A Comisión Europea aproba o Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 de Galicia

A comunidade disporá de 1.186 millóns de euros nos próximos anos para medidas de apoio ás explotacións agrarias e ós sectores agroalimentario e forestal

A Comisión Europea aproba o Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 de Galicia

O PDR foi aprobado hoxe pola Comisión.

O Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020 de Galicia foi aprobado esta mañá pola Comisión Europea xunto cos de Madrid, Navarra, Baleares e Extremadura, que tamén estaban pendentes da reválida comunitaria. O PDR galego contará con 1.186,4 millóns de euros nos próximos anos, 889,8 do presuposto comunitario e 296,6 de cofinanciación estatal e autonómmica. Estes fondos destinaranse principalmente a medidas de apoio ás explotacións agrarias e ós sectores agroalimentario e forestal.

A ficha informativa do PDR galego publicada pola Comisión prevé que o Programa axude a 4.000 agricultores a reestruturar e modernizar as súas explotacións. Outros 2.000 novos agricultores contarán con axudas de incorporación para poñer en marcha as súas empresas, segundo os cálculos comunitarios. A Comisión tamén incide no apoio do PDR ás organizacións de produtores, selos de calidade e mercados locais. Serán uns 8.600 produtores os beneficiados por esta liña de axudas.

A maiores, case o 56 % da poboación estará cuberta por algunha estratexia de desenvolvemento local do plan Leader, que se espera que cree uns 600 postos de traballo, segundo as previsións que figuran no PDR.

Obxectivos
Entre os desafíos ós que debe facer fronte Galicia cos fondos de desenvolvemento rural, a Comisión destaca cuestións como o fomento da competitividade da agricultura, a incorporación de mozos e a xestión de terras. Galicia, segundo a Comisión, tamén debe seguir mellorando a produtividade da industria alimentaria e da silvicultura mediante o fomento de producións de alto valor engadido.

A industria agroalimentaria galega é a que xera un menor valor engadido a nivel de España

Sobre a industria agroalimentaria galega, a Comisión sinala que presenta un tamaño pequeno que condiciona a súa competitividade. Ademais, a industria enfócase sobre todo a unha primeira transformación que xera un baixo valor engadido, ata o punto de que é das menos produtivas de España, segundo a valoración comunitaria. As empresas galegas son as que menos valor engadido ofrecen sobre as ventas e son as segundas peor clasificadas por marxe bruto de explotación.

A mellora da calidade de vida da poboación rural, a través da prestación de servizos básicos, a loita contra o cambio climático e a preservación dos recursos naturais son outros dos obxectivos recollidos no PDR.

Máis información
Ficha informativa do PDR de Galicia 2014-2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información