A ordenación do uso da terra en Galicia segue pendente dun gran acordo

Foi unha das conclusións da xornada do Masterterra celebrada onte en Lugo. José Manuel Silva subliña a necesidade de ordenación territorial para que as ganderías de vacún de leite podan producir máis en base a forraxes e empregar a paisaxe como reclamo para os produtos agroalimentarios galegos

Publicidade
A ordenación do uso da terra en Galicia segue pendente dun gran acordo

Participantes na mesa redonda organizada polo Masterra

A necesaria ordenación dos usos da terra en Galicia precisa aínda dun gran acordo entre todos os sectores implicados (gandeiros, propietarios forestais, organizacións ecoloxistas, administración…etc) e do establecemento dun sistema de penalizacións e de estímulos fiscais para potenciar os usos adecuados de cada terreo. Deste xeito reduciríanse os conflitos entre usos forestais -plantacións de eucaliptos, fundamentalmente- e gandeiros e agrícolas así como se frearía o crecente proceso de abandono de superficie agraria útil.

Esta foi unha das conclusións da xornada de debate organizada este mércores en Lugo polo Máster Universitario en Xestión Sustentable da Terra e do Territorio (Masterterra) baixo o título “O territorio: para que? O aproveitamento da terra en Galicia ante os retos globais no século XXI”.

A conferencia inaugural correu a cargo de José Manuel Silva Rodríguez, Ex-Director Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, e a continuación celebrouse unha mesa redonda na que participaron Higinio Mougán, xerente da Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca); Ramón Reimunde, presidente da Federación de Asociacións de Produtores de Madeira de Galiza (Promagal); Alberte González Rodríguez, arquitecto, e Xosé María  Tubío  Sánchez, investigador do Labotario do Territorio (USC).

“Debe haber un enfoque para moivar, non para prohibir”

Na súa conferencia, José Manuelt Silva subliñou que a falta de ordenación do territorio en Galicia e dos usos da terra “é un problema complexo e interdisciplinar no que hai que escoitar a todos os sectores implicados e non caer en maniqueismo de, por exemplo, que as plantacións de eucaliptos están mal e todo o ecolóxico está ben”.

“A única vía é dialogar entre todas as partes e chegar a consensos asumibles por todos” engadiu o que foi responsable da Dirección Xeral de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea. En canto á aplicación deses acordos en forma de lei por parte da Administración, José Manuel Silva amosouse máis partidario de que os propietarios asuman eses usos dos seus terreos pola vía voluntaria, mediante políticas fiscais incentivadoras, que pola vía obrigatoria e sancionadora.

En canto ás súas repercusións, o que fora alto responsable da política agrícola da UE, subliñou que “cando un territorio está ordenado ten notoriedade e dalle valor engadido aos produtos agrarios da zona”.

“O futuro do vacún de leite en Galicia pasa por producir máis forraxes e iso exixe ordenar o territorio”

E puxo como exemplo o sector do viño en Galicia, vinculado a Denominacións de Orixe e ao territorio, cun alto valor engadido, contrapoñéndoo ao sector do leite, no que non se asociou a produción galega a unha paisaxe e á elaboración de produtos de máis valor.

Pero sobre todo, José Manuel Silva defendeu a necesidade de ordenar o territorio galego para que as ganderías de vacún de leite podan incrementar a produción de forraxes propias e depender menos da compra de pensos. “Habería que intensificar a produción de forraxes en Galicia, pero iso complícase pola falta de ordenación do territorio”, advertiu José Manuel Silva.

Higinio Mougán: “Deberíanse establecer bonus e malus pola utilización da terra”

Pola súa parte, o xerente de Agaca, Higinio Mougán defendeu tamén o establecemento para regular usos da terra dun sistema de “bonus e malus” a nivel de fiscalidade.

Ademais reclamou ás distintas administracións “máis información, axilidade e contar coas persoas que viven no rural” para o establecemento de políticas de ordenación do territorio. “Non pode ser que para rozar unha parcela en Rede Natura 2000 a administración tarde case un ano en concederlle o permiso ao gandeiro ou que nas axudas da PAC se castigue ás ganderías que fan pastoreo baixo arborado e en pastos arbustivos, sobre todo en zonas de montaña”, denunciou o responsable de Agaca.

En canto aos conflitos polo uso da terra, Higinio Mougán situounos sobre todo “nas zonas gandeiras onde hai demanda de terras e os gandeiros compiten coas plantacións de eucaliptos e no corredor atlántico de Galicia onde os usos agrarios e gandeiros compiten cos usos urbanos”.

Polo demais, o responsable das cooperativas galegas subliñou que a ordenación do territorio tamén favorecería a incorporación de xente nova á actividade agrogandeira, así como ganderías máis sustentables que produzan leite e carne en base a pasto e a forraxes.

Pola súa parte, Ramón Reimunde, presidente de Promagal, salientou a importancia do sector forestal, e en concreto da produción de madeira de eucalipto, para Galicia. “Cortamos o 50% da madeira de España e só na Mariña lucense calculamos que temos madeira nos montes por valor duns 1.000 millóns de euros”, subliñou.

Promagal: “Non hai ordenación do sector forestal en Galicia”

Na opinión do presidente de Promagal “o monte permite diversos usos, dende a produción de madeira e biomasa, á instalación de parques eólicos ou o establecemento de pastos para o gando”.

Sen embargo, recoñeceu que “hai unha mala xestión forestal do territorio, ou ben non existe xestión forestal”, polo que reclamou un novo Plan Forestal de Galicia “que poña fin á anarquía que hai no sector en Galicia e da que sacan beneficio as grandes multinacionais”.

Xosé María Tubío: “Hai lexislación sobre os usos da terra pero non se cumpre”

Pola súa parte, o investigador do Laborate, Xosé María Tubío, considerou difícil que as ganderías podan extensificarse en Galicia, producindo en base a pastos e a forraxes, pola falta de ordenación do territorio. Lembrou que entre 1985 e o 2015 abandonáronse en Galicia 145.000 hectáreas de Superficie Agraria Útil (SAU), boa parte das cales pasaron a plantacións de eucalipto, que no ano 2008 xa sumaban 280.000 hectáreas ou para solo urbano, que ocupa na comunidade unhas 200.000 hectáreas.

“Hai unha Lei de Montes e unha Lei do Solo de Galicia pero a cuestión é que non se cumpren as leis que aproba o Parlamento”, denunciou o investigador do Laborate, que contextualizou esta problemática nunha dinámica mundial de “crecente desigualdade e de quitarlle poder aos Estados e aos Parlamentos para redistribuír a riqueza e os recursos”. “Con Estados febles e parlamentarios que asumen que os gobernos non deben intervir temos poucos recursos para enfrontarnos a este desafío”, concluíu Xosé María Tubío.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información