“Poderémonos anticipar ós danos do xabarín con batidas preventivas”

A actualización do protocolo de xestión do porco bravo que promove a Consellería de Medio Ambiente inclúe novas medidas para reducir as perdas nas colleitas. O secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, cóntanos os cambios máis significativos

“Poderémonos anticipar ós  danos do xabarín con batidas preventivas”

Jacobo Feijoo, secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias

Os danos causados polos xabarís nos últimos tempos fan aumentar a preocupación dos gandeiros cando resta pouco para comezar coa sementeira do millo. Os produtores reclaman solucións para atallar as perdas. Falamos co secretario de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, Jacobo Feijoo, que nos detalla cal é a situación actual e as medidas pactadas coa Consellería de Medio Ambiente, coa que se reuniu esta mesma semana.

A piques de comezar a campaña do millo, cal é a situación das poboacións de xabarín?
No campo hai unha gran preocupación por este tema porque houbo moitos danos nos prados, sobre herba, dende que acabou a caza. Constátase que as poboacións de xabarín están totalmente descontroladas, hai centos de manadas con crías, o que tampouco é moi habitual nesta época do ano.

Que problemas están tendo os gandeiros?
Hai concellos enteiros onde practicamente é inviable facer calquera tipo de agricultura. Casos como o de Ortigueira, onde levan anos sen poder botar millo e onde cada vez hai menos produtores. Aí falamos de explotacións con 30 ou 40 hectáreas levantadas permanentemente e onde non se pode segar. Hai outro gandeiro da Fonsagrada que ten 30 hectáreas de prado moi danadas ou outra en Ponte Caldelas que ten tal nivel de danos que tamén é consciente de que non pode segar porque iso pode implicar danos na maquinaria e unha moi mala calidade da herba.

Foi este o eixo central das reunións que mantiveron coa Dirección Xeral de Conservación do Patrimonio Natural? Hai cambios nas actuacións previstas para atallar os danos?
Dada a intensidade dos danos, reunímonos para tentar revisar o protocolo de caza por control de danos que se aplica no período en que non está autorizada a caza. Téntase estirar todo o que se poida facer sen cambiar a lei de caza, para ser máis áxiles.

“Permitirase o uso de focos nas esperas nocturnas e a execución de batidas preventivas antes de que se extendan os danos”

Que novidades acordaron coa Consellería?
Ata o de agora había tres accións graduais: accións con cans, se estas non funcionaban facíanse esperas de noite e senón batidas (cans e armas). As esperas ata o de agora nin tiñan moito éxito nin lle gustan ás sociedades de caza polo risco que supón ir de noite á escuras. Unhas das melloras que se conseguiu foi dotalas de iluminación, para que sexan máis seguras. Outra das medidas pasa por flexibilizar estas esperas, permitindo abarcar zonas próximas ás danadas. Tamén hai a figura das batidas preventivas coas que nos imos poder anticipar, en lugares de risco para os cultivos, incluso antes de que haxa danos. Tamén conseguimos que se poidan facer batidas sen ter que facer antes accións con cans. Todo isto son melloras que vai permitir máis eficacia.

Unha vez que pase este apuro de controlar os danos na sementeira imos pedir revisar todo o que ten que ver coa caza do xabarín, co control das poboacións e co sistema que se está utilizando de cupos, co control de danos… Temos que crear un novo marco legal e de relacións onde os cazadores asuman o compromiso de que teñen que controlar as poboacións para compatibilizar a caza coa agricultura e a gandería.

Tamén habería que activar o fondo de corresponsabilidade, que figura na lei de caza que non se desenrolou, que sería para pagar os danos da fauna cinexética.

“O método máis axeitado é a caza racional, con criterios técnicos e científicos, para que a poboación se estabilice”

En canto ás novas vías de xestión do xabarín, que opinión lle merecen?
É tal o problema que o método máis axeitado é a caza racional, con criterios técnicos e científicos que inclúan censos para determinar a poboación e saber cantos animais é preciso abater para que esa poboación se estabilice. Tamén se pode falar de que os gandeiros empreguen máis sistemas preventivos, que non adoitan funcionar moito. Hai prácticas que tamén habería que revisar, como a de adestrar os cans no monte e buscar criterios que axuden a adestrar o can e afastar estes animais, non aproximalos ós cultivos e ás explotacións. Tamén sabemos que funciona, por outros países que o están facendo, a táctica de matar unha cría para que ante esa ameaza a nai deslocalice os animais, co que consegues afastalo. En cambio, se matas o adulto, a manada queda desestruturada e queda na zona. E agora tamén nos prohiben matar crías. Con boa vontade entre administración, cazadores e gandeiros podemos chegar a un marco novo de caza para control da poboación.

E o sistema de gaiolas que se está empregando nalgúns lugares, é extensible a outras zonas?
As gaiolas estanse empregando en espazos protexidos onde non podes entrar porque hai outras especies. Estas son medidas efectivas, por exemplo, no parque de Corrubedo, onde as manadas descontroladas de xabarís están a ser un problema para o resto da fauna. Son viables para esas zonas onde a caza estea restrinxida por algún motivo.

“O problema dos escasos prazos para executar axudas é tanto de Medio Ambiente como de Medio Rural. Teñen que melloralo”

Xestión do lobo

En canto ó lobo, como está o pago por indemnizacións por danos?
Conseguimos unha mellora significativa no tempo medio de espera con respecto a outros anos, e practicamente o 90% dos danos estanse pagando o propio ano que se producen, cando se esperaban ata 2 ou 3 anos. Tamén conseguimos un aumento do 10% nos prezos de indemnización do gando vacún. O problema é que en determinadas zonas hai moitos gandeiros que non poden pedir as axudas, porque os danos do lobo se producen nuns animais que non teñen chapa aínda, xatos acabados de nacer, ou nin sequera aparece nada, polo que non tes maneira de acreditar eses danos. Tamén sería preciso un control da poboación naquelas zonas nas que a presión sobre a gandería sexa moi elevada. É preciso tamén dar máis formación e fondos para prevención. A conservación da fauna, neste caso do lobo non pode ser un custo que recaia so sobre o gandeiro, ten que haber unha corresponsabilidade social.

Como valora o escaso prazo concedido este ano por Medio Ambiente para executar as axudas de prevención de danos por lobo, o que levou a parte dos beneficiarios a ter que renunciar ás mesmas?
O problema dos prazos é tanto en Medio Ambiente como en Medio Rural e teñen que facer un esforzo en mellorar a xestión de fondos.

“O gran reto que temos nos próximos anos é facer que o rural siga sendo un sitio para vivir e con actividade”

Jacobo Feijoo, responsable de Desenvolvemento Rural de Unións Agrarias, é tamén o presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), un colectivo ligado a Unións que aglutina a propietarios forestais e comunidades de montes.

Agora mesmo está a haber moita polémica co Plan Forestal…
Nós temos una postura moi clara: temos que conseguir un plan consensuado co sector e que permita os usos madeireiros e non madeireiros do monte. Conseguimos que o Plan Forestal reserve 200.000 hectáreas de monte para pastoreo, que pode ser unha gran oportunidade para aumentar a base territorial nas distintas explotacións, promovendo a extensificación da gandería. Á vez, os pastos farán de cortalumes naturais.

Tamén pedimos un plan estratéxico do castiñeiro, para que non todo recaia sobre as especies de sempre. A castaña ten un potencial enorme en Galicia e é un sector no que xa somos líderes en Europa.

Outro gran reto é conseguir que as frondosas autóctonas teñan valor económico, porque agora ocupan case un terzo da superficie arbórea de Galicia e non obstante, xeran menos do 5% do valor económico da madeira. Son precisas medidas de silvicultura e coordinación coa industria para que esa madeira que agora non ten uso industrial chegue a ter demanda.

“O eucalipto ten que ter o seu sitio no monte. Xa hai unha limitación, o importante é que se cumpra a lei”

E no referente ó eucalipto, é preciso restrinxir máis o seu espazo no monte?
O eucalipto ten que ter o seu sitio no monte. Hai un marco legal restritivo que non deixa que se plante en terras agrarias, nin que se substituían frondosas por eucaliptos e que non se estenda nas case 400.000 hectáreas da Rede Natura. Xa hai unha limitación, o importante é que se cumpra a lei. Tamén se recolle xa que a Consellería poida obrigar a levantar as plantacións ilegais de eucalipto, cando o propietario se negue. Se se cumpre a lei, o eucalipto só se pode expandir nas zonas de piñeiro, que tamén habería que regulalo para que poidan convivir.

A cuestión de fondo que subxace ó Plan é a ordenación do territorio forestal e agrario Que análise fai da situación da ordenación do territorio actual en Galicia?
Para que a ordenación do territorio sexa unha realidade ten que haber actividade. Podes debuxar nun mapa as zonas agrarias, gandeiras e forestais, que se despois non hai xente que o leve a cabo non serve de nada. O gran reto que temos nos próximos anos é facer que o rural siga sendo un sitio para vivir, con actividade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información