“A titularidade compartida non se sabe nin que existe, pese a que é un xeito de que a muller cotice no agro”

A gandeira Sonia Vidal, do Sindicato Labrego, vén de ser elixida como representante no Comité Coordinador da Vía Campesina. Falamos con ela sobre o traballo que vai desenvolver nesta organización e sobre problemas do agro, como a falta de ordenación territorial

“A titularidade compartida non se sabe nin que existe, pese a que é un xeito de que a muller cotice no agro”

Sonia Vidal con algúns dos animais da súa gandería, en Xunquiera de Ambía.

Sonia Vidal Lamas, gandeira de Xunqueira de Ambía (Ourense) que forma parte da executiva do Sindicato Labrego Galego (SLG), acaba de ser escollida para formar parte do comité Coordinador da Vía Campesina en Europa. A igualdade de xénero no rural será un dos eixos sobre os que se centrará Vidal, que nos concreta en que outras liñas traballará nos próximos dous anos dentro deste organismo internacional.

Que retos afronta nesta etapa no Comité Coordinador Europeo da Vía Campesina?
A nosa candidatura por parte do Sindicato Labrego Galego xorde a raíz dunha serie de carencias que detectamos, sobre todo no referido a visibilizar e traballar a área da muller. No SLG traballamos xa dende hai moito tempo a favor da muller, a través da Secretaría das Mulleres, tanto para ver as dificultades que atopan como para mellorar os seus dereitos. Queremos transmitirlle á Coordinadora Europea o que estamos a facer e desenvolver unha actividade similar a nivel europeo.

“Queremos facer visibles os traballos que estamos facendo aquí coas mulleres do rural galego para desenvolver accións similares a nivel europeo”

A Coordinadora en Europa está integrada hoxe por 29 organizacións, procedentes de 18 países, que traballan conxuntamente. O que queremos é facer visibles os traballos que nós estamos facendo aquí coas mulleres do rural galego para que tamén se poidan levar a cabo a nivel europeo. Realmente, vese esa demanda de traballar nese aspecto, non só en España -onde as perceptoras das axudas a nivel rural son un 37% de mulleres fronte ó 63% que son homes-, senón a nivel mundial.

De que maneira se traballa para acadar unha igualdade real no agro?
Unha das tarefas máis importantes é visibilizar os dereitos que temos as mulleres. No meu caso formo parte dunha titularidade compartida dende hai uns anos, pero moitas veces as titularidades compartidas non se sabe nin que existen, cando son unha maneira de que as mulleres estean cotizando e tendo un seguro no agro. Non ten porque estar só o home ó fronte e cotizando por unha actividade que fan os dous.

“En España só hai 550 titularidades compartidas e delas 18 en Galicia”

Neste momento, en España só hai 550 titularidades compartidas e delas 18 en Galicia, cando son unha ferramenta que podemos empregar para fomentar que as mulleres do rural poidan cotizar ó igual que o fan os homes. Esta é unha das ferramentas que nós queremos visibilizar pero tamén hai outros aspectos nos que incidir, como o feito de que sempre sexan as que levan o maior peso nas familias, xa que nelas adoita recaer o coidado tanto dos nenos, como dos maiores. Nós esta realidade vémola dende a Secretaría das Mulleres que temos no sindicato, xa que cando as chamas para os encontros formativos, que celebramos anualmente, sempre se atopan con dificultades dese tipo para poder vir. Non teñen nin quen as releve un día para poder asistir ó encontro.

Que aportará a este organismo europeo?
Nas reunións que tivemos en días pasados dentro do novo comité detectouse a necesidade de dinamizar a participación da muller e ter unha persoa responsable diso a nivel europeo. Aínda que é todo moi recente, o máis seguro é que eu me responsabilice desa área. Dentro do comité, neste momento, só hai 9 persoas, de distintos estados e cada quen ten as áreas nas que está máis implicado. Eu encargareime máis da área da muller e comezaremos a traballar xa en novos encontros a nivel internacional para abordar esta temática que non afecta só ás mulleres, senón que tamén pretende visibilizar e garantir dereitos doutros colectivos que están sendo vulnerables, como o LGTBI, que no rural parece que lles costa máis acadar e normalizar.

Cal é o papel actual de Vía Campesina en Europa? En que están a traballar?
Hai moitos temas nos que se está a traballar, pero as áreas nas que se está a incidir neste momento son a Política Agraria Común(PAC), xa que estamos nun momento clave para definir como vai ser o novo ciclo da PAC, que comezará no 2021. Aínda que da PAC parece que só se visibilizan as subvencións, detrás hai unha política agraria e nós aí estamos defendendo ó pequeno campesiño e labrego que está tentando saír a flote. Dende a Vía Campesina sempre se defende ese modelo de granxa familiar, non vinculada a que se estea casado ou non, senón á estrutura que representa, dunha granxa pequena que involucra á xente da zona. De feito, comeza agora unha nova década para reivindicar este modelo.

“Dende a Vía Campesina sempre se defende ese modelo de granxa familiar, unha granxa pequena que involucra á xente da zona”

Tamén se está a traballar en poder garantir os dereitos dos labregos, logo de que se aprobara un documento neste senso, no que se traballou nos últimos 20 anos. Agora hai que continuar visibilizándoo, dalo a coñecer e facer que se cumpra para que se garantan dereitos fundamentais para os campesiños, como o acceso á auga, ás sementes ou á terra. Precisamente, neste último detéctase que moita xente moza, non só en Galicia senón en toda Europa, quere optar polo campo pero teñen moitas dificultades para acceder á terra.

Enriba da mesa tamén está a xestión dos montes, coas plantacións como o piñeiro ou o eucalipto, que é un tema a debate en Galicia, pero tamén noutras zonas do norte de Europa. Mesmo naqueles países que teñen unha fonda tradición de plantacións de piñeiro e nos que se está aproveitando, por exemplo, para biomasa, hai problemas coa xestión destes modelos forestais. Nestas zonas detéctase unha falta de ordenación do territorio que deriva en que se incremente a fauna salvaxe, así como que as plantacións estean limitando a supervivencia de ganderías que non teñen onde alimentar o seu gando.

Como se consegue que esa granxa familiar sexa rendible a día de hoxe?
Nós sempre dicimos que na diversificación, moitas veces, está a solución, xa que cando se aposta todo a unha soa actividade non é bo nin para o labrego nin para o medio. Cando tes unha granxa pequena diversificada pode ser o xeito de que sexa viable. No meu caso, que temos unha gandería en extensivo, agora nas 33 vacas, moitos dinme que teño que seguir aumentando e collendo máis terreo. En cambio, nós queremos quedar nas 30 vacas e diversificar e tentar mirar que producir alternativamente para non centrarnos nunha soa cousa.

O aceso á terra adoita ser tamén unha das maiores limitacións que atopan os gandeiros e agricultores a día de hoxe, como se afronta dende Vía Campesina?
O problema está aí e é o mesmo para os distintos territorios: a falta de ordenación do territorio. Igual que en Galicia temos moito monte e moita terra abandonados que non se están aproveitando, o mesmo acontece no resto de Europa, onde tampouco hai un banco de terras que estea a dar bos resultados, aínda que haxa países como Alemaña que están traballando nesa liña e buscando solucións para os labregos de nova incorporación. Non hai un lugar onde poidas ir e che ofrezan esa terra para te instalar.

Sonia-Vidal-Via-Campesina-SLG-

“Ser labrega é moito máis ca producir carne, implica tamén coidar o medio ambiente e dinamizar o rural”

No seu caso, boa parte da base territorial é cedida e coa súa gandería conseguiron recuperar terras que levaban anos abandonadas, como foi este proceso? Que conclusións extrae da súa propia experiencia?
Foi un proceso moi difícil ó principio, agora é todo máis doado. Nós fomos metendo o gando moi pouco a pouco. Se ti vas paulatinamente metendo animais e a xente vai vendo que tes as fincas limpas e coidadas, os veciños que as teñen abandonadas van onda ti para que te fagas cargo delas, para telas limpas. Moitas das fincas que temos hoxe son de xente que só viña na fin de semana e viu que así era un xeito de que a maleza non chegara ás casas.

“É preciso facer unha ordenación do territorio, ter un banco de terras que funcione e un banco de vivenda”

Unha das cousas que buscabamos é que a xente comprendera que se nós temos gando, e eles nos prestan as súas fincas, para así telas limpas, non sempre ten que haber un intercambio económico polo medio. Pódese facer un intercambio que beneficia a todos, xa que consegues que o pobo estea mellor, que son os tratos que se facían antes. Eu son gandeira, non produtora de carne, porque ser gandeira ou ser labrega é moito máis ca producir carne xa que implica tamén coidar o medio ambiente e dinamizar o rural. Eu teño dúas fillas e ás veces quedan coas veciñas, de maneira que mentres ela mas coidan, elas fanlles compañía; en definitiva trátase de encher de vida o rural. Cando hai 6 anos decidimos empezar coa gandería sabiamos que non era só cambiar de traballo, senón de modo de vida.

Cales son os problemas sobre os que máis incidencia se debe facer no campo galego?
Hai que abordar moitos temas, pero creo que o principio básico é ter servizos no rural e ofrecer facilidades para que a xente escolla vivir no rural. Creo que é fundamental facer unha ordenación do territorio e un banco de terras que funcione de verdade. Parello a elo tamén se precisa dun banco de vivendas para responder a esa demanda da xente que quere vir ó rural. É preciso ter unha estratexia lóxica, xa que logo o resto de temas vanse traballando pouco a pouco, como dotar de servizos ou implementar os dereitos para as mulleres no rural. O fundamental é ter unha boa base para que o rural sexa unha alternativa chea de vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información