30 innovacións agrarias presentaranse en Cimag-GandAgro

O certame, que se celebra en Silleda do 19 ao 21 na Feira Internacional de Galicia, acollerá as presentacións das innovacións agrarias de 17 empresas.

30 innovacións agrarias presentaranse en Cimag-GandAgro

Vista de Cimag 2013.

A Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Cimag-GandAgro 2015, que se celebrará do 19 ao 21 de febreiro na Feira Internacional de Galicia, potenciará a innovación tanto na súa área expositiva como no seu programa de actividades técnicas.

Así, no seu marco celebraranse dous concursos, GandAgro Innova 2015 e Máquinas Destacadas Cimag 2015, destinados a premiar o último e máis eficiente en tecnoloxía para o agro. A eles concorren 30 innovacións presentadas por 17 empresas que participan na área expositiva do certame.

Principais propostas innovadoras

En canto ao concurso Máquinas Destacadas Cimag 2015, o cal premiará as innovacións tecnolóxicas en maquinaria que destaquen polos seus avances en deseño, prestacións e calidade do traballo, participan 21 propostas, entre as que se encontran un axitador sumerxido hidrodinámico para xurros, un batidor de arena e purín, un indicador de pesaxe programable para a recolección de forraxe, unha manipuladora telescópica, unha segadora de forraxe con barra de corte de discos, una colleitadora de forraxe, un rastrillo henificador, un sistema informático para a xestión da alimentación do gando, dúas rotoempacadoras con encintadora, unha sementadora neumática con sistema de sementeira combinado, unha cargadora telescópica articulada, unha encintadora con pretensor de dobre bobina, unha cisterna para purín, unha rotoempacadora de cámara variable, tres tractores agrícolas, dúas cargadoras telescópica, unha delas articulada, e unha desenvolvedora de pacas cilíndricas.

Respecto ao concurso GandAgro Innova 2015, cuxo obxectivo é premiar as innovacións destinadas a optimizar os recursos agrogandeiros, concorren 9 propostas, as cales consisten nunha aplicación para teléfono móbil que permite ao gandeiro controlar a súa explotación a distancia, un proxecto para establecer as formulacións de abonos compostos máis axeitados aos cultivos forraxeiros, un programa de fertilización consistente nun soporte informático para realizar recomendacións de abonado tendo en conta factores coma a relación solo-planta, un sistema para a determinación automática da condición corporal da vacas mediante imaxes 3D, un arrimador de comida con dispensador de concentrado, un sistema para quentar o calostro, unha mesa solar con punto de recarga e iluminación led fabricada con materiales reciclados e reciclables, un equipo para depurar augas en fontes mediante un tratamento por ultra-violeta e un enerxizador para detectar fallos na corrente ou rotura da cerca que avisa mediante sms.

13 expertos nos xurados

Estes concursos contarán con xurados independentes, especializados nos ámbitos relacionados con cada concurso.

Así, o de GandAgro Innova estará composto por 9 expertos, pertencentes á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria da Xunta de Galicia, Axencia Galega de Innovación, Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, Facultade Veterinaria de Lugo, Consello Superior de Investigacións Científicas de Galicia, Parque Tecnolóxico de Galicia, Escola Politécnica Superior de Lugo e Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Pola súa banda, o Concurso de Máquinas Destacadas contará cun xurado formado polo presidente de AENOR CTN 68 “Tractores y Maquinaria Agrícola”, un profesor da Universidade de Tras Os Montes e Alto Douro, o vicerreitor do Campus de Lugo e o secretario xeral da Asociación Nacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal y de Espacios Verdes (Ansemat).

A entrega de galardóns terá lugar na xornada inaugural do certame no stand de cada firma. A Conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, participará na entrega de premios do Concurso de Máquinas Destacadas 2015 xunto co xurado do mesmo.

Campo Galego estará presente en Cimag-Gandagro 2015 informando das principais novidades. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información