Todos os métodos eficaces para loitar contra a rata-toupa en pradeiras e cultivos

A colocación de postes verticais nas fincas para fomentar a presenza de aves rapaces, o uso de cans detectores ou a eliminación dos roedores mediante a introdución de pastillas de fósforo de aluminio nas toupeiras son algunhas das alternativas ante a 'Arvícola terrestris'

Danos provocados pola rata-toupa nunha gandeiría de carne en extensivo en Triacastela

Danos provocados pola rata-toupa nunha gandeiría de carne en extensivo en Triacastela

A praga da rata-toupa avanza por concellos da montaña de Lugo sen que a Xunta de Galicia adoptara até o momento medida algunha para freala. Polo de agora, afecta principalmente a pradeiras pero poderían verse afectados tamén outro tipo de cultivos, como patacas e plantacións de horta, froiteiras ou mesmo repoboacións forestais, como acontece xa noutros lugares de Europa que conviven con este roedor.

Os danos provocados na agricultura e a gandería pola Arvícola terrestris levaron ao Ministerio de Agricultura a aprobar fai unha década o Real Decreto 409/2008, de 28 de marzo, polo que se establece o programa nacional de control das pragas da toupiña de campo (Microtus arvalis) e outros microtinos. Sen embargo, a súa aplicación corresponde ás comunidades autónomas, previa declaración da praga no seu territorio, como fixo por exemplo o Goberno do Principado de Asturias fai dous anos.

É dicir, calquera programa de actuación contra a rata-toupa nos concellos afectados, máis alá das medidas que poidan levar a cabo os propios gandeiros cos seus propios medios, pasaría pola declaración da praga por parte da Xunta de Galicia.

Falamos con técnicos sobre os métodos dispoñibles para loitar contra a Arvícola terrestris, das experiencias levadas a cabo noutras comunidades españolas e noutros países europeos e dos resultados acadados.

Fósforo de aluminio: un método efectivo cun custo de 200 euros por hectárea

Pablo Menéndez Bada é técnico agrícola na cooperativa asturiana Campoastur. Levan varios meses aplicando un método efectivo para loitar contra a rata-toupa, que na comunidade veciña afecta tanto a pradeiras como a plantacións de mazá de sidra.

Empregan fósforo de aluminio con moi bos resultados. “Aplicado nunha zona e mediante unha única aplicación logra matar entre o 96 e o 98% dos individuos. Os animais que quedan son logo eliminados mediante outros métodos, como o trampeo”, explica Pablo.

O fósforo de aluminio non deixa residuos e actúa en dous días, logrando eliminar entre un 96 e un 98% das ratas

O custo deste tratamento é duns 200 euros por hectárea. O tratamento debe ser efectuado por persoal cualificado co título de fumigador. “Dúas persoas poden tratar unha hectárea nun día”, indica. O problema, di, é que “non se pode garantir canto tempo vai tardar en volver a haber ratas nesa parcela” debido, entre outros factores, a contaxios desde outras zonas próximas afectadas. Así aconteceu nalgunha das fincas que trataron nestes meses. E o feito de tratar, mediante fósforo de aluminio toda a zona infestada neste momento na montaña de Lugo, unhas 2.000 hectáreas, sería “inabarcable”, recoñece.

O fósforo de aluminio, que comezou a ser empregado como arma química polo exército americano na Segunda Guerra Mundial contra os alemáns, vén en pastillas que en contacto coa humidade da terra descomponse, formando un gas chamado fosfina. Este gas ataca á rata a través da súa inhalación mediante a respiración, polo que o modo de emprego consiste en meter as pastillas nas galerías taponando logo as bocas e deixando actuar o produto durante dous días.

A lexislación europea non permite o uso de velenos anticoagulantes ao aire libre

Os primeiros ensaios con fósforo de aluminio foron levados a cabo fai un ano polo servizo de Sanidad Vegetal do Principado e varias empresas en Asturias dedícanse a aplicar xa este tratamento, explica Pablo, que conta que na comunidade veciña levan xa máis de 10 anos pelexando contra a praga. “Ao principio empregábase veleno convencional, pero o problema do uso dos biocidas é a segunda inxección, porque as ratas saen á superficie e son comidas por aves rapaces que tamén se envelenan”, di.

A utilización de velenos anticoagulantes ao aire libre en explotacións agrícolas está prohibida pola lexislación europea e por esta razón produtos a base de anticoagulantes como a bromadiolona e o difenacum non están incluídos no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura

Por iso, trala prohibición decretada aos cebos raticidas para uso exterior, quedando estes permitidos exclusivamente para uso en interior, os métodos químicos de control efectivo en pradeiras quedan practicamente reducidos ao emprego de fósforo de aluminio, que non deixa residuos.

Peches con medio metro enterrado e un metro en superficie

Pablo Menéndez aporta tamén outra solución para evitar a entrada da rata-toupa ás fincas de cultivo e pradeiras: o peche perimetral. “Nós estámolo recomendando para fincas de mazá de sidra, fabas, patacas e outros cultivos de horta, para terras de millo e mesmo para plantacións de piñeiro, que tamén se están vendo afectadas”, explica.

O valado tería que cumprir ademais unha serie de condicións. “Habería que enterralo medio metro baixo terra e ter un metro en superficie e estar formado por unha dobre malla cinexética máis coelleira”, explica. O custo destas actuacións é elevado, polo que sería factible só en fincas concretas, pero ten un dobre uso: “para o xabarín tamén vale”, razoa.

A auga é outro dos inimigos da rata-toupa, que morre tamén por inundación das pradeiras

O peche evita que a rata entre en fincas non afectadas e as colonice, pero tamén serve para a súa erradicación en parcelas xa infectadas. “Colócanse caldeiros de auga e cando os individuos tratan de saír da parcela para irse a outra póñense moi nerviosos e acaban caendo neses baldes onde afogan”, explica.

A auga é outro dos inimigos da rata-toupa, que morre tamén por inundación das pradeiras.Pero a rata-toupa non se limita só a pacer os pastizais baixo terra , senón que en Asturias está a provocar danos tamén en cultivos de horta como patacas ou fabas e afeccións graves en árbores como maceiras ou piñeiros, aos que roe a raíz en repoboacións novas. “Cando esas árbores medran xa non as ataca porque non quere zonas de sombra”, indica Pablo.

Colocación de postes para aves rapaces

Colocación de postes con niños para aves rapaces en fincas da comarca de Tierra de Campos. Foto: GREFA

Colocación de postes con niños para aves rapaces en fincas da comarca de Tierra de Campos. Foto: GREFA

Manuel Calvo, ten unha empresa de control de fauna e de pragas especializada no rural, Spartana Control Service, e coñeceu de primeira man a experiencia levada a cabo na comarca de Tierra de Campos, en Castela e León, para o control da praga da toupiña de campo por medio da loita biolóxica con depredadores naturais.

A nivel europeo a toupiña campesina (Microtus arvalis) está considerada como a praga máis agresiva que existe para a agricultura, provocando importantes perdas económicas durante as súas explosións demográficas cíclicas. Eventos de explosións demográficas desta especie xurdiron nas últimas décadas nas zonas agrícolas de Castela e León, por mor dunha rápida colonización da chaira agrícola do val do Douro desde as zonas montañosas periféricas, que constituían a área de distribución orixinal desta especie na década dos 70.

Colocar un poste cada 100 metros facilita o traballo das aves rapaces

Coma no caso da rata-toupa, o problema derívase da súa dinámica poboacional, suxeita a fenómenos demográficos recorrentes, nos cales expresa o seu enorme potencial reprodutivo, podendo alcanzar en relativo pouco tempo densidades poboacionais moi altas. A toupiña de campo afecta a case calquera cultivo, desde cereais, leguminosas, xirasol, cultivos plurianuais como a alfalfa, ou leñosos como froiteiras ou vide.

Como en moitos outros países afectados por este problema, a xestión dos brotes de toupiña no caso español baseouse en gran medida na utilización de rodenticidas anticoagulantes, moitos dos cales xa foron prohibidos debido aos riscos ambientais derivados da súa afección a especies non diana, tanto por consumo directo como por consumo secundario ao pasar a través da cadea trófica ata os depredadores. A prohibición da queima de rastrollos, outro dos métodos tradicionais para a loita contra a praga, limitou máis aínda as ferramentas dispoñibles.

Neste contexto, o proxecto Control Biolóxico de Pragas de Toupiña Campesina en Castela e León, impulsado polo Grupo de Rehabilitación da Fauna Salvaxe Autóctona e o seu Hábitat (Grefa), explorou o uso de alternativas non químicas para tratar de previr as explosións demográficas da toupiña. Por exemplo, a incorporación dunha xestión agrícola consecuente coma o arado de terreos con altas densidades de colonias, a instalación de pousadeiras en colonias activas para facilitar lugares de caza a depredadores ou mesmo a inundación de parcelas.

Un dos exemplares de curuxa avelaiona reintroducidos polo Goberno navarro

Un dos exemplares de aves rapaces reintroducidos polo Goberno navarro para combater a rata-toupa

Como medida imprescindible integrada neste conxunto de boas prácticas agroambientais está o control biolóxico, facilitando a nidificación a depredadores como o lagarteiro (Falco tinnunculus) ou a curuxa común (Tyto alba), mediante a instalación de caixas niño.

Nesta experiencia, desenvolta experimentalmente desde o ano 2009, demostrouse a súa eficacia como ferramenta de xestión en Castela e León. Todas as zonas de traballo deste proxecto atópanse asociadas á macrocomarca coñecida como Tierra de Campos, que cobre parte das provincias de Palencia, Valladolid e Zamora.

Manuel Calvo explica que “as aves rapaces necesitan un punto no que apoiarse para cazar, polo que a colocación de postes verticais no centro das parcelas facilita a súa actuación”. Indica que no caso galego, especies como a curuxa avelaiona (Strix aluco) ou o miñato (Buteo buteo) son capaces de cubrir desde un punto de apoio arredor de 60-70 metros, polo que propón colocar un poste cada 100 metros nas fincas afectadas e colocar caixas niño para facer reintrodución destas especies nestas zonas. “Habería que artellar un plan neste sentido co beneplácito da Xunta”, indica. Nun proxecto similar está a traballar o Goberno autonómico navarro desde o ano 2015.

En Inglaterra empregan cans detectores

Manuel explica que en Inglaterra, onde tamén está extendida a praga da rata-toupa, empregan cans detectores para loitar contra esta especie. “Os terrier ou os bodegueiros andaluces dan moi bo resultado porque cazan as ratas e mátanas”, explica.

Caixa trampa

Caixa trampa

Outro método efectivo son as xaulas de captura, monitorizadas cun sistema de vixiancia por se caese outro animal diferente. Neste caso, propón colocar unha xaula con cebo cada 1.000 metros cadrados de superficie.

En todo caso, Manuel indica que “calquera destas opcións son fórmulas lentas”. No caso das aves rapaces, explica, “nun periodo de 8 meses ou un ano veríanse xa os resultados”. “Son dos poucos métodos que temos dispoñibles neste momento”, di, mentres a Xunta non declare a praga e se poidan empregar outros sistemas, como o fósforo de aluminio.

O laboreo pode ser eficaz, pero non é viable en pradeiras permanentes en costa que serían moi erosionadas pola chuvia

Outra das alternativas pasaría polo laboreo e renovación das parcelas, que eliminaría unha parte dos individuos asentados nelas. Pero o problema en moitas das fincas afectadas nos concellos da montaña lucense é que se trata de pradeiras permanentes ao seren fincas costentas difíciles de traballar e onde os arrastres pola chuvia son importantes no caso de facer traballos agrícolas.

Portal específico en Francia e uso xustificado da bromadiolona

Mapa da distribucion da praga da rata-toupa (en cor verde) en Europa

Mapa da distribucion da praga da rata-toupa (en cor verde) en Europa

O problema da Arvícola terrestris é novo en Galicia, pero ao igual que en Asturias, Castela e León e outras zonas da cornixa cantábrica, esta especie é unha vella coñecida dos agricultores e gandeiros noutros países europeos polos danos e perdas que provoca.

En Francia, onde cada ano 10.000 hectáreas son devastadas pola rata-toupa, sobre todo nas rexións de Auvergne e Franche-Comté, dispoñen dun portal específico con información e recursos para a loita contra ela. Os organismos públicos que se coordinan a través desta ferramenta calculan que o rendimento forraxeiro mingua nun 50% nas pradeiras afectadas pola praga.

Dada a gravidade do problema, o Goberno francés emitiu a Orde interministerial do 14 de maio de 2014 sobre o control destas poboacións de animais nocivos para os cultivos e as condicións de uso de produtos fitofarmacéuticos que conteñen bromadiolona. No caso francés, o seu uso está permitido de forma “razoada” por parte dos organismos rexionais encargados do control de pragas e cunha serie de limitacións, como por exemplo a súa utilización perto dos cauces fluviais, para evitar o envelenamento dun parente da rata-toupa, a Arvícola sapidus, un pequeno mamífero anfibio que está protexido.

Como distinguir a Arvícola terrestris da toupa ibérica?

M. Miñarro e E. Dapena (Serida)

A Arvícola terrestris cantabriae comparte territorio coa Talpa occidentalis. Gráfico: SERIDA

A rata-toupa colonizou xa boa parte de Europa e no caso do Estado español exténdese a través da cornixa cantábrica. “Vén de Francia, é invasora e atopa aquí un clima e un chan que lle son propicios. Está xa por toda Asturias, o problema é que a xente confúndea coa toupa común e non a identifica até que hai moita e o problema xa é enorme”, asegura Pablo Menéndez.

Os montículos de terra da toupa seguen unha liña máis ou menos recta, mentres que os da rata-toupa teñen unha distribución moito máis anárquica

Na península ibérica conviven dúas especies de toupas, a toupa europea ou común (Talpa europea) e a toupa ibérica (Talpa occidentalis), máis pequena. Da rata-toupa, a Arvícola terrestris (tamén coñecida como Arvícola scherman), tamén existen dúas especies, a Arvícola terrestris cantabriae no noroeste peninsular e a Arvícola terrestris monticola na zona dos Pirineos.

A distribución xeográfica da Arvícola terrestris cantabriae solápase coa Talpa occidentalis en lugares como Asturias ou Galicia, do mesmo xeito que a Arvícola terrestris monticola, de maior tamaño, tamén coincide coa zona de influencia da Talpa europaea.

Aínda que o tamaño das toupeiras é similar entre as toupas e a rata-toupa, existen tres características que permiten diferenciar cando se trata dun ou doutro animal o responsable. No caso das toupas, a galería de saída á superficie é perpendicular ao chan mentres que no caso da rata-toupa é oblicua. Ademais, os montículos de terra das toupas adoitan distribuirse seguindo unha liña máis ou menos recta mentres que os da rata-toupa presentan unha distribución máis anárquica. As toupas adoitan ademais sacar terróns á superficie, mentres que nos montículos de rata-toupa a terra é máis lisa e sen terróns. Outro signo distintivo das toupas son os carreiros continuos de terra en forma de galería superficial, algo que non fai a rata-toupa.

Cando actuar?

O Servicio Regional de Investigación y Desarrollo Agroalimentario (Serida) de Asturias leva anos analizando o comportamento da rata-toupa, así como aportando recomendacións para loitar contra ela. O instituto asturiano alerta nun dos seus estudos do “grande potencial reprodutivo da especie“, o que favorece o seu rápido avance na colonización de novas zonas.

A rata-toupa alcanza a madurez sexual aos dous meses de vida e reprodúcese de maneira continuada en calquera época do ano

“Unha recomendación habitual para o manexo da rata-toupa en Asturias era aumentar os esforzos de control poboacional durante o inverno co fin de iniciar a primavera, considerada ata o de agora a principal época de cría, co menor número posible de exemplares reprodutores. Os resultados obtidos indican, con todo, que é necesario desestacionalizar o control, posto que a rata toupeira reprodúcese de maneira continuada durante todo o ano. Isto implica un crecemento poboacional regular a través da incorporación constante de novos exemplares nados nunha mesma parcela ou ben chegados dalgunha outra próxima”, recomendan os investigadores Aitor Somoano, Marcos Miñarro e Jacint Ventura.

A Arvícola terrestris alcanza a madurez sexual aos dous meses de vida e o seu periodo de xestación é de 21 días, tendo 5 ou 6 partos no ano e entre 2 e 8 crias por parto, o que dá idea da explosiva capacidade de reprodución desta especie. O pico poboacional é cíclico, repetíndose cada 5-6 anos.

Non lle gustan as zonas de sombra

A rata toupa é unha especie cavadora que se alimenta fundamentalmente das raíces das prantas. Aínda que a maior parte da súa vida pásaa debaixo da terra, sae á superficie para dispersarse e colonizar novos territorios. É neste momento cando está máis exposta aos seus depredadores naturais, como as aves rapaces, ás que identifica pola sombra que proxectan no chan.

Pasa á maior parte do tempo baixo terra pero sae á superficie para colonizar novos territorios

Por iso, a rata-toupa prefire zonas abertas onde dea o sol e foxe de zonas de sombra onde non sería quen de identificar deste xeito aos seus predadores. É por iso que as zonas de máis afección están en moitas ocasións no medio das pradeiras e que a existencia de árbores ou peches vexetais nos lindes das fincas actúa como un elemento disuasorio para a súa presenza.

“Sae á superficie cando hai superpoboación para explorar e colonizar novos territorios. Por iso cando alzanzan o seu pico máximo no número de individuos, de xeito espontáneo a súa presenza redúcese de maneira natural porque abandonan ese lugar para irse a outro”, explica Pablo Menéndez.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información