A Comisión Europea, a prol de que a orixe na etiqueta sexa voluntaria

Segundo as conclusións de dous informes encargados pola Comisión Europea. A nova normativa europea sobre información alimentaria facilitada ao consumidor establece como obrigatorios os requisitos de etiquetaxe de orixe.

Publicidade
A Comisión Europea, a prol de que a orixe na etiqueta sexa voluntaria

Phil Hogan, Comisario Europeo de Agricultura. Autor: Comisión Europea

A Comisión Europea acaba de publicar dous informes sobre a etiquetaxe de orixe, conforme ao solicitado polo Consello e o Parlamento Europeo no Regulamento sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor (1169/2011).

Segundo a Comisión, “en ambos os dous chégase á conclusión de que os beneficios dos novos requisitos obrigatorios de etiquetaxe non compensan claramente os custos e que as normas de etiquetaxe voluntarias parecen ser a solución máis axeitada”.

Non obstante, unha maioría dos consumidores enquisados si que se mostran a favor de indicar a orixe na etiqueta dos produtos alimentarios. A Comisión posiciónase así a prol dunha normativa menos esixente na información ao consumidor.

No primeiro informe analízase a viabilidade das diferentes opcións para a etiquetaxe de orixe obrigatoria respecto dos produtos lácteos e carnes menores, en particular a carne de cabalo, carne de coello e carne de caza e de aves (silvestres ou de granxa), tendo en conta que xa existen normas de etiquetaxe para a carne de vacún, carne de porcino, carne de aves de curral, carne de ovino e de caprino.

Tendo en conta a actitude dos consumidores cara á información adicional e os custos suplementarios potenciais, así como os requisitos técnicos e administrativos derivados para as empresas e as autoridades públicas, o informe chega á conclusión de que, no caso dos produtos lácteos, “se produciría un impacto desigual nos produtores, máis gravoso para algúns e menos para outros”. “Parece tamén -interpreta a Comisión- que os consumidores non están dispostos a pagar máis pola información adicional”.

Por conseguinte, o informe suxire que as opcións existentes de etiquetaxe voluntaria poderían responder a algunhas das demandas dos consumidores, mantendo ao mesmo tempo a necesaria flexibilidade para os Estados membros e os operadores do sector alimentario.

Para as «carnes menores», o informe tamén chega á conclusión de que a etiquetaxe de orixe obrigatoria implicaría custos operativos que non compensarían os beneficios.

Os consumidores prefiren a etiquetaxe da orixe

O segundo informe analiza a necesidade de informar os consumidores sobre a orixe dos alimentos non transformados, os produtos cun só ingrediente único e ingredientes que representan máis do 50% dun alimento.

Chega á conclusión de que os consumidores están interesados na etiquetaxe da orixe para todas estas categorías de alimentos, pero non así para categorías de alimentos como a carne, os produtos cárnicos e os produtos lácteos.

No informe tamén se analizan os custos e beneficios da normativa en materia de etiquetaxe, incluído o impacto no mercado interior e no comercio internacional, e chega á conclusión de que a etiquetaxe da orixe voluntaria, en combinación cos actuais réximes de etiquetaxe de orixe obrigatoria para determinados alimentos ou categorías de alimentos, é o mellor xeito de avanzar.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información