5 mozos que se incorporaron ao agro con éxito e sen complexos

Cinco mozos explicaron este venres en Santiago como foi a súa experiencia de incorporación á actividade agrogandeira durante a xornada “Incorpórate!”, organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e Obra Social “la Caixa”.

Publicidade
5 mozos que se incorporaron ao agro con éxito e sen complexos

Traballar no agro é unha profesión de presente e sobre todo de futuro, nun país e nun planeta cada vez máis necesitado de profesionais que produzan alimentos de calidade para alimentar á humanidade.

De feito, a falta de relevo xeracional no agro é unha preocupación prioritaria para a Unión Europa e así está previsto que se traslade á futura PAC. Dous datos reveladores da magnitude do problema: segundo un informe do Consello Europeo de Mozos Agricultores, só o 7% dos agricultores da UE teñen menos de 35 anos, unha porcentaxe que no caso de España baixa ao 5,3%.

A Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (Agaca) e a Fundación La Caixa organizaron este venres en Santiago de Compostela a segunda edición da xornada “Incorpórate!”, na que, precisamente, se demostrou que, malia as dificultades, o agro é neste momento unha terra de oportunidades para a xente nova que decida emprender.

Así, o demostraron os 5 mozos que participaron nunha mesa redonda para relatar as súas experiencias. Todos eles teñen en común que son integrantes da Comisión Xuventude Cooperativista Emprendedora, órgano creado dende AGACA, e o máis importante: están orgullosos do seu traballo e na maioría dos casos foron animados polas súas familias a continuar coa gandería ou coa horta familiar.

Estas son as súas historias:

Manuel Iglesias (SAT O Chope, Silleda): “Dende pequenos os nosos pais contaron con nós para tomar decisións, e iso foi un gran acerto”

Manuel Iglesias é un gandeiro de 37 anos de Silleda que xunto co seu irmán e outro socio levan unha gandería de vacún de leite e unha granxa de porcino.

“Tiven oportunidades de traballar na construción gañando moito máis, pero rexeiteino porque no campo é onde me sinto realizado, gústame o traballo cos animais e ter o meu propio negocio”, asegura como declaración de principios.

Incide na importancia da formación, de mecanizar as actividades e de empregar as novas tecnoloxías para mellorar a calidade de vida. “Lembro a meu pais dicir que a veces de noite soñaban con apretarlle a un botón para que se fixera o muxido só e non ter que levantarse para facer o primeiro ordeño da mañá. Hoxe temos un robot de muxido e é unha realidade”, bromeou.

“Tiven a sorte de que o meu pai me dixera que o que facía era rendible”

Ademais, Manuel Iglesias recomenda visitar outras explotacións gandeiras que sexan punteiras para coller ideas. Iso é o que fai a través da European Dairy Farmers, unha asociación de gandeiros europeos, que organiza visitas e intercambia datos entre os socios e que, segundo el, “permitiume ser máis selectivo e menos influenciable á presión comercial que temos os gandeiros”.

¿E cal foi a clave para que el e o seu irmán seguiran coa gandería familiar? “Tiven a sorte de que o meu pai dende pequenos nos dixera que o que el facía era rendible. Dende pequenos os nosos pais contaron coa nosa opinión para tomar decisións na gandería e iso foi un gran acerto”, subliñou.

Carlos Lede, produtor avícola, de horta e de viña (Vilanova de Arousa): “Estar nunha cooperativa foi un gran acerto”

Carlos Lede ten 36 anos e hai 9 anos, debido á crise, incorporouse á explotación agraria familiar en Vilanova de Arousa (Pontevedra). Hoxe ten unha produción diversificada que combina produción de horta tanto ao aire libre como baixo invernadoiro (leituga e tomate, principalmente); o viñedo e unha granxa de polos.

“Apostamos pola diversificación porque na nosa zona hai moito minifundio e sería complicado ampliar superficie para poder vivir só dunha destas actividades”, explica.

Neste sentido, incide na importancia de avanzar nos procesos de concentración parcelaria e na mellora da mecanización. Como aspectos que máis valora do seu traballo, Carlos destaca “a tranquilidade de traballar con menos presión, aprender cousas novas cada día e a vantaxe de estar nunha cooperativa, que nos facilita moito o traballo, xa que se ocupa da comercialización e nos facilita asesoramento”.

Darío Lema, gandeiro en Mazaricos: “Os meus pais ao principio tomaron mal que quixera seguir coa gandería familiar”

Darío Lema é un mozo gandeiro, de 20 anos de idade que, despois de criarse na cidade da Coruña decidiu volver ao rural para continuar coa gandería familiar en Mazaricos. “Si que é posible que un chorbo da Coruña coma min acabe muxindo vacas. É algo que me gusta e do que valoro especialmente a tranquilidade”, asegura convencido.

O principal obstáculo para que este mozo tomara o relevo nunha gandería moderna con 240 vacas de leite foi precisamente a súa propia familia. “Os meus pais non querían que me metese na gandería, rematadamente non, e os meus avós non tanto. Pero eu teimei e agora empezan a aceptalo”, explica.

“Si que é posible que un chorbo da Coruña coma min acabe muxindo vacas”

Ao pertencer a un medio urbano, Darío ten a vantaxe de ter tamén o punto de vista máis urbanita sobre o agro, “e a miña percepción é que hai unha idea moi desfasada e sesgada nas cidades do que é o agro galego”. “Aquí hai máis tranquilidade e se te organizas ben podes ter tempo libre e calidade de vida”, valora.

¿O que máis bota en falta? “O cine e un programa de inserción social no agro para darlle unha oportunidade de traballar a xente en risco de exclusión social. Penso que sería algo moi positivo”, valora.

Fernando Fernández, apicultor de Lalín: “Fáltanos saber vender e estar orgullosos do que producimos”

Fernando Fernández é un apicultor de Lalín cunhas 300 colmeas na comarca do Deza, e ven de plantar tamén 2 hectáreas de castiñeiros. Empezou prácticamente de cero, pois os seus pais só tiñan unhas poucas colmeas para autoconsumo. O seu obxectivo é vender directamente o seu mel cunha marca de calidade. “Paréceme moi importante que haxa unha maior compenetración entre os produtores e o consumidor final e tamén comercializar baixo unha denominación de calidade”, explica.

Neste sentido, amósase convencido de que “en Galicia temos produtos boísimos, pero fáltanos saber vendelos e estar moi orgullosos do que producimos”.

E cal é o principal problema ao que se enfronta? “A Vespa Velutina, que dezma as colmeas e por parte da Administración non se nos ofrece unha solución”.

Avelino Souto, gandeiro de Lalín: “Precisamos un cambio de mentalidade e estar orgullosos do noso traballo”

Avelino Souto é un mozo de 19 anos de Lalín que compatibiliza os estudos na Efa Fonteboa co traballo durante as fins de semana na gandería de vacún de leite familiar.

Afirma convencido de que un dos principais obstáculos á incorporación de xente nova ao agro é a presión social negativa. “Precisamos un cambio de mentalidade, que ten que partir do sector, para que transmitamos esa nova imaxe á sociedade”, asegura.

“Temos que transmitir unha nova imaxe do sector”

Neste sentido, explicou que “hai pouco estiven nunha estancia en ganderías de Canadá e alí é un orgullo dicir que es gandeiro ou fillo de gandeiro, porque hai unha conciencia e unha valoración social do que representan para o país”.

“Aquí, pola contra case é unha vergoña, e é algo que os propios profesionais do sector transmiten en moitos casos aos seus fillos para que non tomen o relevo na gandería familiar”, advirte.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información