5 claves para o éxito dunha concentración parcelaria

Recollemos algunhas das claves que determinan o éxito ou fracaso dos procesos de reestruturación parcelaria. Abordamos tamén algúns dos requisitos desta reorganización do territorio

Publicidade
5 claves para o éxito dunha concentración parcelaria

Paisaxe de minifundio

Un dos principais atrancos para as explotacións agrarias e gandeiras en Galicia é a limitación de dispoñer da superficie territorial necesaria. A fragmentación da propiedade, sumado ó abandono da terra -con máis de 32.000 ha ermas-, son factores que limitan o aproveitamento produtivo.

As concentracións parcelarias, foron a ferramenta para facer fronte a esta situación, pero moitos destes procesos dilatáronse no tempo. Dende o 2015, estes procedementos pasan a denominarse de reestruturación parcelaria logo dunha revisión para axilizar os prazos e lograr que fosen máis eficientes e dende a súa aprobación os procesos en marcha xa se foron adaptando á Lei 4/2015.

Abordamos algunhas das pautas sobre os procesos de reestruturación do territorio coa xefa de servizo de Infraestruturas Agrarias de Lugo, María Pérez, que ofreceu unha charla sobre as ferramentas para a mobilidade da terra en Galicia, organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo. Recollemos cinco claves que condicionan o éxito deste proceso:

1) Dispoñibilidade orzamentaria

A dispoñibilidade orzamentaria é un dos principais condicionantes para o desenvolvemento deste proceso de reestruturación do territorio debido ao custe económico que ten unha actuación desta envergadura. Malia iso, “a Consellería do Medio Rural está a invertir anualmente máis de 20 millóns de euros nunha aposta clara polos proxectos de reorganización da propiedade”, explica Pérez. O elevado número de solicitudes presentadas, como recoñecen dende a Consellería de Medio Rural, condiciona atender todas as demandas tramitadas e están seguindo un proceso de selección atendendo á prioridade e beneficios que pode reportar para a zona.

2) Predisposición da zona ó proceso

Unha vez que se conta con fondos económicos para afrontar o proceso, outra das claves que vai determinar que a reestruturación parcelaria se desenvolva de xeito áxil ven marcado pola predisposición da zona a someterse ó proceso. Aquí entran en xogo dous tipos de condicionantes:

-A vontade da maioría dos veciños e propietarios das fincas a afrontar este proceso de organización do territorio. “É fundamental que a xente sexa consciente dos beneficios que vai traer para a zona este tipo de reorganización da superficie: menor número de parcelas que proporciona un maior aproveitamento produtivo”, argumenta a responsable do servizo de Infraestruturas. O respaldo dos implicados ó proceso contribúe a que este sexa máis rápido.

-As propias características da zona van determinar tamén que a parcelaria se dilate máis ou menos no tempo e, incluso, que se poida levar a cabo. As limitacións medioambientais ou relacionadas co patrimonio, son factores determinantes.

“Nós dependemos das autorizacións doutros organismos ó igual ca calquera particular. Ás veces, estes permisos son incluso máis esixentes dado o impacto que ten no seu conxunto este tipo de procesos. Existen un importante número de limitacións sectoriais. A xente pensa que imos poder afrontar limitacións que eles tentaron superar antes a título particular e o certo é que estes procesos tamén están suxeitos a elas, aínda que poida haber certas concesións por actuar por un conxunto”, apunta Pérez.

“A xente pensa que podemos afrontar limitacións que eles tentaron superar antes e o certo é que estes procesos tamén están suxeitos a elas”

Os condicionantes máis habituais son aqueles que veñen dados pola Rede Natura, os xacementos arqueolóxicos, os cursos fluviais, pasos de auga, canalizacións (que van determinar a reestruturación), pero tamén os noiros, os balados, algúns camiños pola súa singularidade…“Nós temos que cumprir unhas directrices de ordenación do territorio e paisaxísticas en todo o proceso. Temos que integrar todas as normativas para o proxecto e tentar ofrecer a mellor solución”, reafirma.

A titularidade da fincas tamén inflúe directamente no proceso. Se existen moitas parcelas nas cales é difícil identificar ó propietario e localizalo tamén fai que sexa máis complexo e se prolongue a resolución da parcelaria.

“Cantas máis limitacións veñan impostas na zona de actuación máis vai costar levar a cabo o procedemento”, recoñece a experta.

3) Visión colectiva

“Cada un dos propietarios involucrados neste proceso vai saír beneficiado, pero sobre todo, vai haber un beneficio conxunto, para todos os implicados. Moitas veces esta falta de visión colectiva é o que máis atrancos ocasiona, xa que é cando comezan os recursos que van dilatar no tempo o procedemento”, argumenta Pérez. Por iso, para a xefa de servizo é clave que durante todo o proceso haxa unha concienciación de que o procedemento mellorará as condicións de todos os implicados para facilitar a súa tramitación.

4) Recuperación de terreos

A nova normativa, a lei 4/2015 de reestruturación parcelaria, “vai máis aló do concepto de concentración e á marxe de procurar mellorar a calidade de vida no rural tamén está pensada para fomentar a actividade neste ámbito”, explica Pérez. Esta concepción da nova norma inflúe á hora de desenvolver a parcelaria.

Un dos cambios máis significativos é que a normativa establece que a iniciativa para solicitar unha parcelaria debe vir do 70% dos titulares de explotacións inscritas en rexistros oficiais e non só polos propietarios da terra, como acontecía anteriormente.

Tamén se valora a fragmentación do territorio nesa zona. “Aínda que esta fragmentación dáse en tódalas solicitudes que se presentan, nalgunhas zonas é máis acusado ó ser o tamaño da parcela máis reducido”, concreta.

5) Atender ás vocacións do terreo

Como explica María Pérez, a nova normativa presta especial atención ó potencial da zona sobre a que se contempla a parcelaria. “Este procedemento tamén vai buscar reducir o número de predios pero vaino facer adaptado ó potencial produtivo de cada zona e ás necesidades que teñen”, concreta. Isto tamén muda e inflúe no reparto das terras que vai estar condicionado polos compromisos que se poidan fixar para garantir actividade produtiva. Á hora de atender ás peticións de reparto de propiedades nunha zona ou outra terán en conta para concedelas que se poidan selar compromisos para manter a actividade.

Os requisitos para que unha parcelaria funcione

Á hora de afrontar un proceso de reestruturación parcelaria, María Pérez sinala algúns dos requisitos que van permitir que este proceso funcione e non acabe prolongándose no tempo.

A) Boa base

A clave para Pérez á hora de afrontar a parcelaria é contar cunha “boa base” conformada pola solicitude do maior número de propietarios e dos profesionais da zona afectada, xa que iso é garante de que o proceso é requirido polos implicados e os atrancos derivados da oposición serán reducidos. “O consenso é fundamental para que o proceso sexa fluído”, puntualiza.

B) Trámite ambiental

As limitacións ou condicionantes da zona para afrontar estes cambios na estruturación son fundamentais para determinar que funcione. “Este é un punto onde o proceso se pode prolongar máis naqueles casos nos que hai necesidade de facer máis estudos dos que habitualmente se levan a cabo”, explica Pérez. Ás veces, por este tipo de condicionantes incluso se debe excluír parte da zona, ou só facer labores de mantemento.

C) Investigación

Unha vez que se afrontaron estes dous pasos previos, outro dos factores que condiciona o proceso é a colaboración dos propietarios e dos veciños na fase de investigación que levan a cabo os técnicos. Unha investigación sobre o terreo para localizar os lindes das parcelas, as particularidades que poidan ter (cargas ou gravames) e identificar ós propietarios. “O obxectivo é conseguir que o parcelario se axuste á realidade para reducir o número de trámites de reclamacións e correccións de erros”, concreta.

D) Oposición veciñal

A oposición veciñal é o que lastra este procedemento a base de recursos e alegacións, polo que o fundamental é contar co maior respaldo social antes de comezar coas parcelarias. “Por moi beneficiosa que poida resultar unha parcelaria para unha parroquia ou aínda que haxa unha parte da poboación que a demande, se a oposición veciñal é moi alta non se pode continuar co proceso”, aclara.

Recomendacións: 

Á hora de iniciar as tramitacións dunha reestruturación parcelaria, Pérez sinala dúas recomendacións antes de afrontalo proceso:

Lograr consenso

O fundamental é lograr o consenso da zona, tanto dos propietarios, como dos profesionais vinculados á terra así como dos propios veciños.

Orientacións técnicas

Pérez insta a solicitar asesoramento técnico para aquelas zonas nas que estean pensando en solicitar a parcelaria posto que, en moitos casos, existen outro tipo de ferramentas que se axustan mellor ás necesidades ca unha parcelaria e que poden resolverse con máis axilidade e con resultados similares, como poden ser a reestruturación privada ou proxectos de mobilidade que non estean tan enfocados á propiedades e máis ó aproveitamento das terras. “Cando coñecemos as características da zona podemos asesorarlle as ferramentas que mellor se lle poden axustar, a tipoloxía de procedemento que pode ir máis acorde en cada caso e que logo eles poidan valorar por que vía optar”, concreta.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información