“A muller quere participar máis nas cooperativas, pero ás veces non se sente capacitada, a pesar de que é perfectamente válida”

Entrevista a Ruth Rodríguez, técnica de igualdade e estudos socioeconómicos de Agaca

“A muller quere participar máis nas cooperativas, pero ás veces non se sente capacitada, a pesar de que é perfectamente válida”

Ruth Rodríguez (esquerda) e Marcela Parga, na xornada sobre empoderamento da muller celebrada en Feiraco.

Algo máis da metade das persoas socias de cooperativas en Galicia son mulleres, aínda que a súa participación nos órganos de decisión das agrupacións é bastante menor. Coa idea de fomentar unha maior implicación das mulleres no ámbito público, a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) vén desenvolvendo actividades nas distintas entidades socias, a última estes días en Feiraco.

Na xornada en Feiraco, interviñeron a experta en coaching Marcela Parga e Ruth Rodríguez, técnica de Igualdade de Agaca, coa que falamos nesta entrevista.

Que vos motivou a organizar unha xornada coas mulleres socias de Feiraco?
– A finalidade da xornada era promover o empoderamento da muller a nivel persoal e profesional, neste caso das mulleres socias de Feiraco, pero a idea é repetila noutras cooperativas galegas que estean interesadas. Con estas actividades, tratamos de que as mulleres se vexan capacitadas e que se animen a participar en órganos de xestión e decisión, como o consello reitor ou as asambleas. As mulleres sempre estiveron máis concentradas no traballo da explotación e da casa e non adoitan ser protagonistas en ámbitos públicos, a pesar de que, por exemplo, no caso de Feiraco, máis da metade das persoas socias son mulleres e iso debera verse reflectido nos órganos de dirección nunha porcentaxe similar e maior da actual, na que rondan un terzo de participación.

“A muller sempre traballou no agro, pero moitas veces ese papel é invisible porque queda no privado”

Haberá a quen lle sorprenda o dato da porcentaxe de mulleres sociais das cooperativas. ¿Pensas que quizais a nivel social se ten unha imaxe do traballo agrario como moi masculinizado, cando a realidade é distinta?
– Algo máis da metade das persoas socias de todas as cooperativas galegas son mulleres. Desde o 2008, no que fixemos o primeiro estudo da realidade da muller nas cooperativas agrarias, tratamos de visibilizar o papel que xoga a muller, que moitas veces é invisible e queda oculto. Na zona norte de España, a muller sempre traballou na explotación, pero a nivel privado. No público, quen adoita facer o papel de representante é o home. Por exemplo, é común que nas asambleas das cooperativas as mulleres deleguen o voto nos maridos. Houbo un tempo no que mesmo estaba mal visto que as mulleres participasen nas asambleas, pero hoxe en día iso xa non é frecuente. Os homes teñen en consideración a opinión e as preocupacións das mulleres.

En que cuestións credes que hai que incidir para lograr unha maior participación da muller?
– Unha das cousas que buscamos é que as mulleres se dean de conta de que se son válidas para xestionar a explotación, son válidas para ir a unha asamblea e tomar decisións. Ás veces teñen a autoestima baixa. No caso de Feiraco, que é unha cooperativa moi comprometida coa igualdade, tiveron a iniciativa de conformar un grupo de mulleres socias; con elas establecimos un calendario de actividades para fomentar o grupo e a súa colaboración na cooperativa. Desde Agaca, queremos facilitar que este grupo de mulleres se forme en todas as cooperativas que estean interesadas, que xa son varias.

“Se a muller é válida para xestionar unha explotación, é válida para ir a unha asamblea e tomar decisións”

Imaxino que a falta de tempo é un dos problemas que vos trasladan as mulleres para non participar.
– Pensamos que non se trata de facer ‘supermulleres’ que estean a todo senón de que a corresponsabilidade nas tarefas da casa e da explotación se leve a cabo de forma real. Por iso nos gusta que tamén participen os homes nestas xornadas, xa que sen contar con eles, non se pode facer nada. A situación actual, con maior peso do traballo da muller no ámbito privado, non é xusta nin para a muller nin tampouco para o home. O ideal é que tanto a muller como o home participen no ámbito público e no privado, de xeito que no privado, o home teña tamén máis tempo para estar coa familia e que no ámbito público se aproveiten as perspectivas e talentos das mulleres.

Que conclusións ides sacando das vosas actividades? Vedes ás mulleres dispostas a unha maior implicación en responsabilidades das cooperativas?
– Ese é un traballo a longo prazo. Asumir responsabilidades é unha cuestión difícil tanto para homes como para as mulleres. Nós buscamos que se sintan valoradas e capacitadas, que perdan o medo. En xeral, o que si encontramos sempre é que as mulleres son moi activas e están moi interesadas en todo tipo de formacións, tanto en xestión da explotación como en xestión cooperativa, en motivación, en liderado, en asistencia domiciliaria ou en viaxes de formación para aprender. Teñen ansia de aprender e de ter coñecementos.

“Pasar as asambleas das 8 da tarde ás 4 da tarde é un paso sinxelo que beneficia a homes e a mulleres”

Non é tanto que a muller non queira participar como que ás veces lle é complicado.
– As mulleres si queren participar. O que sucede é que ás veces non se ven capaces. A humildade é algo moi característico na muller en Galicia, pero iso que os demais poden ver como unha virtude é malo para elas mesmas. Ás veces tamén é verdade que lles falta tempo para implicarse máis, pero con algúns pasos sinxelos pódese avanzar moito. Por exemplo, nalgunhas cooperativas as reunións do consello reitor ou as asambleas son ás 8 da tarde, que é un horario malo tanto para os homes como para as mulleres. Xa hai cooperativas que están facendo as reunións ás 11 da mañá ou ás 4 da tarde.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información