Valor nutritivo para o gando dos distintos tipos de mato

Resumo do relatorio da profesora da USC María del Pilar González Hernández “Produción e valor nutritivo do sotobosque e das matogueiras” dentro da “Xornada técnica sobre sistemas silvopastorais nos montes atlánticos” organizada polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Publicidade
Valor nutritivo para o gando dos distintos tipos de mato

Gando vacún nun sistema silvopastoral na Serra do Barbanza.

Por que é importante coñecer a calidade nutritiva do mato?

• A calidade e a cantidade de biomasa vexetal determinan a capacidade de carga animal do sistema de pastoreo.
• A calidade nutritiva inflúe na taxa de inxestión do alimento, que será mais alta canto mais rápida sexa a súa dixestión (boa dixestibilidade e contido en proteína)
• Isto repercute na velocidade de desaparición do pasto na superficie pastable.
• As características da vexetación determinan o tipo(s) de animal compatible no pastoreo.

Cales son as necesidades de alimentación do distinto tipo de gando?

As necesidades nutricionais do gando explícanse habitualmente en termos das súas necesidades proteicas e nos seus requirimentos de enerxía. En canto ás primeiras exprésanse na porcentaxe de Proteína Bruta (PB) que está presente no pasto, e, en xeral, son do 6% PB (60 g/kg ms) para mantemento , incrementándose durante a lactación ao 12%, aínda que varían segundo tipo de gando e o seu estado fisiolóxico. Por exemplo, no caso do gando cabalar, para un cabalo maduro están no 8 – 10 % e se é un cabalo novo, a necesidade de proteína bruta sobe ao 10 – 12 %.

En canto a como se ven cubertos os requirimentos enerxéticos do animal, a enerxía dispoñible en pasto mídese en % de materia seca dixerible (MSD) . Os valores óptimos varían segundo a especie animal, idade, sexo e climatoloxía…pero en xeral para o gando en extensivo o desexable é que o pasto non teña menos dun 45-50 % MSD. Para o gando vacún de carne en extensivo, a porcentaxe óptima establécese entre un 46 – 56 %; incrementándose na lactación ao 56 – 66%. Para o gando cabalar, os valores óptimos poden ascender ao 62 % MSD

A importancia da presenza dos taninos

Os taninos son compostos fenólicos presentes no 80% das plantas leñosas e só nun 15% das herbáceas. Poden ter un papel positivo ou negativo na alimentación do gando dependendo da súa concentración nas plantas. Valores entre 2-4% poderían ser beneficiosos e maiores que 7% poderían chegar a ser prexudiciais. O seu efecto tamén depende da especie animal, xa que os animais ramoneadores (cabra, ovella ou cabalo) son máis tolerantes á toxicidade dos taninos que outros herbívoros como a vaca ou a ovella.

En concentracións altas nas plantas leñosas poden ser tóxicos para o gando, diminúen a palatabilidade polo sabor amargo e tamén baixa a calidade nutritiva, xa que os taninos reducen a dixestibilidade , de xeito que parte da proteína bruta pérdese a través das feces.

En canto aos afectos beneficiosos, diversas investigacións teñen confirmado as súas propiedades antimicrobianas e constitúen unha alternativa aos antibióticos, evitando o problema das resistencias. Ademais, pódense utilizar en gandería ecolóxica e son un antioxidante que axuda a previr a oxidación lipídica da carne, e polo tanto a evitar o sabor rancio da mesma.

Cal é calidade nutritiva das distintas especies de mato presentes no monte galego?

Partindo de que as necesidades medias de proteína para o gando en extensivo establécense nun mínimo do 9% e as enerxéticas nun mínimo de 45% de materia seca dixestible, o valor nutritivo das principais especies leñosas é o seguinte:

NOME

PROTEÍNA BRUTA%

MATERIA SECA%

TANINOS

OUTRAS

Erica Cinerea/Carroucha ou queuga 6,00% 23,00% Si
Erica Umbellata/Uz branca 7 19 Si
Erica Arborea 8 24 Si
Calluna Vulgaris/Queiroa 6 26 Si
Daboecia cantabrica/Queiroga maior 8 24 Si
Cytisus multiflorus/Xesta 13 47 Non
Pterospartum tridentatum/ Carqueixa 7 35 Si
Ulex europaeus L. 9 40 Si Poucos taninos
Trifolium repens 21 51 NON
Trifolium pratense 21 57 NON
Rubus sp./ Silva 10 31 Si Alta presenza de taninos
Hedera hibernica L. /Hedra 9 63 NON
Quercus robur L./Carballo 9 32 Si
Castanea sativa /Casteiñeiro 11 42 Si
Carex remota 11 45 NON
Holcus mollis 14 58 NON
Agrostis capillaris 9 41 Si
Agrostis curtisii 8 36 Si
Raigrás italiano 17 75 NON
Dactilo 17 59 NON
Landras 5 Si 3% de fibra
Castañas 5 a 8% Si 2-3% de fibra

Relación entre produción de pasto e labores de clareo do bosque

Hai unha relación inversa entre a produción de pasto arbustivo ou herbáceo do sotobosque nun sistema silvopastoral co % de cobertura da copa e non sempre coa densidade arbórea ou área basal. Deste xeito:

– Despois das cortas a feito pode aumentar a biomasa, e por tanto, o recurso alimenticio. Pero este vai ser maior en cantidade e non en calidade: maiores concentracións de limitantes nutricionais como os taninos.

– Por tanto, as claras e clareos selectivos poden ser ferramentas de manexo que favorezan o crecemento do arborado optimizando tamén o recurso alimenticio.

Resposta dos distintos grupos de plantas ao pastoreo

A taxa de recuperación das herbáceas tralo pastoreo é maior. Pola contra, a recuperación das arbustivas tras o corte (ou pastoreo) é moito menor.

A tolerancia das plantas ó pastoreo depende sobre todo da intensidade e
frecuencia do pastoreo e da época do ano na que este se produce (maior tolerancia o principio da primavera e menor cara o final da mesma e no verán). Calquera combinación destes 3 factores pode causar na planta deterioro, estimulación do rebrote ou non ser apreciables.

Neste sentido, é preciso ter en conta os carbohidratos que ten a planta como reserva. Nos meses de maio e xuño, cando para a maioría das plantas estes carbohidratos están aos niveis máis baixos, un pastoreo intensivo pode comprometer o futuro da planta.

Consumo diario de materia seca segundo o tipo de animal:

CADRO_ARBUSTIVOS_CONSUMO_MATERIA_SECA_ANIMAL

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información