Un restaurante de Lalín compra 5 bois por algo máis de 40.000 euros

Un restaurante de Lalín compra 5 bois por algo máis de 40.000 euros

Alberto Canto cos bois que comprou

O restaurante O Cruce, en Vilatuxe (Lalín), adquiriu a pasada semana 5 bois de raza Rubia Galega por un importe global de algo máis de 40.000 euros. Os animais, cun peso medio de 800 quilos canal, chegando algún aos 831 quilos, foron sacrificados este luns no matadoiro de Bandeira, en Silleda. O prezo medio por boi roldou os 8.000 euros.

“Pepe Cochón, de Frigoríficos Bandeira, avisoume de que tiña localizados varios exemplares excepcionais, e convidoume a ir con el a compralos directamente, a dúas gandarías de Cerceda e de Arteixo”, explica Alberto Canda, propietario deste prestixioso restaurante lalinense.

Unha vez sacrificados a carne dos bois permanecerá un mínimo de 45 días en maceración en cámara para acadar o seu punto óptimo de consumo. “Trátase de animais cunha carne única, con graxa infiltrada e que teñen unha media de idade de 7 anos. Foron alimentados a varre de forraxes e de moita fariña de millo, sen estrés”, destaca Alberto Canda.

Evitar que metan vaca por boi

Desta forma, a partir de marzo poderase degustar en Mesón O Cruce a carne destes bois. O prezo medio dos chuletóns situarase entre os 80 e os 90 euros o quilo. Tamén se poderán degustar os costillares e solombos á prancha, a croca ou a carne en hamburguesas. Como novidade, van elaborar tamén cecina destes bois, que sairá á venda dentro dun ano e medio.

O Mesón O Cruce leva 12 anos vendendo tanto carne de boi como de vaca. Neste sentido, Alberto Canda recomenda ao consumidor que para evitar que lle metan vaca por boi “pidan a carta do matadoiro, porque existe unha rastrexabilidade do animal desde que nace ata que se sacrifique e ten dereito a pedir esa información”. “Pero tamén hai que ter claro que non se pode pretender comer chuletón de boi a 30 ou 40 euros o quilo. O boi ten un prezo maior e hai que pagalo”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información