A Xunta estuda autorizar o abandono de animais mortos para voitres

Os permisos para non retirar os cadáveres limitaríanse a ganderías extensivas en determinadas zonas. A medida beneficiaría indirectamente ao lobo, pero á Xunta preocúpalle que as preas propicien unha expansión maior do xabarín

A Xunta estuda autorizar o abandono de animais mortos para voitres

Voitres nos Ancares.

A aparición en España do chamado mal das vacas tolas, hai uns 15 anos, obrigou á posta en marcha dun sistema de retirada de cadáveres de animais nas explotacións gandeiras. A medida, dirixida a evitar perigos para a saúde pública, tivo efectos indesexados na fauna silvestre, pois ata daquela era habitual que especies coma os lobos se alimentaran das preas deixadas no monte. A Xunta estuda agora autorizar de xeito excepcional o abandono de animais mortos, tal e como xa fixo Asturias.

Cada comunidade autónoma pode decidir se permite ou non excepcións á obriga de retirar os cadáveres. Desde o sector gandeiro, grupos como O Xan entenden que o abandono puntual de animais mortos podería reducir a presión do lobo sobre o gando, se ben a Administración advirte de que a normativa europea prohíbe deixar cadáveres no monte con destino o lobo ó norte do río Duero.

En Galicia, a regulamentación da UE só permite deixar preas no monte para voitres, oso e aves de rapiña, pero non para o lobo

En Galicia, segundo explica a Xunta, a Reglamentación 142/2011 da UE só permitiría o abandono das preas con destino a voitres ou, en zonas de Rede Natura, a aves de rapiña e ó oso, pero non para o lobo. Outra cousa é que o lobo tamén se puidera beneficiar de xeito indirecto desa fonte de alimento.

Así as cousas, a Administración está a valorar a posibilidade de delimitar en Galicia zonas de interese de conservación para as aves necrófagas nas que podería autorizar que as ganderías extensivas abandonasen cadáveres no monte, sempre cunhas restriccións que evitasen riscos para a saúde pública ou animal. Desde a perspectiva de Medio Rural, de saír a norma adiante, serían “moi poucas explotacións” as que poderían optar a solicitar a autorización.

Asturias
Outras comunidades xa regularon nos últimos meses a posibilidade de abandonar preas no monte. A última, Asturias, este mesmo mes, que decretou que todo o Principado é zona de interese para a conservación de especies necrófagas (voitres), salvo 11 municipios da área de influencia do aeroporto de Asturias. A Administración asturiana publicou un listado de pastos de cada municipio nos que se poden deixar os cadáveres, previa declaración responsable do gandeiro validada por un veterinario oficial.

O voitre é unha especie en expansión en Galicia, presente desde hai anos nas montañas de Lugo e Ourense, así como en zonas de media montaña de Pontevedra (Suído, Cando, Candán), chegando mesmo a verse voitres recentemente sobre Vigo. Desde a Xunta recoñecen a presenza dos voitres, pero sinalan que non hai ningunha valoración científica que avale a necesidade de alimentación adicional da poboación de voitres radicada en Galicia.

“Galicia leva traballando 25 anos para conseguir o estatus de indemne de tuberculose bovina”

A Xunta advirte dos riscos que pode levar consigo o abandono de cadáveres a efectos da sanidade animal. “Os expertos en estado sanitario da fauna silvestre desaconsellan, en calquera suposto, o aporte de alimentación suplementaria que poida ser indirectamente consumida polo xabarín” -advirten desde Medio Rural-. “Así preténdese evitar a proliferación de dita especie e a dispersión da tuberculose bovina á fauna silvestre, con obxecto de previr situacións epidemiolóxicas como as que actualmente se producen no sur de España”.

A Consellería lembra que Galicia lleva 25 años traballando para conseguir o estatus de oficialmente indemne de tuberculose bovina, sendo na actualidade a zona da península con máis baixa prevalencia en rabaños. “O Plan de Actuación frente a la Tuberculosis en Especies Silvestres, deseñado polo Ministerio, establece a prohibición total de alimentación suplementaria para o xabarín nas rexións do Atlántico norte (Galicia, entre elas), para evitar o éxito reprodutivo e a conseguinte proliferación da especie”, advirten desde Medio Rural.

Por este motivo, a Xunta sinala que ata o de agora non desenvolveu unha normativa reguladora para permitir excepcións ó abandono de vacas, ovellas e cabras no monte. Agora si que baralla a súa publicación e lembra tamén que xa estaba autorizado o abandono de cabalos no monte cando a súa retirada supuxera o uso de medios desproporcionados.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información