‘Vaca e Boi de Galicia’ chega a 9.900 animais rexistrados e 470 ganderías inscritas

Primeira presentación en Lugo de carne selada coa denominación ‘Boi galego’. A nova Indicación Xeográfica Protexida duplica en tres meses o número de reses amparadas

‘Vaca e Boi de Galicia’ chega a 9.900 animais rexistrados e 470 ganderías inscritas

Primeira degustación de carne de Boi Galego, hoxe en Lugo.

A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Vaca e Boi de Galicia está a experimentar un impulso nos últimos meses, logo de que comezasen en febreiro a selarse as canais dos primeiros animais amparados pola nova IXP. Nos últimos tres meses, Vaca e Boi de Galicia duplicou o número de animais rexistrados, que xa chegan a 9.929, dos que 203 son bois e o resto vacas. A Indicación tamén aumentou sensiblemente o número de explotacións inscritas, que pasaron de 265 a 470.

A IXP Vaca Galega / Boi Galego botou a andar en xullo de 2017 coas primeiras inscricións das explotacións gandeiras e dos animais, cuxo proceso de engorde dura un mínimo de seis meses.

O pasado 9 de febreiro, o Consello Regulador certificou as primeiras canais en varias industrias galegas (Frigoríficos Bandeira, Novafrigsa e Suministros Medina) e esta primavera está comezando a saír ao mercado para o seu consumo a carne xa certificada, unha vez que as canais cumpriron o período de maduración fixado no regulamento da IXP. Ata o momento certificáronse 80 canais, dasque 78 corresponden a Vaca Galega e 2 a Boi Galego.

Primeira degustación de Boi Galego

O Restaurante España en Lugo, dirixido polo chef Héctor López,foi o espazo escollido hoxe para a presentación da primeira carne amparada pola nova IXP como Boi Galego, nun acto organizado polo Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún deGalicia. O pasado marzo realizárase en Santiago un acto similar para presentar a primeira carne amparada como Vaca Galega.

Da man do chef Héctor López, o evento de hoxe en Lugo degustáronse seis receitas: dobre caldo de Boi Galego coa súa Picaña e chícharo bágoa; agulla de Boi Galego en boi‐roll; steak tartar de Boi Galego con xema picante e tuétano á brasa; croca de Boi Galego grellado, zume de asado, trufa e cantarelo; ravioli de xarrete de Boi Galego con emulsión de Pataca de Galicia e T‐bone de Boi Galego.

Para a elaboración destas receitas empregáronse diferentes pezas,como a agulla, punta de contra ou picaña, croca, xarrete, espaldiña e chuleteiro. O feito de empregar distintas pezas para a elaboración dos pratos, responde a unha das prioridades do Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, que é potenciar todos os cortes e valorizar as pezas menos habituais na cociña para acadar un aproveitamento da totalidade da canal.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información