A repotenciación de parques eólicos reducirá as rendas para os propietarios das terras

O concurso de 500 megawatios permitirá aumentar a potencia de parques xa existentes, pero diminuirá os alugueres, segundo advirte Unións Agrarias. A concesión doutros 200 megawatios para a produción eléctrica con biomasa forestal reabre a perspectiva de novas plantas na comunidade

A repotenciación de parques eólicos reducirá as rendas para os propietarios das terras

Parque eólico.

Os propietarios de terras sobre as que se asentan os parques eólicos, comunidades de montes e particulares na maior parte dos casos, pódense convertir nuns meses en involuntarios protagonistas do conto da leiteira. A maioría dos propietarios tiña asinados contratos de aluguer por 30 anos coas compañías eléctricas, coa expectativa duns ingresos anuais por cada aeroxenerador. A probable repotenciación de parte dos complexos eólicos existentes reducirá nalgúns casos eses aeroxeneradores a menos da metade, co cal as rendas por aluguer caerán na mesma proporción, segundo vén de advertir Unións Agrarias.

A repotenciación dos parques consiste na sustitución de máquinas vellas de baixa potencia, normalmente de entre 300 e 600 kilowatios, por outras de ata dez veces máis potencia, no entorno dos 3 megawatios (3.000 kilowatios). Ese cambio implica unha forte reducción do número de aeroxeneradores dos parques, o que perxudicará ós propietarios dos terreos, pois os alugueres establecéronse por aeroxenerador e non pola potencia instalada.

Os alugueres dos terreos establecéronse por aeroxenerador. A repotenciación de parques reduce as máquinas a menos da metade

Do mesmo xeito, o posible aumento de potencia dalgúns dos parques afectará tamén ó canon eólico que cobra a Xunta (uns 24 millóns de euros anuais na actualidade, segundo estimacións de Unións Agrarias, dos que 6 millóns van parar ós concellos).

Real Decreto 947/2015
A reportenciación que se acometerá en parte das instalacións eólicas vén derivada do Real Decreto 947/2015, polo que o Goberno central saca a concurso 500 megawatios eólicos entre as compañías eléctricas. A adxudicación dos megawatios realizarase por concorrencia competitiva, un proceso que se regulará previsiblemente a través dunha orde que sairá nas próximas semanas, segundo calculan desde Unións Agrarias. A organización conta con que os novos megawatios eólicos queden adxudicados antes do cambio de Goberno.

O interese do concurso para as compañías eléctricas radica nas primas económicas que outorgará o Goberno con cada kilowatio/hora producido, pois desde o 2012, coa conxelación de primas ás renovables, non era posible instalar máis potencia eólica con subvencións gubernamentais.

“Estudiamos o caso dun parque de 70 aeroxeneradores que coa repotenciación podería quedar en 16 máquinas” (José Antonio Diéguez, Ventonoso)

As previsións de Unións Agrarias apuntan a que a maioría das compañías que logren novos megawatios optará por repotenciar parques xa existentes, un proceso que supón menores custos e que se resolve en menos tempo que a posta en marcha de novos complexos. Galicia, con máis de 2.800 horas anuais de vento nas súas zonas eólicas, fronte ás 2.500 de media en España, preséntase como un dos territorios de máis interese para as eléctricas de cara a estas repotenciacións.

Dos 150 parques eólicos existentes na comunidade, hai 84 anteriores ó 2005, que non dispoñen de primas á produción enerxética, e que son os que poderían optar a un aumento de potencia cos novos megawatios, segundo as estimacións da organización agraria. “Trátase ademais de parques que teñen máquinas vellas de baixa potencia. Estudiamos o caso dun parque de 70 aeroxeneradores de 330 kilowatios que coa repotenciación podería quedar en 16 aparatos”, explica José Antonio Diéguez, presidente de Ventonoso, a asociación de propietarios de terreos eólicos ligada a Unións Agrarias.

Tal baixada no número de aeroxeneradores suporía unha reducción de ingresos tanto para os propietarios dos terreos como para as administracións local e autonómica, que perciben un canon en función do número de máquinas instaladas. A normativa autonómica establece que en calquera proceso de repotenciación de parques, o número de máquinas debe quedar alomenos na metade.

O contrapunto positivo do proceso podería ser a reducción de aeroxeneradores en espazos da Rede Natura, se ben outro factor a considerar é que as novas máquinas serán de maiores dimensións que as antigas.

Biomasa forestal
O concurso de megawatios promovido polo Goberno central oferta tamén primas para 200 megawatios de enerxía eléctrica producida a partir de biomasa forestal. As expectativas apuntan a que parte dos megawatios de biomasa virán a parar a Galicia, pois a comunidade concentra a metade das cortas de madeira do Estado.

As 12 centrais de biomasa adxudicadas no 2009 pola Xunta, que non se chegaron a impulsar, poden optar ás novas primas

A nova adxudicación pode relanzar algúns dos proxectos de biomasa que estaban paralizados en Galicia. No 2009, a Xunta adxudicara unha ducia de centrais de biomasa por unha potencia total de 80 megawatios, aínda que esas centrais eléctricas nunca se chegaron a instalar pola paralización das primas ás renovables no 2012. Desde Unións Agrarias consideran previsible que parte das empresas que recibiran megawatios no concurso da Xunta se presenten agora ó concurso estatal.

Cultivos enerxéticos
Unións estima que os 200 megawatios instalados que oferta o Goberno precisarían para operar duns 2 millóns de toneladas de madeira ou de residuos de madeira ó ano, o que representa un 14% do total da produción de madeira que se corta na actualidade en España.

“Carecemos dunha normativa que evite o conflicto entre as industrias da madeira e as de biomasa” (Jacobo Feijoo, Unións Agrarias)

Ante ese volume de demanda, o secretario de Desenvolvemento Rural de Unións, Jacobo Feijoo, entende que o suministro ás novas plantas de biomasa obrigará ó desenvolvemento dos cultivos enerxéticos, unha posibilidade que en Galicia pasaría principalmente polo cultivo de eucaliptos de xeito superintensivo, con densidades superiores ás habituais e con turnos de corta reducidos, no entorno dos 5 anos.

A cuestión dos cultivos enerxéticos, segundo a valoración de Jacobo Feijoo, colle á Xunta cos deberes sen facer. “A día de hoxe non existe unha regulación dos cultivos enerxéticos forestais en Galicia”, critica Feijoo. “Tampouco hai unha normativa de trazabilidade para o abastecemento das plantas de producción eléctrica con biomasa que evite o conflicto con outro tipo de industrias xa instaladas, como o sector de fabricación de taboleiros”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información