Xesto solidario de gandeiros de Ordes: envían dous camións de forraxe a explotacións de Viana afectadas pola seca

Xesto solidario de gandeiros de Ordes: envían dous camións de forraxe a explotacións de Viana afectadas pola seca

Un grupo de gandeiros da comarca de Ordes enviaron esta semana dous trailers de forraxe como axuda solidaria para compañeiros de Viana do Bolo, en Ourense, que están quedando sen alimento para o gando debido á forte seca e aos lumes forestais. Un terceiro camión foi enviado a ganderías do concello pontevedrés de As Neves.

Os envíos a Viana chegaron o mércores e o xoves en dous cargamentos. A iniciativa xurdiu da solidariedade dos propios gandeiros que se puxeron en contacto coa Cooperativa Agraria Comarcal de Ordes, que foi a que realizou as xestións e se encargou do transporte. En total máis de 60 bolos e pacas de herba seca e silo de herba chegaron a Viana, un xesto que agradeceron os gandeiros desta comarca, na que están a sufrir un dos peores anos para a gandería. Levan un ano demandando da Xunta e do Goberno Central axudas directas para poder alimentar o gando, xa que a colleita de herba baixou máis dun 50% e prácticamente non houbo pastos de outono. De momento, a única axuda que recibiron foi o xesto solidario doutros gandeiros.

Á entrega do primeiro cargamento acudiron en representación dous gandeiros de Tordoia, Policarpio Vázquez Liñares e José Ramón Castro Recouso.

“Profundo agradecemento” aos gandeiros que doaron forraxe e críticas á Consellería do Medio Rural

Segundo recolle o xornal O Sil, o concelleiro de Medio Rural vianés, que tamén é gandeiro, Santiago Barja, expresou o seu máis profundo agradecemento a estes produtores. “Estamos máis que agradecidos. Isto é un acto totalmente voluntario e ao marxe da consellería, un xesto entre gandeiros e significa moito para nós, supón un acto de solidariedade moi grande para nós, e máis nun ano coma este, tan difícil, e facéndoo deste xeito, de forma totalmente gratuíta e traendo ata aquí a forraxe”, asegurou.

Tamén o alcalde de vianés, Secundino Fernández, amosou o seu agradecemento e criticou a pasividade da administración autonómica: ”Ante o abandono da administración da Xunta de Galiza teñen que ser os propios gandeiros doutras zonas os que doen parte da sua forraxe e custeen o transporte para facer chegar a todos as ganderías que están a sufrir un ano catastrófico, debido tanto ás xeadas como sobre todo á grande seca que deixou as explotacións sen forraxes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información