40 agricultores da Limia empezarán este ano a cultivar millo para grao

40 agricultores da Limia empezarán este ano a cultivar millo para grao

Reunuión celebrada este venres en Xinzo entre Almacenes Gamallo e os agricultores que van participar na iniciativa

Un total de 40 agricultores da comarca da Limia participarán este ano nun proxecto piloto, liderado por Almacenes Gamallo, para cultivar millo para grao. O acordo pechouse este venres pola noite nunha reunión celebrada en Xinzo da Limia entre os agricultores e a empresa de cereais.

Serán en total unhas 300 hectáreas as que se sementarán para este cereal, co que se pretende diversificar, introducindo un cultivo alternativo á pataca na comarca, e ofrecerlle unha rendibilidade económica garantida aos agricultores.

A sementeira está previsto que comece o 20 de abril e ensaiaranse 4 variedades de millo para gran das empresas KWS, Limagrain, Dekalb e RAGT, cun ciclo 300 que se irá baixando cando máis tarde se semente. O obxectivo é colleitar o grao de millo cara o día 10 de outubro, aproveitando que xa hai agricultores na comarca que dispoñen de colleitadora adaptada.

Segundo José Antonio Gamallo, xerente de Almacenes Gamallo, a empresa impulsora desta iniciativa, “o obxectivo deste proxecto de I+D é introducir un cultivo que cremos que na Limia, co sistema de regadío que temos, é rendible e aseguraralle aos agricultores uns ingresos moi interesantes”.

Almacenes Gamallo comprométese a mercar toda a colleita a prezo de mercado, nestes momentos nuns 180 euros a tonelada

Almacenes Gamallo encargarase de ofrecer aos agricultores asesoramento técnico e comprométese a mercarlles toda a colleita, que se destinará principalmente á elaboración de pensos para alimentación animal, onde a empresa limiá ten unha importante cota de mercado no mercado portugués. En canto aos prezos, José Antonio Gamallo avanza que “pagaremos a prezo de mercado, que neste momento está nuns 180 euros a tonelada”.

Luís Carlos Fernández é un dos agricultores que participará nesta iniciativa, destinando 40 hectáreas. No seu caso animouse porque considera que se trata dun cultivo rendible e con menos gastos e problemas fitosanitarios que a pataca. “Co sistema de regadío ,que no meu caso será por goteo, calculo que os rendementos estarán entre as 16 e as 20 toneladas de grao por hectárea, e as previsións é que sexa rendible aos prezos actuais de mercado”, asegura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información