Un investigador galego avanza na mellora dos sistemas de climatización en granxas de porcino

Un investigador galego avanza na mellora dos sistemas de climatización  en granxas de porcino

Roberto Besteiro Doval, no centro, cos seus directores de tese

A mellora e, se cabe, a optimización dos sistemas de control ambiental en explotacións intensivas de cría de porcino centra os obxectivos da tese de doutoramento que vén de defender este xoves na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC o enxeñeiro agrónomo Roberto Besteiro Doval baixo o título ‘A actividade animal para a mellora do benestar e das eficiencias enerxética e produtiva en explotacións intensivas de produción de leitón’.

Besteiro Doval aborda nesta investigación, dirixida polos profesores do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC Manuel Ramiro Rodríguez Rodríguez e Dolores Fernández Rodríguez, o estudo dos niveis de actividade en leitóns destetados durante dous ciclos completos de cría nunha explotación intensiva comercial. Este traballo de campo fixo posible a definición e o establecemento dunha variable axeitada para incluír en sistemas de control ambiental como indicador do estado sanitario dos animais e da dinámica de certas variables ambientais.

O emprego de modelos de predición e doutros sistemas que consideren a actividade animal en algoritmos de anticipación de control ambiental permitirá nun futuro, segundo subliña este investigador formado na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, acadar unha xestión óptima dos sistemas de climatización.

“A mellora dos dispositivos de control ambiental e a optimización da súa xestión en explotacións de gando vivo faría posible avanzar cara a consecución de dous dos principais desafíos do sector e da sociedade en xeral, tal e como o son o respecto polo medio ambiente e o benestar dos seus animais”, conclúe Besteiro Doval.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da USC Francisco Maseda Eimil presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Roberto Besteiro Doval, un xurado do que tamén formaron parte o profesor da Escola Superior Agraria de Ponte de Lima (Viana do Castelo) Joaquim O. Lima Cerqueira, e o profesor da Universidade de Valencia Salvador Calvet Sanz, e que outorgou a máxima cualificación ao autor desta investigación.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información