correspondente nos rexistros dos campus universitarios de Lugo ou de Santiago de Compostela antes das 14 horas do 30 de outubro deste ano.

O gañador, cuxa identidade se fará pública durante a segunda quincena de decembro, será recompensado cunha dotación de 10.000 euros.

O Grupo Aresa
Aresa é un grupo empresarial familiar con máis de 40 anos de traxectoria que se adica á distribución de fertilizantes, pensos e outros produtos para a agricultura e gandería. Conta con 50 empregados e unhas instalacións de 15.000 metros cadrados situadas en Lugo, Begonte e Rábade. Aresa tamén participa en Soaga e ten a cadea de tendas TodoCampo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información