“Protexer o medioambiente sen ter en conta ó rural favorece o abandono”

O secretario da Unión de Tecores de Galicia (Unitega), Antonio Mota, analiza os cambios no protocolo de actuación por danos do xabaril e os retos que afrontan os cazadores nos últimos tempos, como a nova lei de benestar dos animais de compañía

Publicidade
“Protexer o medioambiente sen ter en conta ó rural favorece o abandono”

Antonio Mota, secretario da Unión de Tecores de Galicia.

Antonio Mota converteuse nos últimos anos nunha das voces da Unión de Tecores e Cazadores de Galicia (Unitega), á que está vinculado desde a súa creación, no 2002, e na que exerce de secretario desde hai algo máis dun lustro. Mota avoga polo debate entre tódolos actores implicados á hora de afrontar os retos que se lle presentan ó campo, entre os que se atopa a necesidade de atallar os danos nos cultivos provocados pola fauna salvaxe. É un problema para a que reclama unha resposta máis áxil e directa que alivie ós afectados.

Que opina dos cambios previstos na xestión do xabaril por parte da Consellería de Medio Ambiente?
Fixéronse sen acordalos cos cazadores e, aínda que imos darlle un voto de confianza, vemos que en moitos aspectos non van resultar efectivos porque non contemplaron as distintas realidades detrás dos danos. Se fixesen unha consulta, poderiamos ter achegado algúnhas propostas. Por exemplo, no sur de Ourense boa parte dos danos prodúcense en cultivos destinados ó autoconsumo e as perdas son máis difíciles de calcular que en zonas máis extensivas. Estes danos orixinan que ó ano seguinte os afectados dubiden se volver sementar… As dinámicas que expoñen poderán funcionar en determinadas zonas, pero para outras non será útil.

Ademais, coa situación que temos no rural non se entende que instauren determinados trámites telemáticos para as solicitudes por danos, sabendo as trabas que suporán. É certo que debemos adaptarnos, pero hai outros permisos, como as queimas, que se fan cunha simple chamada, ou outros cun e-mail.

Con esta situación, a administración o que está a facer é enfrontar a cazadores e agricultores. Nós fixemos hai un ano unha proposta na que lle expuñamos que o mesmo día de detección dos danos, entre os afectados e os cazadores poidan decidir que medidas tomar. Non ten porque ser unha batida, pode ser suficiente unha acción con cans en horas. Con iso conseguiríase unha resposta inmediata, sen a penas gastos, na que se informaría tamén á Consellería de forma directa, e que aliviaría ós afectados. O problema dos danos é que sempre imos un día ou dous por detrás.

En canto ó cambio no protocolo de xestión de danos, por agora o que se publicou semella unha mera versión curta do protocolo que teña a Xunta, porque o que se coñece non está nada desenvolvido.

“O problema dos danos ós cultivos é que sempre imos un día ou dous por detrás. Hai que tomar decisións en horas”

Deben asumir os cazadores un papel máis activo, como esixen desde organizacións gandeiras, para evitar os danos ós cultivos?
A min paréceme indignante que ningún sindicato agrario reivindicase que se cambie a lei que nos está obrigando a ter o 10% do territorio vedado para todas as especies de caza. Que sentido ten que teñamos vedado ese espazo cando temos danos? Non é que queiramos cazar máis. Ós cazadores gústanos máis telos vedados, pero cos danos que está a haber, sabemos que temos que ter en conta ós afectados. Cada vez que se cambian os vedados e se marcan os terreos para os próximos dous anos, ese mesmo día empeza a xerarse un conflito co pobo que queda dentro, porque vai ser refuxio para o xabaril.

E a contradición suprema chega cando a propia Consellería permite batidas puntuais nas zonas vedadas, pondo un parche a posteriori, que nin sequera soluciona o problema. Temos que chegar a un nivel no que os danos non obriguen a renunciar a unha actividade, sendo conscientes de que o dano cero non vai existir.

Un problema que temos é que estase a protexer o medioambiente pero sen ter en conta ó rural, o que está a favorecer o abandono do campo. É necesario que se abran mesas de debate permanente sobre estes temas con gandeiros, agricultores, cazadores e administración para poder ter un coñecemento da situación desde distintos puntos.

Desde a asociación estamos a pedirlle a nosa xente que empaticen ó máximo cos afectados, adaptando as zonas de caza a aquelas nas que máis o necesiten porque estean a ter danos.

Cal é a actual situación de danos por fauna salvaxe no campo?
Os maiores danos son de xabaríns. Ademais, en zonas de viñedo están a empezar a ter problemas co corzo, cuxa poboación tamén se disparou.

Como se xestionan as indemnizacións por danos dende os tecores?
Por lei, somos responsables dos danos que ocasionen os animais. Temos unha dobre responsabilidade económica: por danos en agricultura e por accidentes de tráfico. No caso dos accidentes, asumímolo por medio dun seguro, pero nos danos agrícolas non hai ningún seguro para cubrilos. O problema é que se se comezan a facer reclamacións contra os cazadores, como nos ameazan moitas veces, renunciaremos ós tecores xa que non poderiamos asumir eses pagos, e a Xunta terá que encargarse da xestión dos espazos cinexéticos. Iso implicaría que o afectado tería que reclamarlle directamente á Xunta.

Precisamente a Lei de Caza contemplaba un fondo de corresponsabilidade, aínda sen activar. Cre que sería a ferramenta axeitada para facerlle fronte a esta situación?
Debía ser unha especie de caixa á que todos achegariamos (cazadores, agricultores, gandeiros e Administración) para facer fronte ós danos. Copiábase do fondo de corresponsabilidade de tráfico, pero creo que non contemplan activalo porque non saben como facelo para que funcione. Deberíamos de sentarnos todos para afrontalo.

“En Unitega propuxemos comprobar o microchip con cada receita médica para loitar contra o abandono de cans”

Outro cambio na lexislación con transcendencia para a caza foi a aprobación da lei galega de benestar dos animais de compañía. Como lle afecta ós cazadores e á cría de cans no rural?
Aínda non estamos a sentir as consecuencias, estamos no período de adaptación da norma. A Administración está a comezar a dar formación específica, o que nos dá unha idea da complexidade da lei. O que sabemos xa é que esta lei non se adapta ó rural. A norma busca combater o abandono de cans, pero este non está no campo, senón nas grandes cidades, onde boa parte non teñen microchip, o que facilita o abandono e xa se nota en moitas canceiras saturadas.

Nós para evitar este abandono propuxemos que cada vez que se estenda unha receita se tivese que identifícar o microchip, igual que na Sanidade ou como lle esixen ós gandeiros. A lei non soluciona o problema e créallos a aquelas persoas que teñen cans nas explotacións, como os mastíns, que máis que ser un animal de compañía, cumpren unha función na granxa. Tamén afecta á venda de cans… Fixeron unha lei para contentar a un sector, pero esquecéronse de todo o demais.

Desde Unitega reivindican a caza social fronte á caza deportiva ou comercial, por que é importante esa diferenciación?
Nós consideramos que a caza, tal e como se xestiona en Galicia, non é un deporte, fóra dos campionatos, que si teñen ese espírito de competición. Esa visión da caza como deporte é unha concepción que a día de hoxe cae polo seu propio peso. A razón pola que se considerou a caza como deporte foi para poder asociarse durante o franquismo, cando non estaban permitidas as asociacións. É unha estrutura organizativa que se vai ir cambiando, como está a ocorrer xa noutras comunidades como Valencia ou Baleares.

Recentemente coñecíase a detención dunha persoa pondo lazos en Abadín. Está aínda moi arraigado o furtivismo en Galicia?
Probablemente ese furtivismo que aínda persiste en Galicia sexa, nalgúns casos, unha consecuencia das demoras nas accións para reducir os danos da fauna. Tamén veñen, ás veces, dunha parte mínima do sector que chega ó extremo de cazar usando estes métodos. Aínda que é necesario que se erradiquen estas prácticas, neste caso fáltame que alguén explique que lle levou a esa persoa a facelo, porque pode ser revelador.

“A única maneira de sumar na defensa do noso rural é xuntos”

Que percepción da caza hai a día de hoxe na sociedade urbana?
Persiste un problema de espazo. A sociedade das urbes precisa dun espazo de recreo no seu tempo de lecer e o conflito xorde cando queren facer uso do campo, ó entender que o rural é de todos, e se atopan outra actividade organizada, por exemplo unha batida. Non é un problema exclusivo cos cazadores, tamén ocorre con outros colectivos como as comunidades de montes, onde determinados grupos queren facer uso de todos os camiños aínda que sexan privados.

A xestión do lobo é un dos temas nos que máis contraposición parece haber…
Son conflitos acentuados nos últimos tempos co uso das redes sociais. Igual estes conflitos estaban enfocados doutra maneira se non chega a ser por estes medios. No tema do lobo, hai iniciativas como o Grupo O Xan, no que se está traballando para lograr un maior entendemento entre todas as partes implicadas.

Nos últimos días, os cazadores tamén foron protagonistas coa concentración do pasado día 15 en Santiago, convocada pola Federación Galega de Caza e apoiada por Unitega. Que opinión lle merece a Unitega esta iniciativa?
Ata fai cousa de ano e medio a caza só recibía ataques e críticas, polo que se tomou conciencia da necesidade de defenderse e dar repostas. Isto fíxonos decatarnos de que é un conflito medio rural-medio urbano, non só centrado cos cazadores. É unha situación que é difícil de comprender nunha sociedade como a galega, moi vinculada ó campo. A única maneira de sumar na defensa do noso rural é que nos xuntemos, como fixeron no seu momento en Inglaterra.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información