A Xunta destinará 800.000 euros en 2019 a axudas para paliar os danos do xabarín no agro

A Xunta destinará 800.000 euros en 2019 a axudas para paliar os danos do xabarín no agro

Reunión entre a Conselleira de Medio Ambiente e os rexedores de Curtis, Sobrado, Aranga e Toques

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anuncia que destinará o vindeiro ano máis de 1,4 millóns de euros a medidas que axuden a paliar e prever os danos ocasionados polo lobo e polo xabaril no agro.

Este foi o compromiso que anunciou a conselleira Ángeles Vázquez na reunión cos rexedores de Curtis, Javier Caínzos; Aranga, Alberto Platas; Sobrado dos Monxes, Lisardo Santos, e Toques, Miguel Ángel Buján.

Os rexedores trasladaron na reunión os elevados  danos na cabana gandeira que sofren as explotacións día a día nos últimos anos polo ataque dos lobos, pero tamén as cuantiosas perdas causadas polo xabarín nos cultivos e prados dos veciños adicados ao sector primario.

A Consellería de Medio Ambiente destinará 1,4 millóns de euros para previr e paliar os danos da fauna salvaxe

Ante esta demanda, a responsable de Medio Ambiente anuncioulles que no ano 2019 o seu departamento habilitará unha partida de 1,4 millóns de euros que permitirá sacar unha nova liña de axudas por danos causados polo xabaril, dotada con 800.000 euros, e o lobo, con 350.000 euros; así como outra orde de medidas de prevención ante os ataques da fauna silvestre , dotada con 300.000 euros, fundamentalmente para subvencionar a adquisición de peches electrificados e/ou cans de protección do gando.

Para establecer unha comparativa, a Xunta destinou neste 2018 un total de 279.958 euros para as axudas para paliar os danos do lobo na gandería e 300.000 euros para axudas de prevención de danos do lobo e xabarín no ano 2017, xa que este 2018 non se convocaron.

O que si son novidosas son as axudas para paliar os danos dos xabaríns nos cultivos, unhas subvencións que non convocaban dende o ano 2016, cando foron dotadas cunha partida de 600.000 euros.

Batidas de xabaríns

A modo de exemplo, a titular de Medio Ambiente explicou que para reducir a presión do xabaril e como medida de control da poboación desta especie, a Xunta ten autorizado batidas fóra dos períodos hábiles establecidos, sen que en ningún caso estas medidas poñan en perigo ou supoñan unha ameaza para o seu futuro.

Neste sentido, engadiu que as batida autorizadas aos TECORES responden sempre a solicitudes previas formuladas por particulares ou institucións tras constatar danos provocados pola presencia destes  animais  salvaxes  en determinadas zonas.

Os rexedores incidiron na necesidade de autorizar batidas para controlar o lobo polo aumento dos danos e a alarma que está supoñendo na poboación do rural nesta comarca do interior da provincia da Coruña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información