Un can de garda de Galicia para ovellas francesas

Unha gandería de Pol (Lugo), La Cabreta, cédelle unha cadela de raza mastín leonés a unha explotación francesa da Provenza, unha rexión cruzada pola expansión do lobo dos Alpes ós Pirineos

Un can de garda de Galicia para ovellas francesas

A cadela galega, co rabaño de ovellas francés que se encargará de defender ante o lobo.

Ona, unha cadela de mastín leonés nada hai catro meses en Pol (Lugo), na gandería La Cabreta, cambiou xa os montes lucenses pola Provenza francesa, onde axudará na custodia dun rabaño de 200 ovellas de carne fronte ó lobo. A viaxe do animal de Galicia a Francia foi posible gracias a un acordo de cesión xestionado pola Asociación para la Conservación del Mastín Español Tradicional (ACMET), da que forma parte La Cabreta.

O destino de Ona, a Provenza francesa, é unha rexión ubicada entre os Alpes e a Costa Azul na que levan anos de ataques do lobo, pois trátase dunha zona de expansión do cánido no seu avance cara os Pirineos. Os rabaños de ovellas da rexión adoitan usar para a custodia cans ‘Patou’ (Gos de Muntanya dels Pirineus), uns animais brancos de pelo longo habituais nas ganderías galas.

Maud Albieiro, a gandeira gala que recibiu a cesión de Ona.

Maud Albieiro, a gandeira gala que recibiu a cesión de Ona.

Os ‘Patou’ son tamén os cans cos que traballa habitualmente Maud Albieiro, a gandeira francesa que incorporou ó seu rabaño a Ona, o mastín leonés procedente de Pol. Maud decidiuse a introducir outra raza coa idea de comparar as diferenzas co Patou, unha cuestión na que tamén ten interese Joan Alibés, de La Cabreta, o gandeiro que lle cedeu a Ona.

“É probable que na defensa do rabaño en si non haxa grandes diferenzas” -valora Joan Alibés-. “O feito máis distintivo entre as dúas razas probablemente estea na reacción ante a xente. En Francia teñen problemas de ataques de cans ‘Patou’ a sendeiristas, que é algo que en España non se dá cos mastíns. É unha cuestión que non depende só da xenética, senón do adestramento que recibe o can, pero en cans criados en España para gardar o gando non se ven eses comportamentos”, compara Joan.

Proceso
A cesión do mastín leonés de Pol a Francia non foi unha tarefa sinxela, pois houbo que poñerlle ó animal a vacina da raiba para a súa exportación e esperar 21 días tras a vacinación, o que retrasou o proceso. Unha vez que todos os trámites estiveron feitos, a cadela viaxou ata Girona, onde a foi a recoller Maud, co que en menos de 24 horas Ona pasou dos prados galegos a estar coas ovellas francesas.

“Rematamos a cesión xa moi no límite de idade da cadela, con catro meses, polo retraso que xerou o proceso de vacinación. O ideal é que o animal se incorpore ó rabaño que vai custodiar cun máximo de 2-3 meses, a fin de potenciar o vínculo afectivo coas ovellas”, explica Joan.

Ona, antes da cesión, nos prados de Pol (Lugo).

Ona, antes da cesión, nos prados de Pol (Lugo).

Todo o proceso foi posible polo plan de cesión e cría que xestiona a Asociación para la Conservación del Mastín Español Tradicional (Acmet), un colectivo de gandeiros e persoas interesadas no mastín español (leonés) que leva desde o 2014 traballando para o mantemento dos caracteres gandeiros da raza. A súa liña de actuación oriéntase a procurar cans con características morfolóxicas e funcionais que contribúan á protección do gando, desmarcándose doutras liñas, como a orientada ós concursos de beleza caninos.

Acmet dispón dun programa de cesión de cans entre gandeiros que permite que as explotacións teñan acceso a cans de protección cunha orixe coñecida, ligada a unha liña familiar de protección do gando, e un bo estado sanitario. É o caso de Ona, unha cadela que naceu en La Cabreta, onde cinco cans mastíns adultos se encargan de darlle protección a 260 ovellas e 10 cabras.

O traballo de Ona a partir de agora estará na Provenza francesa, unha rexión na que a convivencia da gandería co lobo está a ser difícil. O pasado ano, os gandeiros manifestáronse en Lyon, atravesando a que é a segunda cidade francesa cun rabaño de 1.000 ovellas para protestar polos danos causados polo cánido. A Ona tocaralle aportar o seu gran de area no control do problema.

Ona, xa en Francia, tras a cesión.

Ona, xa en Francia, tras a cesión.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información