A Fruga pide á Xunta que aboe o anticipo da PAC e advirte de que hai ganderías que non cobraron a de 2015

A Federación Rural Galega demanda da Consellería do Medio Rural que axilice os tramites perante do Ministerio de Agricultura español para solicitar os fondos para poder pagar o adianto da PAC 2016.

A Fruga pide á Xunta que aboe o anticipo da PAC e advirte de que hai ganderías que non cobraron a de 2015

Elías Somoza, responsable de Gandería da Fruga

A Federación Rural Galega (Fruga) denuncia o atraso administrativo da Consellería do Medio Rural para ingresar o adianto das axudas da PAC 2016 así como para resolver as débedas pendentes da PAC 2015.

Dende a organización agraria consideran que “a día de hoxe a Consellería debería ter feitas as xestións necesarias perante o Ministerio de Agricultura (….) para poder proceder ao pagamento da PAC 2016, como así xa fixeron outras administracións como as de Andalucía, Estremadura, Castela-León, Castela-A Mancha, Nafarroa, Valencia e Murcia”. “Que a nós nos conste este trámite sigue sen ser feito por parte da nosa Consellería”, aseguran dende a Fruga.

O 18 de xullo, deste ano, o Consello de Ministros e Ministras de Agricultura da UE tomou o acordo de autorizar aos Estados membros para que puideran anticipar o pagamento da PAC 2016 a partir do 16 de outubro, anticipo que pode chegar a ser do 70% nos pagamentos directos e até o 85% no caso das axudas ao desenvolvemento rural.

A Fruga lembra que “este diñeiro das axudas fai moita falta debido aos baixos prezos que estamos cobrando polos nosos produtos”. “No caso do sector lácteo -engaden- a falta de liquidez ven motivada por ter que vender o noso leite cos prezos mais baixos de todo o Estado español e ter de enfrontar os gastos da recollida do millo forraxeiro e a implantación das pradeiras de outono-inverno”.

Axudas da PAC 2015 sen pagar

Por outra parte, a organización agraria advirte de que “nestes momentos aínda están pendentes de pagar axudas da PAC do 2015, algunhas delas pendentes da finalización de expedientes de inspección, mais outras por erros administrativos da propia Consellería, como o de equivocarse á hora de marcar o número de conta da persoa beneficiaria”.

Neste sentido, dende a Fruga pídenlle ao recentemente reelixido presidente da Xunta, Alberto Núñez Feióo, que “se de verdade quere que esta sexa a lexislatura do rural empece pagando xa o anticipo da PAC de 2016 e solvente os erros administrativos que están impedindo o cobro de parte de algunhas axudas da PAC 2015, como pasa coas das vacas aléitantes, cando mais do 60% dos ingresos netos dunha explotación de carne depende do cobro destas axudas”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información