A Deputación de Lugo amplía as axudas aos produtores de leite

A nova liña de axudas conta con 200.000 euros para subvencionar custes de persoal, de adquisición de programas informáticos ou de asesoramento para a concertación de contratos coa industria, entre outros.

A Deputación de Lugo amplía as axudas aos produtores de leite

Manuel Martínez e Mario Outeiro en rolda de prensa.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo ven de aprobar as bases e a convocatoria dunha liña de axudas destinadas ao sector gandeiro para impulsar o rural e o sector primario, estratéxicos para a economía na provincia de Lugo.

200.000 euros para organizacións gandeiras

Esta liña de axudas conta cunha partida de 200.000 euros que se destinarán a subvencionar actividades de funcionamento e organización de produtores de leite, de xeito que poidan contar con persoal e recursos suficientes e de calidade para evitar o desequilibrio entre produtores e industrias no novo escenario tras a desaparición das cotas. O sistema de concesión será o de concorrencia non competitiva, de xeito que ningún dos futuros beneficiarios perciba menos do 20% do orzamento total.

En canto aos beneficiarios, estes poderán ser organizacións de produtores de leite radicadas e con actividade na provincia de Lugo, que deberán estar inscritas no Rexistro Nacional de Organizacións e Asociacións de Produtores de Leite e no Rexistro Autonómico de Produtores. As axudas están pensadas para subvencionar, entre outros, gastos de persoal; gastos de adquisición de programas informáticos; de asesoramento xurídico, financeiro, ou técnico en asuntos como, por exemplo, a concertación de contratos coa industria; gastos financeiros, notariais ou periciais, etc. Para poder seren subvencionadas, as actividades das que deriven ditos gastos deberán executarse ao longo deste ano.

As bases que rexerán esta convocatoria publicaranse no Boletín Oficial da Provincia ao longo da vindeira semana. Unha vez publicadas no BOP, os interesados terán un prazo de 15 días hábiles para presentar a documentación anexa a ditas bases.

Criterios de valoración

As axudas outorgaranse en función dos criterios sinalados nas bases, e serán valorados por unha Comisión Técnica. Entre outros estarán, por exemplo, unha maior puntuación canto maior sexa o número de gandeiros integrados na organización; o número de Concellos da provincia na que estea implantada a organización; o número de persoal contratado.

Neste punto en particular, e co fin de defender o traballo de calidade, os contratos cunha duración menor a 6 meses non será valorados e terá especial consideración a estabilidade laboral, as melloras salariais e sociais, así como os contratos a tempo completo respecto aos contratos a tempo parcial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información