A Xunta confía en anticipar este ano o 70% das axudas da PAC

Fontes do FOGGA confirman que en Galicia abonarase o anticipo do 70% das axudas da PAC aínda que non se realizaran as inspeccións. O Ministerio comeza a tansferir as axudas da PAC ás Comunidades para que realicen os anticipos . Este é o primeiro ano no que as axudas se anticiparán sen realizar os controis.

A Xunta confía en anticipar este ano o 70% das axudas da PAC

O adianto das axudas do pago básico poderá facerse este ano sen ter realizado as inspeccións previas

Fontes do Fondo Galego Galego de Garantía Agraria (FOGGA), o organismo da Consellería do Medio Rural que se encarga de pagar as axudas agrícolas da Unión Europea, confirmaron a Campo Galego que antes do 1 de decembro abonarase aos agricultores e gandeiros galegos o 70% do anticipo das axudas da PAC, incluíndo as axudas por superficie e do pago verde.

Nas últimas semanas xurdiran dúbidas de que estas axudas puidésense abonar este ano debido aos problemas informáticos coa aplicación informática das axudas da PAC e, sobre todo, ao gran atraso acumulado nas inspeccións. E é que tanto o pago básico como o pago verde concíbense como axudas de superficie e, ata agora, o seu ingreso estaba vinculado a que a Consellería do Medio Rural realizase inspeccións para proceder ao seu pago.

“No FOGGA estamos a facer un gran esforzo e vaise a realizar un pago do 70% das axudas da PAC, incluíndo as de superficie e as de greening, ao longo do mes de novembro, aínda que non se realizaron os controis e a pesar dos atrasos provocados pola aplicación informática”, aseguran fontes do organismo pagador.

Este ano, de maneira excepcional, a petición de España e doutros Estados Membros conseguiuse que os anticipos se poidan abonar sen finalizar os controis sobre o terreo e ademais, aprobouse elevar a porcentaxe para pagar como anticipo ata o 70% do pago total, cando ata agora a máxima cantidade que se podía abonar quedaba fixada no 50%.

O Ministerio comeza a transferir os fondos ás Comunidades Autónomas

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA), iniciou onte o pago a tres Comunidades Autónomas (Castela e León, Estremadura e Navarra) do anticipo das axudas directas da PAC 2015.

O importe que se poderá anticipar é o 70% dos pagos correspondentes ao réxime de pago básico, pago verde, axuda complementaria aos novos agricultores e a axuda axustada solicitada para vacún de leite. Tamén se poderá pagar o anticipo aos agricultores que vaian estar acollidos ao réxime dos pequenos agricultores.

“A realización do anticipo dependerá de cada Comunidade Autónoma”

Segundo o Ministerio, isto pode supoñer a realización dun anticipo das axudas directas de ata 3.027 millóns de €. Esta cantidade é moi superior aos 2.250 millóns de € que se estimaron como cantidade máxima que se puido pagar de anticipos na campaña 2014. A realización do anticipo dependerá da decisión que tomen respecto diso os organismos pagadores das diversas Comunidades Autónomas.

O resto das axudas destes réximes, o 30% restante, abonarase en concepto de saldo a partir do 1 de decembro.

A partir desa data e ata o 30 de xuño do próximo ano, os pagos normais de campaña poderán levar a cabo ata nun máximo de dous prazos.

Os anticipos pódense pagar a partir do 16 de outubro, e son xa tres as Comunidades Autónomas que solicitaron hoxe fondos.  Así, Castela e León, Estremadura e Navarra recibirán o diñeiro que adianta o Tesouro Español a través do FEGA, e poderán proceder a realizar as transferencias aos beneficiarios.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información