A metade dos accidentes con tractores afectan a maiores de 65 anos

As envorcaduras, unidas á falta de estruturas de protección nas máquinas, principal causa da mortalidade no sector

Publicidade
A metade dos accidentes con tractores afectan a maiores de 65 anos

Os envorcamentos son a principal causa de accidentes mortais co tractor.

A polémica dos últimos días sobre a maior siniestralidade viaria dos maiores de 65 anos ten tamén o seu correlato no agro. Máis da metade dos sinistros mortais con tractor que se rexistran en Galicia afectan a persoas xubiladas, segundo os datos do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga). Entre o 2011 e xullo do 2014, o Issga computou 62 sinistros mortais con tractor na comunidade, dos que 32 afectaron a maiores de 65 anos. O Instituto está desenvolvendo nos últimos meses unha campaña sobre seguridade no manexo do tractor para tratar de reducir a accidentalidade do sector.

A maioría dos sinistros mortais, 54 dos 62, débense a envorcaduras, un problema que se acrecenta pola falta de estruturas de protección en gran parte do parque de tractores galego. Todas as máquinas con menos de 20 anos están obrigadas a contar con estruturas antienvorcadura, pero nas anteriores non é obrigatorio. Da antigüidade do parque de maquinarias en Galicia dá conta o feito de que no 2014, o 75% dos tractores usados que se venderon en Galicia superaban os 20 anos.

O envellecemento da poboación e do propio parque de maquinaria son, xa que logo, dous factores claves da siniestralidade no agro. O Issga apunta tamén que máis do 90% dos sinistros mortais se rexistraron en persoas que non estaban afiliadas ó réxime especial agrario, o que revela que a accidentalidade se liga en parte a axudas familiares e a agricultores a tempo parcial.

Recomendacións
Tras a envorcadura, as outras causas dos sinistros mortais con tractor foron o atrapamento coa toma de forza (4 casos) e os accidentes de circulación (3). O Issga considera que as consecuencias dos sinistros se poderían minimizar en boa medida coa extensión das estruturas de protección homologadas contra as envorcaduras, acompañadas do uso do cinturón de seguridade. Manter en bo estado a protección da toma de forza e do eixe cardán son outros consellos do Instituto de Seguridade Laboral, que tamén insiste na necesidade dunha conducción prudente do tractor, sobre todo en caso de camiños irregulares ou con maquinaria arrastrada.

Desde mediados do 2014, o Issga está a desenvolver unha campaña de prevención laboral no manexo do tractor en 60 concellos da comunidade. O tríptico dos cursos dá conta dalgunhas medidas de prevención básicas a ter en conta.

Siniestralidade no 2014
O agro pechou o 2014 en Galicia cun total de 1.211 accidentes laborais, unha cifra similar ós 1.214 do ano anterior. Do total de accidentes, 1.145 foron leves, 62 graves e 4 mortais.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información