A Xunta asegura que as SAT acabarán de cobrar a PAC como moi tarde a mediados de abril

Medio Rural asegura que o 73,5% das SAT xa percibiron pagamentos da PAC. Fontes do sector din que eses pagamentos son as axudas por vacas e o céntimo por litro de leite, pero que no caso das axudas do pago base e do pago verde ata o 70% das SAT aínda non cobraron

A Xunta asegura que as SAT acabarán de cobrar a PAC como moi tarde a mediados de abril

Vacas no prado en Miñotelo (A Pastoriza-Lugo)

Os atrasos no pago anticipado das axudas da Política Agraria Común (PAC) ás sociedades civís, e en concreto ás Sociedades Agrarias de Transformación (SAT), está a provocar malestar entre os gandeiros galegos. Normalmente a Consellería do Medio Rural, a administración competente na xestión das axudas da PAC, viña realizando os ingresos nos últimos dous meses do ano, pero esta campaña a Xunta recoñece que se poderían demorar os ingresos ata mediados de abril.

Medio Rural di que o 73,5% das SAT xa cobraron algo da PAC

Neste sentido, segundo a información facilitada pola Consellería do Medio Rural a Campo Galego, e de acordo cos datos do FOGGA, nesta campaña da PAC “solicitaron axudas 501 persoas xurídicas que son SAT e delas xa percibiron pagamentos da campaña un 73,5%”.

En canto ás SAT pendentes de recibir algún ingreso da PAC, Medio Rural afirma que “están en fase de tramitación os pagamentos pendentes, cuxo prazo límite remata o 30 de xuño, e que en todo caso, se anticiparán en Galicia un mínimo de dous meses e medio”. É dicir, segundo a información facilitada pola Consellería como moi tarde a mediados de abril os pagos da PAC ás SAT deberían estar ingresados na súa totalidade.

A Xunta dí que os pagos faranse efectivos como moi tarde a mediados de abril

Fontes de Medio Rural informan de que a nivel de toda España están pendentes de pago das axudas da PAC a día de hoxe máis de 2.110 millóns de euros. “E a ratio de pago galego está 5 puntos por riba da ratio de pagos a nivel estatal, malia que os expedientes en Galicia son significativamente máis complexos de xestionar que noutras Comunidades”, destacan dende a Xunta.

O sector di que ata o 70% das SAT aínda non cobraron as axudas do pago verde e do pago base

Sen embargo, fontes do sector advirten que as axudas da PAC que cobraron a día de hoxe o 73,5% das SAT de Galicia son as de axudas por vaca de leite (140 euros por cabeza) ou de carne (90 euros), así como o céntimo por litro de leite de axudas europeas. “Pero no caso do pago base ou do pago verde, as axudas máis importantes da PAC, no caso das SAT ou das cooperativas, como mínimo o 70% delas na zona de Santa Comba non cobraron”, aseguran dende unha xestoría da capital do Xallas que prefire manter o anonimato.

Unha información que corrobora Isabel Arza, de Arza Enxeñería, unha empresa que xestiona máis de 600 expedientes da PAC en toda a provincia de Lugo. “O 30% das SAT cobrou e o 70% non”, aseguran, unha situación que, segundo advirten, “crea un agravio comparativo entre explotacións veciñas, e máxime nun momento coma este de baixos prezos do leite no que os gandeiros precisan moito máis estas axudas”.

“O que nos din dende a Consellería en Santiago é que a mediados de marzo deberían chegar as resolucións e os pagamentos destas axudas deberían facerse efectivos en abril”, engaden dende a xestoría de Santa Comba.

As causas do atraso deste ano nas axudas da PAC

En canto ás causas deste atraso, dende a Consellería de Medio Rural atribúeno a que “esta campaña 2015 é a primeira campaña do novo período da PAC, no que se produxeron cambios moi significativos na xestión das axudas do primeiro piar que afectan de forma moi sensible aos requerimentos de xestión, procedementos e as aplicacións informáticas que requiren adaptación e comprobacións”.

Ademais, dende Medio Rural lembran que “a campaña de solicitudes rematou un mes máis tarde do habitual (15 de xuño)”, e que “non se poden efectuar os pagamentos sen ter cumpridos os requisitos previstos pola normativa comunitaria, nomeadamente sen ter concluídos os controis administrativos e sobre o terreo”.

” O novo programa informática da PAC provocou un descontrol”

Fontes internas do FOGGA sinalan que “a raíz do atraso está en que a nova aplicación informática para a xestión da PAC é un caos”. “Intentouse facer unha recentralización cunha nova aplicación informática da PAC para todas as Comunidades Autónomas, pero as realidades do sector agrogandeiro son moi distintas e está a fallar, o que se complica aínda máis cos cambios da nova PAC”, resume a mesma fonte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información