“As vacas de raza Caldelá son auténticos diamantes en bruto”

A gandería de Javier Blanco e de María del Mar Fariñas en Foncuberta (Maceda) é un referente en explotación de vacún en extensivo con razas autóctonas. Hai 10 anos Javier deixou o camión pola gandería, “unha das mellores decisións da miña vida”. Cóntanos a súa historia..

“As vacas de raza Caldelá son auténticos diamantes en bruto”

Javier Blanco co seu rabaño de raza Caldelá

Javier Blanco e María del Mar Fariñas son unha parella de gandeiros que teñen unha explotación de vacún de carne en extensivo en Foncuberta, no concello ourensán de Maceda. En algo máis de dez anos este matrimonio conseguiu non só vivir dignamente do seu traballo, senón ser un referente en produción de carne de alta calidade de raza autóctona Caldelá. Pero tamén ter calidade de vida e vivir sen estrés.

Porque a ocupación durante máis de dez anos de Javier foi o transporte por estrada, e o que empezou como un hobby, alugando algunhas fincas e metendo algunhas vacas de carne, acabou sendo a súa profesión. ”Empezou como un hobby, pero foime gustando e no ano 2007, con 30 anos, retireime do transporte e metinme na gandería”.

Contento da decisión tomada? “Hai moitos días que si e algúns que non”, bromea. Pero asegura convencido de que o cambio foi a mellor: “Deixei o transporte pola presión dos clientes, polo teléfono, polas carreiras, por andar a presión todos os días, un estrés que nalgún momento che chega a afectar á saúde. Na gandería tamén tes que correr, pero é un ritmo máis libre, non tan atado”, explica.

Hoxe contan cuns 190 animais de raza Caldelá, entre vacas e recría, e venden uns 130 becerros ao ano. A base territorial, arredor de 300 hectáreas, a maior parte en aluguer, é a única fonte de alimentación do gando, tanto en forma de pasto, como de herba seca e silo de herba. 0% de gasto en penso e máximo aproveitamento dos prados e do monte baixo.

Por que elixiu a raza Caldelá?

Nos primeiros anos Javier probou con tres razas: Limiá, unha raza autóctona galega, Asturiana de los Valles e Caldelá, que mantiña en tres lotes separados en tres fincas.

“Pero pasado o tempo concluín que os animais que mellor se adaptan a min e ao terreo que temos aquí son os de raza Caldelá. Pode ser porque os animais que me tocaron son máis dóciles, de mellor manexo, e en xeral son máis rústicos e teñen moitas menos complicacións”, explica.

No caso da raza Asturiana recoñece que “trae unhas crías moi boas, pero se tes 20 vacas para sacarlle 10 crías tes que botar día e noite con elas porque ou non mama o becerro, ou hai que tirarlle pola cría no parto, ou hai que munguila…etc”.

Pola contra, destaca que “a unha destas vacas de Caldelá véxoa parir e marcho, non fai falta asistila nada no parto nin tampouco tes ningún problema de mamite por picadura de mosca”. Unha proba da rusticidade e adaptación ao medio destas raza é que a mortalidade non supera o 2%.

“Coa Caldelá esqueces os problemas de parto e como moito a mortalidade é do 2%”

“As vacas que teño aquí eu considéroas como uns diamantes en rocha, aos que o único que falta é tallalos para vendelos”, afirma con orgullo Javier.

A media de partos por animal supera os 10, sendo raro que baixen de 15, e mesmo hai un exemplar, nada no ano 1996, que xa leva 19 partos, e sen ningún problema de saúde.

Os encargados de manter a pureza do rabaño e mellorar as súas características son 3 touros: Opio, un impresionante exemplar de 9 anos de idade; Duque, o seu sucesor natural, con 3 anos de idade, e a última incorporación, Corzo, de ano e medio. Para realizar os cruzamentos e evitar a consanguinidade Javier conta coa axuda dos técnicos de Boaga, a asociación da Consellería de Medio Rural que se encarga de preservar e promover as razas autóctonas galegas.

No caso desta gandería, recrían co obxectivo de manter a pureza da raza Caldelá e das vacas e touros con maior puntuación. Así, cada ano veñen recriando entre 20 e 30 becerras daqueles animais máis dóciles. “Non busco que sexan vacas de andar pola corda, que si que as teño, pero si que sexan de fácil manexo. E logo que teñan largueza, conformacións e que as nais teñan aptitude leiteira para alimentar ben aos becerros”, explica.

Así, aos 8 meses Javier separa as becerras das nais e méteas nun lote de recría no que estarán ata os 18 meses. A continuación pasan ao lote xeral, onde están as vacas nutrices e os touros, onde son inseminadas por monta natural. Un terceiro lote é o dos animais de mellor xenética, de onde saen as futuras nais.

Un sistema eficaz e barato para crear pasteiros en zonas de monte

Estes animais de raza Caldelá aliméntanse exclusivamente a base de herba, ben sexa pasto, ou silo de herba e herba seca nos meses nos que as pradeiras non producen o suficiente.

Son en total 300 hectáreas, das que 110 están en zona de alta montaña con pasto arbustivo. “É unha finca que collín hai 3 anos e era monte puro pero hoxe a vexetación non supera os 40 centímetros, e acabarei conseguindo que sexa unha pradeira”, asegura Javier con convicción.

Nas outras dúas fincas, que suman arredor de 90 hectáreas cada unha, este gandeiro puxo en práctica un sistema de baixo custo para facer as pradeiras. “Aquí a xesta máis delgada que había era máis gorda que un brazo e hoxe ségase toda. Pero leva o seu tempo facer unha pradeira”, asevera.

Emprega o centeo como cultivo intermedio para facer pradeiras

¿Como fai?: “Primeiro dividina en cuadrículas e en cada unha vou metendo o gando para que aproveiten toda a materia vexetal que podan. Logo rozo e decrúo, e semento centeo en setembro ou na primavera, que as vacas van pacendo, e no mes de setembro volvo arar e semento xa a pradeira permanente”, explica.

O centeo non só lle permite controlar o toxo, senón que mellora a textura e estrutura da terra, ao tempo que proporciona forraxe para o gando, que o pace sucesivas veces.

En canto ao abonado das pradeiras, neste sistema extensivo e de mínimo custo, o único fertilizante son as excretas das vacas, e de vez en canto algún xurro de porcino dunha granxa cercana, sobre todo para as pradeiras destinadas a silo de herba.

Pero proximamente teñen previsto pasar a estar certificados en ecolóxico polo que limitarán tamén as pasadas de xurro.

Vende os becerros con 7 meses porque considera que lle é máis rendible

Nesta gandería procuran ter partos todo o ano, de forma que cada trimestre venden sobre 30 becerros. “A tendencia natural destes animais é concentrar os partos na primavera, cando hai máis pastos. Pero logro repartilos ao longo do ano botando as xovencas e as vacas ao lote no que están os touros de forma escalonada”, asegura.

En canto aos rendementos dos xatos, móstrase satisfeito xa que, malia ter menos peso por canal que outras razas, non presentan problemas de parto ou saúde e requiren moita menos atención e gastos de alimentación. Ata hai 3 anos cebaba os becerros na propia gandería, pero dende entón véndeos directamente como becerros pasteiros a un cebadeiro de Ourense. “Véndoos cuns 6 meses e desta forma é máis rendible, e desenténdeste de mercar cereal e de asegurarte logo a venda”, destaca.

Os xatos levan o selo de Ternera Gallega Suprema e para Javier as calidades da carne de raza Caldelá “son excepcionais”. “É un sabor e unha textura moi diferente á doutras razas”, subliña. Porén, critica que os prezos non acompañan como debera: “Seguimos cobrando os becerros a 4,5 euros máis Ive o quilo, dentro dunha IXP que ten moita demanda como é a Ternera Gallega Suprema, sen embargo vas a Extremadura, onde teñen excedente de carne, e o prezo para o gandeiro é similar, a 4 euros”. “Non se entende”, afirma.

A outra vía de ingresos é a venda de vacas para desvelle, das que destaca que “facéndolles unha boa ceba en base a pasto e un remate con cereal, pódese gañar cartos”. Non así, segundo Javier, no caso dos bois: “Probei a castrar 3 e cebalos pero non me saen os números”.

Opio, o boi xefe do rabaño, con 9 anos de idade

“Os gandeiros temos que facer os pasteiros no monte e no val as fincas de concentración están con piñeiros, é un sinsentido”

En Maceda, como noutras zonas de Galicia, pero aínda máis agravado polo abandono e o despoboamento das comarcas de Ourense, dáse o paradoxo de que existen centos de hectáreas abandonadas pero ás que gandeiros como Javier non poden acceder ao seu uso para crear riqueza e, de paso, previr os lumes forestais.

“Aquí hai moitísima terra abandonada que os propietarios nin sabes onde están, e no caso de atopalos nin cha venden, nin cha alugan, nin cha ceden. E logo está o tema da ordenación dos cultivos, porque o que non podemos é plantar os piñeiros nos vales e facer as pradeiras nos penedos, como estamos a facer agora”, denuncia este gandeiro.

Critica tamén que as zonas de concentración parcelaria na comarca estanse destinando a facer plantacións forestais, principalmente de piñeiro, sen que a Xunta de Galicia ou o concello interveñan. “Isto pasa en toda a contorna, en Maceda ou en Vilar de Barrio ves máis do 60% das parcelas de concentración parcelaria con plantacións forestais”, advirte.

 “Nesta zona o 60% das fincas de concentración parcelaria agraria están plantadas a piñeiros”

Isto leva ao paradoxo de que os poucos gandeiros que quedan nestas zonas do interior teñan incluso dificultades para cumprir os máximos de carga gandeira, con miles de hectáreas ao seu redor abandonadas.

Como exemplo, Javier cita o da parroquia de Foncuberta: “Quedamos tres ganderías, unha de vacún de leite, e dous que temos razas autóctonas de carne. Grazas a que nos entendemos entre nós, pero moitas veces vémonos afogados para cumprir a carga gandeira porque non temos onde ampliar a nosa base territorial”.

Ademais, destaca que ordenar o territorio tamén redunda na produtividade dos animais, a parte de menos gastos para os gandeiros. “Canto máis superficie teñas e máis concentrada, mellor podes ter os animais, mellor manexo, menor estrés lles causas e eles van ser máis produtivos”, subliña.

Por non falar do decisivo papel que xogan as praderías para previr os lumes forestais. Algo que viviron hai poucos anos en Foncuberta: “En Maceda houbo un importante incendio que comezou nun piñeiral e era moi difícil controlalo. Pero cambiou o aire e veu cara esta pradeira onde están as vacas, arderon 100 metros lineais e o lume apagou el solo”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información