Un cercado virtual para controlar o gando en extensivo sen valados nin pastor

Un proxecto estuda limitar o desprazamento dos animais por medio de colares xeolocalizados. Os dispositivos emiten sons e unha pequena descarga eléctrica se o animal rebasa os límites definidos

Un cercado virtual para controlar o gando en extensivo sen valados nin pastor

Imaxe do cercado virtual co que controlar o gando.

Acoutar unha zona de pasto e que o gando permaneza nela de forma controlada ou que mesmo vaia avanzando a novas áreas, baixo a supervisión a distancia do gandeiro, todo elo sen necesidade de valados físicos ou eléctricos. Ese é o obxectivo do proxecto E-Barana, impulsado pola Escola de Negocios do Pirineo (Esnepi), que pretende facilitar o manexo da gandaría en extensivo. Analizamos en que consiste e as súas posibilidades en Galicia.

A iniciativa céntrase na creación dun cercado virtual a través da xeolocalización de gando. Preséntase como unha alternativa fronte aos cercados físicos ou os eléctricos. É unha proposta que busca incrementar a viabilidade e rendibilidade das gandarías de extensivo, para que sexan unha opción de futuro no campo.

O proxecto E-Barana busca facilitar o manexo do gando en extensivo para que estas gandarías sexan unha alternativa viable

“Cando abordamos este proxecto tecnolóxico centrámonos en buscar a forma de axudar a mellorar as gandarías en extensivo, dado o importantes que son para o rural e polo seu valor estratéxico”, explica Aurelio García, director do Esnepi.

Ter localizado o rabaño

O proxecto E-Barana permite establecer un cercado virtual mediante a fixación de coordenadas. Para iso, aos animais colócaselles un colar que permite a súa xeolocalización, de xeito que o gandeiro ten a posición do gando no seu teléfono móbil. O colar emite estímulos para conseguir que o animal non supere os límites marcados.

Os colares permiten a xeolocalización das reses e emiten estímulos para evitar que crucen os límites do cercado

O dispositivo produce primeiro ruídos molestos cos que disuadir ao animal de avanzar e atravesar o cercado virtual. Se o animal non desiste, increméntase a intensidade do son e, finalmente para disuadilo, recibe unha pequena descarga eléctrica similar á que producen os pastores eléctricos. “Estamos a traballar para evitar que o animal chegue a recibir a descarga”, indica García.

Trátase de conseguir que o animal asocie que se continúa nesa dirección, despois dos sons molestos, producirase a descarga e desista así de continuar. Tal e como apunta o responsable da iniciativa, é unha aprendizaxe similar á que o gando experimenta co pastor eléctrico, cando o asocian directamente coa descarga e evitan tocalo.

Dispositivo-cercado-virtual-ovella-

Un dos animais ós que se lle colocou o dispositivo nas primeiras probas para estudar o comportamento.

Adaptación dos animais

Unha das fases claves do proxecto é conseguir que os animais se adapten á tecnoloxía e comprendan os estímulos. Nisto traballan desde a facultade de Veterinaria da Universidade de Zaragoza, un dos socios da iniciativa. Así, comezaron a colocar os primeiros colares en ovellas para estudar as súas respostas e adaptar o animal a esta tecnoloxía.

As gandarías de ovino son precisamente un dos principais destinatarios deste tipo de cercados, dado o carácter destes animais e a implicación que requiren do gandeiro no seu manexo.

Están a realizar as primeiras probas con ovellas en pequenas contornas controladas para coñecer o seu comportamento

“Os rabaños de ovellas necesitan, polo xeral, a un pastor ou a un can que as custodie, nunca quedan soas, o que condiciona moito aos gandeiros”, comenta García. Co cercado virtual preténdese darlle unha maior autonomía ao gandeiro ademais de incrementar a rendibilidade destas gandarías.

Estas primeiras probas realízanse en pequenas contornas controladas con dobre valado, físico e virtual, con animais de gandarías da Asociación de Gandeiros da Serra de Guara, un dos integrantes do proxecto.

Nos próximos meses tamén probarán con gando bovino das asociacións Monte Estós e Val de Broto, e con cabalos da Asociación de Criadores de Equino Hispano Bretón (Arahisbre), todos eles integrantes do proxecto.

Barallan a posibilidade de colocarlle os colares só aos líderes do rabaño para reducir os custos para o gandeiro

Na iniciativa tamén se inclúen outros socios, como a Reserva da Biosfera Ordesa-Viñamala, o Instituto Pirenaico de Ecoloxía do CSIC e o Concello de Nueno (Huesca).

O estudo do comportamento dos animais abre a posibilidade de que non sexa preciso colocar os colares a cada res. “Estamos a probar se é suficiente pórllo aos líderes do rabaño co fin de minimizar os custos para o gandeiro e que sexa máis accesible”, concreta García.

Máis que un cercado

Tal e como explican desde o Esnepi, o proxecto pretende ir máis aló dun cercado virtual e contribuír a mellorar outros aspectos claves para o manexo das gandarías de extensivo. Así, os colares tamén lle permiten coñecer ao gandeiro os movementos dos animais e detectar posibles incidencias se non se detecta actividade durante un período prolongado.

Están a analizar o comportamento d

Están a analizar o comportamento dos rabaños de ovellas con este sistema en zonas acotadas.

Esta emisión continuada ten como contrapartida o gasto enerxético que provoca, por iso é un dos aspectos nos que están a traballar. Os dispositivos contan con baterías solares, o que lles permite unha autonomía que pode chegar a ser dun ano.

Os impulsores da iniciativa tamén contemplan que sexa unha ferramenta útil para conseguir optimizar o aproveitamento dos pastos. “Agora mesmo resulta complexo planificar o pastoreo e conseguir aproveitar cada zona ao máximo sen que chegue a producirse un sobrepastoreo. Por iso estamos a estudar tamén como este sistema nos axuda a mellorar o manexo do gando”, indica o responsable.

Gandaría 4.0

“O proxecto é unha aposta pola dixitalización completa da gandaría extensiva, de cara a equiparala aos sistemas que xa se incluíron nos últimos anos na intensiva e que a converteron nunha gandaría 4.0”, comenta García. De feito, o proxecto enmárcase dentro das subvencións de Grupos Operativos do Goberno de Aragón e está financiado con fondos do Programa de Desenvolvemento Rural para Aragón 2014-2020.

No Esnepi xa traballaron nun proxecto similar, o Ixorigué, que buscaba incorporar a tecnoloxía no manexo do gando co emprego de drons. Estaba pensado especialmente para zonas de montaña, onde a transmisión da información, pola falta de cobertura, supón un reto.

Unha alternativa para Galicia?

En Galicia, o proxecto suscita certo interese e desde distintos colectivos mantéñense atentos aos resultados prácticos que poida ter, de cara a súa posible aplicación nas gandarías galegas.

O minifundismo ou a falta de protección fronte o lobo son algunhas das limitacións que se poden presentar para o seu uso en Galicia

É o caso, por exemplo, da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (Sgpf), que, coñecedores da investigación, están pendentes da evolución do proxecto, aínda que apuntan a que a súa aplicación en Galicia pode ser máis limitada.

“As condicións de Galicia non son as mesmas que as do Pirineo. Aquí contamos con parcelas moi pequenas onde as propias marxes do cercado virtual poden chegar a ocupar xa toda a leira”, comenta Joan Alibés, presidente do colectivo. Con todo, valórase que este cercado poda chegar a aforrarlle ao gandeiro o tempo que emprega na colocación dos cercados eléctricos, como apuntan desde a cooperativa A Carqueixa, de Cervantes (Lugo).

Montes veciñais
A proposta pode resultar máis útil para manexar rabaños en grandes superficies como as das comunidades de montes, aínda que “hai moi poucos rabaños neses montes, a maioría son de particulares e con menos superficie”, indica Alibés. Precisamente como unha opción para o control do gando en grandes superficies, na cooperativa A Carqueixa comezaron a utilizar un sistema de xeolocalización naquelas gandarías que realizan a transhumancia aos montes de León. “Empezamos o ano pasado mediante a xeolocalización dos animais líderes e agora estanos utilizando 3 gandarías”, comenta Román Sánchez, xerente da cooperativa. A aplicación destes dispositivos é aínda moi limitada, sobre todo polos problemas de cobertura que están a rexistrar nalgunhas zonas.

A Carqueixa, nos Ancares, xa ten xeolocalizados animais de tres das ganderías que fan a transhumancia a León

O custo é outro dos aspectos que pode ser condicionante para a viabilidade do cercado virtual. “Hai que ver o desembolso que implica e se é necesario colocar un dispositivo a cada animal”, sinala Alibés. Tamén hai que ter en conta que actualmente en moitas das gandarías de vacún en extensivo recorren aínda ao uso de chocallos, que tamén supoñen un desembolso, en moitos casos de ata 100 euros.

Alibés tamén repara en que este cercado virtual modifica a conduta do rabaño pero non o protexe das incursións do lobo, un dos condicionantes máis importantes das gandarías de ovino e caprino en extensivo en Galicia.

A adaptación do gando a este sistema de valado virtual é outro dos aspectos que máis dúbidas suscita. Sánchez alude a que este foi un dos problemas que se atoparon sistemas similares desenvolvidos en países nórdicos.

Aínda que inicialmente a aplicación destes sistemas en Galicia poida ser reducida, valórase este tipo de investigacións, xa que “a base de investigar chegouse ao cercado eléctrico, que hoxe é fundamental para a gandaría”, recoñece Alibés.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información