A 1ª RuralWeek trae a Lugo o mellor do rural galego

O Ruralweek ofrecerá centos de produtos elaborados no rural por 22 produtores de alimentación e 43 artesáns e artistas procedentes de toda Galicia, que ofrecerán demostracións en vivo do seu oficio

A 1ª RuralWeek trae a Lugo o mellor do rural galego

Lara Méndez na inauguración de RuraWeek

A Vicepresidenta Segunda en funcións, Lara Méndez, participou hoxe na inauguración da primeira edición da Ruralweek, iniciativa organizada pola Deputación de Lugo, a través do Centro de Artesanía e Deseño e a Fundación TIC, así como Fademur, Caixa Rural, o Centro Comercial As Termas e o Grupo El Progreso.

O acto tivo lugar ás 19:00 horas no Centro Comercial As Termas, cunha grande afluencia de público, e nel tamén tomaron parte a Presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; a Presidenta de Fademur, Rosa Arcos; a Xerente do Centro Comercial As Termas, Cristina Pérez, e o Director Comercial de Caixa Rural, José Manuel López Marcos.

Lara Méndez destacou que estas iniciativas “cumpren un dobre obxectivo, contribuír ao impulso dos nosos produtos autóctonos de calidade e poñer en valor o traballo de todos estes homes e mulleres que apostaron no seu momento polo rural, unha decisión clave na loita contra o despoboamento. Eles e elas son testemuñas de que o rural ofrece innumerables oportunidades de crecemento económico”.

43 artesáns e 22 produtores

Ruralweek é un espazo de 1.200 metros cadrados nos que os lucenses poderán mercar centos de produtos elaborados no rural por 22 produtores de alimentación e 43 artesáns e artistas.

Os lucenses que se acheguen ata o Centro Comercial As Termas poderán mercar centos de variados produtos agroalimentarios, así como de artesanía e deseño. Estarán presentes produtores de aceites; viños e licores; embutidos; froitas; conservas; pan e empanadas; doces ou queixos. Os 22 produtores presentes son, na súa maioría, de Lugo, en concreto 11 deles, procedentes dos Concellos de Ribas de Sil, Folgoso do Courel; As Nogais; Palas de Rei; Baralla, Castroverde; Chantada e Lugo. Tamén participarán 7 produtores da provincia de Pontevedra, xunto con 2 da Coruña e 2 de Ourense.

En canto á artesanía e o deseño, os profesionais presentes na RuralWeek porán á venda, entre outros obxectos de cestería; téxtil; coiro; madeira; complementos de moda; olería; tornería de madeira ou gravado. Estes 43 profesionais, máis de 30 son dos Concellos lucenses de Folgoso do Courel; Triacastela; A Fonsagrada, Palas de Rei; Outeiro de Rei; Vilalba; Sober; Mondoñedo; A Pontenova; Guitiriz; Cospeito; Monforte de Lemos; Begonte; Viveiro e Lugo. Os restantes, da Coruña (5); Ourense (1) e Pontevedra (1).

Apoio á Ribeira Sacra e moito máis

A oferta completarase con demostracións en vivo de oficios como cestería ou tenería de madeira; de elaboración de conservas e marmeladas; de gravado; de encaixe de palillos ou mesmo de confección de redes de pesca. Estas demostracións terán lugar todos os días da feira, entre as 16:00 e as 19:00 horas. Tamén haberá tempo para a música e a poesía, no escenario habilitado ao efecto dentro do recinto.

Aproveitando a afluencia de público no centro comercial, a Deputación traerá novamente a Lugo a campaña de apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Os libros oficiais permanecerán no recinto da feira para que todos aqueles que o desexen poidan deixar constancia do seu apoio e seguir sumando sinaturas ás máis de 50.000 recollidas polo momento.

RuralWeek permanecerá aberto ata o vindeiro día 18 de xuño, en horario continuado de 10:00 a 22:00 horas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información