Equipo de siega Novacat S10 y Novacat 301

A Xunta amplía as axudas para a compra de maquinaria agrícola en común

Tamén amplía o orzamento para as axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha orde de ampliación da dotación orzamentaria da Orde do 4 de marzo de 2015 pola que convocan as axudas para a compra de maquinaria en réxime asociativo en Galicia.

Estas axudas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do PDR de Galicia 2007-2013. A Consellería de Medio Rural e do Mar decidiu ampliar estas axudas en 1,5 millóns de euros, pasando dos 4 millóns da convocatoria inicial a un total de 5,5 millóns.

Segundo Medio Rural, o motivo desta ampliación da partida é “o elevado número e a dimensión das solicitudes de axuda que se recibiron e a necesidade dun maior financiamento”.

Ampliación das axudas para promoción de produtos agroalimentarios con calidade diferenciada

Do mesmo xeito, o DOG tamén publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que amplía a dotación orzamentaria das axudas a agrupacións de produtores para a realización de actividades de información e promoción de produtos agroalimentarios galegos con calidade diferenciada.

En concreto, a ampliación é de 700.000 euros, pasando a un total de 2,46 millóns de euros, cofinanciados con cargo ao PDR de Galicia 2007-2013.

Ao igual que na convocatoria anterior, o motivo da ampliación de crédito é “o elevado número e a dimensión das solicitudes de axuda que se recibiron e a necesidade dun maior financiamento”.