Un día cos trashumantes dos Ancares

Quince ganderías de vacún de carne da montaña oriental de Lugo manteñen o desprazamento estacional dos animais. Na primavera, moven preto de 300 cabezas ata pastos de altitude da vertente de León, nun traxecto a pé de máis de 20 quilómetros

Un día cos trashumantes dos Ancares

Paso dun rabaño pola Campa de Tres Bispos, cos narcisos en flor.

Son as catro da mañá nos Ancares e José Antonio Díaz ‘Palillo’ remata a súa xornada. Separou do rabaño as 9 vacas que mañá levará en trashumancia ata a montaña e asegurouse de que o resto do grupo queda atendido. Pechou unha pradería con dobre fío de pastor eléctrico, encheu unha cisterna de auga e levoulla ós animais. Non os volverá ver ata pasado mañá.

A José Antonio, un gandeiro xa veterano do lugar de Cerredo, en Navia de Suarna, quédanlle pouco máis de tres horas de sono e espéralle un longo traxecto de trashumancia a pé ata Campo de Agua, en Villafranca del Bierzo (León). É un dos 15 gandeiros dos Ancares que mantén o desprazamento estacional do gando para aproveitar entre maio e novembro os pastos da montaña leonesa. Cada primavera, 300 vacas dos Ancares lucenses marchan cara León.

Campo de Agua era a referencia de aldea tradicional dos Ancares leoneses, pero o lume levouna por diante nos anos 80

O seu punto de destino, Campo de Agua, era a referencia de aldea tradicional dos Ancares leoneses. Destacaba por unha vintena de pallozas telladas con palla de centeo e polo seu emprazamento, nun val rodeado de montañas, a case 1.300 metros de altitude. Funcionou durante séculos como aldea de verán, habitada só cando pasada a invernía e desaparecida a neve, os veciños dos pobos próximos subían co gando a aproveitar os pastos do estío.

Os gandeiros Amadeo Fernández, José Méndez, Hugo Trabado e José Antonio Díaz.

Os gandeiros Amadeo Fernández, José Méndez, Hugo Trabado e José Antonio Díaz.

Todo cambiou nos anos 80. Varios lumes queimaron por completo o pobo, que quedou abandonado, e ao pouco tamén deixou de haber gando que subir á montaña. Desde finais dos anos 90, o val de Campo de Agua, que suma máis de 700 hectáreas de pastos arbustivos, é aproveitado por un grupo de gandeiros dos Ancares galegos, que lle alugan o terreo ás dúas comunidades de montes propietarias.

O movemento estacional do gando desde a parte galega da montaña ata a leonesa explícase pola carencia de superficie de pasto nos Ancares lucenses, onde o crecemento das ganderías non se acompañou dun aumento paralelo das terras agrarias. “Un dos problemas que temos en Cervantes é a falta de superficie. Nós, por exemplo, manexamos arredor de 40 hectáreas para 38 vacas, cando con ese rabaño necesitariamos o dobre de terreo”, resume Hugo Trabado, un gandeiro que non chega á trintena e que se incorporou hai un par de anos á explotación familiar.

Na gandería de Hugo, levan desde hai 18 anos unha parte das vacas ata Campo de Agua cada primavera. José Antonio Díaz ‘Palillo’ suma case outro tanto, 15 anos de desprazamentos. Acompañámolos esta primavera na viaxe de trashumancia cara León. Van tamén na partida as vacas de José Méndez, gandeiro de Santalla (Cervantes), toda unha vida adicada ó campo que continúa tras pasar a fronteira da xubilación. Entre os tres van conducir 28 reses de carne -rubias, asturianas, limusinas e cruces- ata os pastos de León.

Vacas na pista forestal cara a Campa de Tres Bispos.

Vacas na pista forestal cara a Campa de Tres Bispos.

Espérannos máis de 20 quilómetros a pé pola montaña, partindo dos pouco máis de 800 metros de altitude de Quindous, onde se xuntan os tres rabaños de vacas, aos máis de 1.500 da cordal que separa León de Galicia, para logo baixar ao val leonés, no que os animais permanecerán ata novembro.

A mañá comeza con forza. Os animais, descansados, encaran a estrada de subida á montaña con velocidade. Soa sobre o asfalto un concerto continuo das chocas que levan as vacas penduradas do pescozo. Para un oído calquera, as campaíñas non se distinguen unhas das outras. Erro. Cando os animais estean no monte, ocultos entre bidueiros e piornos, cada gandeiro será capaz de identificar os seus só polo son da choca, sen necesidade de velos.

ancares 5

Os rabaños das tres explotacións marchan pola estrada separados uns metros uns dos outros, para así evitar conflictos entre os animais. Entre medias, os gandeiros, coa axuda de veciños e familiares, guían e ocúpanse de que ningunha das vacas se despiste nos cruces.

“As vacas coñecen o camiño. Hai algunhas que foron sete ou oito anos e conducen ó resto” -explica José Antonio Díaz ‘Palillo’-. “As miñas xa son veteranas e saben ben por onde teñen que ir”, presume.

Quilómetros despois, esas boas previsións torceranse. Chegados a Degrada, xa a uns 1.300 metros de altitude, onde remata o asfalto e comeza unha pista forestal, os gandeiros agardaban reagrupar as reses ante un paso canadiense, un dispositivo que consiste nunha gabia que corta a pista e que está cuberta por unha parrilla metálica, a fin de evitar o avance dos animais. O problema é que o paso resultou estar aberto por un lateral, polo que as reses seguiron adiante antes de que ninguén puidera paralas. A consecuencia, tres das vacas de José Antonio tomaron o camiño errado.

“Son vacas un pouco loucas” -chancean os compañeiros.- “Quixeron ir primeiras e avasallarnos e mira o que pasou”. ‘Palillo’ xustifica o despiste dos animais: “O que sucedeu é que as vacas máis veteranas, que fan de xefas, non puiden traelas esta vez porque van parir dentro de pouco. Estas son máis novatas”.

ancares 4

Entre tanto ‘Palillo’ vai tras os animais extraviados, o resto do grupo fai parada, xa ben pasado o mediodía, na Campa de Tres Bispos, onde remata a pista forestal e comeza unha senda pola que toman camiño as vacas, xa encarriladas cara o destino final.

A Campa de Tres Bispos é un punto habitual de paso de montañistas e das excursións que soben á serra. Desde alí hai menos dunha hora ó cumio de Tres Bispos, unha montaña que leva ese nome porque nun tempo dise que separou os bispados de Lugo, León e Asturias.

Ese día coinciden na Campa cos gandeiros dúas excursións da Coruña e de Lugo. O grupo da Coruña, unha vintena de adolescentes dun instituto, contempla o impoñente panorama, todo un cordal de quilómetros de cumios que se achegan ós dous mil metros de altitude, desde o Mustallar no norte ata o Penarrubia no sur.

– E aquí non hai cidade? -pregunta, despistado, un dos rapaces da Coruña.

– Ao chegar alí ao alto está o centro comercial. -anima outro.

Excursión na Campa de Tres Bispos, durante o paso do rabaño de vacas.

Excursión na Campa de Tres Bispos, durante o paso do rabaño de vacas.

Quenta o sol e non queda neve na montaña. Veu un inverno seco que deixou un pasto cativo nos vales. Outros anos, os gandeiros lembran ter levado as vacas case enterrándose na neve. “Houbo unha vez que tivemos que vir o día antes e pasámonos toda unha tarde paleando neve desde Campa do Brego ata o teso para que as vacas puideran subir”, lembra Amadeo Fernández, gandeiro de Cervantes, que hoxe non leva vacas na partida pero vai botando unha man no control dos animais dos seus veciños.

Peor que a neve é incluso cando hai néboa. Entón, se un se aventura na montaña, chega un intre no que perde a orientación e non é extraño, contan, andar a voltas en círculo durante horas sen atopar o camiño.

As que finalmente atoparon o camiño bo son as tres vacas fuxitivas de ‘Palillo’, que semellan ter volto ó rego e, xa pasada a Campa de Tres Bispos, marchan cara a parte leonesa da montaña. Os animais, sen embargo, van con ideas propias e ao pouco abandonan a senda para improvisar un área de descanso, tumbados ao sol sobre a herba na Campa das Porcarizas, xusto ao cruzar o límite de Lugo con León, nunha golada do cordal montañoso que crestea entre as dúas provincias.

Cumios de Tres Bispos, á dereita, e de Os Penedos.

Cumios de Tres Bispos, á dereita, e de Os Penedos.

Estamos a uns 1.500 metros de altitude baixo un sol que queima, nunha paisaxe descuberta na que hai que buscar a sombra ao pé da matogueira, composta por piornos e xestas que superan os dous metros. Só queda unha baixada de pouco máis dunha hora ata Campo de Agua, así que os gandeiros barallan deixar os animais na Campa das Porcarizas. Ao final, decídense a encamiñalos cara abaixo, pois ten pasado que algunhas vacas volven pola súa conta a Cervantes e é mellor quitarlles esa idea.

“O regreso de animais sucedía sobre todo os primeiros anos, cando non coñecían o terreo. Agora que están afeitos é extraño que volvan -explican-, pero temos levado vacas a Campo de Agua e ó día seguinte pola mañá aparecer en Cervantes na porta da casa”.

Atravesamos un piornal na baixada cara Campo de Agua, ao carón dun refuxio de montaña, e entramos nun bosque de acivros e bidueiros. O son dun río anuncia a pronta chegada ó val, onde as vacas se dividirán nos tres rabaños orixinais e elixirán territorio para os próximos meses. Teñen a súa disposición centos de hectáreas de monte baixo, salpicado de bosquetes de arborado e de parcelas de pastos, nas que aínda se conservan os antigos valados de pedra.

Amadeo guía ao rabaño a través do piornal.

Amadeo guía ao rabaño a través do piornal.

O mato, unha mestura de carqueixas, queiroas e xestas, foi colonizando cos anos gran parte do val e das ladeiras, onde noutro tempo había terras de labor para o centeo e herba para os animais. As preto de 300 vacas que chegan cada primavera de Galicia para aproveitar os pastos arbustivos contribúen a frear esa expansión do monte. Os gandeiros, a maiores, escollen os mellores terreos para rozalos e favorecer a rexeneración de pastos.

Manga de manexo, en Campo de Agua.

Manga de manexo, en Campo de Agua.

O seu é un traballo contra o abandono do territorio. Nos últimos anos, as aldeas de Campo de Agua viven unha recuperación en paralelo, pois os veciños dos pobos próximos están a restaurar as pallozas caídas e as antigas casas de pedra para transformalas en chalés de verán.

Xa se vai o sol e deixamos Campo de Agua, camiño de volta en todoterreo cara a parte galega dos Ancares. As vacas quedan atrás, establecidas no que será o seu fogar ata as neves de novembro. “Se hai algunha que vai parir antes, en agosto ou setembro, vimos cun remolque e levámola de volta. Aquí non podemos deixala co xato polos ataques do lobo”, explican os gandeiros.

Hugo Trabado, na baixada cara Campo de Agua.

Hugo Trabado, na baixada cara Campo de Agua.

Tódolos anos pérdese algún animal, quizais polo lobo ou polo oso, aventuran os produtores. Moitas veces nin aparecen os restos das vacas extraviadas, co agravante de que para os animais en extensivo non existe posible indemnización por ataques de fauna salvaxe.

Entre repaso a problemas varios, chegamos de volta a Quindous, xa de madrugada. Amadeo aínda ten que atender unha xovenca, que semella que está de parto, e Hugo marcha ó prado mirar unha vaca que tamén terá un xato en calquera momento. Así é unha xornada de traballo dos que en León chaman “os vaqueiros dos Ancares”, probablemente os últimos trashumantes de Galicia.

Galería de imaxes

[1/13] Saída de Quindous (Cervantes), pasadas as 8 da mañá.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información