Ternera Gallega gaña o pulso

A IXP mantén o seu crecemento e medra un 4% en carne comercializada no último exercicio, a pesar dun contexto xeral de descenso do consumo de carne. As explotacións inscritas superan por primeira vez as 8.000

Ternera Gallega gaña o pulso

A conselleira, Ángeles Vázquez, no centro, xunto ó presidente da IXP e Belén do Campo.

As cifras de Ternera Gallega marchan en sentido contrario ó mercado. En tanto o consumo de carne baixa en España, as vendas de Ternera Gallega soben. A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) medrou un 4% en carne comercializada no último ano, consolidando así o crecemento de exercicios pasados. O selo, que está posicionado no mercado como referencia de calidade, representa máis da metade da carne de Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP) que se vende en España.

Os números do balance 2016, presentado esta mañá en Santiago, continúan o camiño dos precedentes. A IXP medrou un 4% en número de explotacións, superando por primeira vez as 8.000; creceu un 4,1% en terneros identificados, chegando ós 126.000, e aumentou o número de canais certificadas un 4,6%, ata acadar as 93.000.

As granxas superan por segundo ano consecutivo ós cebadoiros en volume de carne comercializada

O crecemento déixase notar sobre todo nas granxas de Ternera Gallega Suprema, que por segundo ano consecutivo superan en volume de carne comercializada ós cebadoiros. Se o ano pasado, granxas e cebadoiros mantiñan case un empate técnico, este ano o oco agrándase. As explotacións tradicionais con vacas nutrices comercializaron 49.200 toneladas, polas 44.400 dos cebadoiros.

O 43,5 % do consumo sitúase en Galicia, un 54% no resto de España e un 2,5% na exportación, que vai gañando terreo ós poucos. Hai un ano, a exportación representaba só un 1%, con vendas en Portugal e Andorra, pero este ano a consolidación do mercado alemán permitiu un incremento leve pero significativo das vendas ó exterior.

O contexto xeral non axuda, pois a venda de carne caeu no 2016 en España un 1,6%, segundo os datos do Ministerio, tocándolle a peor parte ó porcino (-3,5%) e ó vacún (-3%). Así as cousas, o posicionamento de carne de calidade que mantén Ternera Gallega no mercado convírtese nun paraugas para o sector gandeiro. É un dos factores que explican a suba progresiva do número de granxas nos últimos anos, segundo o presidente da IXP, Jesús González, que tamén recoñece a existencia dun certo trasvase de granxas de leite que pechan a vacún de carne.

Ternera Gallega en cifras

– Explotacións inscritas: 8.154 (7.708 granxas e 446 cebadoiros).

– Industrias e comerciais inscritas: 102.

– Becerros rexistrados: 126.200

– Canais certificadas: 93.800

– Categoría das canais comercializadas: 52,3% Ternera Gallega Suprema, TGS (46,6% TGS e 5,7% TGS – Carne de Rubia Galega), 47,6 % Ternera Gallega e 0,1% Añojo.

– Raza dos tenreiros: 70,4% cruces, 28,8 % rubia galega e 0,8% morenas do Noroeste.

– Conformación das canais certificadas: R (50,2%), U (37,4%), S e E (11,3%) e O (1,1%).

– Ubicación das explotacións gandeiras: Lugo (74,9%), A Coruña (16,4%), Ourense (7%) e Pontevedra (1,7%).

– Prezos. As cotizacións caeron na primeira metade do 2016, pero repuntaron na segunda parte do ano, co cal a media de prezos foi similar á do 2015. “Non é para tirar foguetes, pero danlle unha certa estabilidade ás explotacións”, valora Jesús González.

“O número de granxas inscritas en Vaca e Boi de Galicia superará ás de Ternera Gallega”

A nova IXP Vaca e Boi de Galicia, que leva dúas semanas en marcha, está a suscitar un interese importante no sector de vacún de carne. As chamadas para dar de alta granxas e animais son constantes, ata o punto de que Jesús González recoñece que están “algo desbordados”.

A perspectiva, no medio prazo, é que as granxas na IXP Vaca e Boi de Galicia superen ás de Ternera Gallega, pois cóntase con que estarán case todas as que están en Ternera Gallega máis unha parte das granxas de leite interesadas en cebar e vender vacas frisonas a través da IXP. “Co tempo, superarán ás de Ternera Gallega”, pronostica Jesús González, que cifra nunhas 10.000 as explotacións que se espera que se integren no novo selo.

O acto de presentación do balance de Ternera Gallega contou coa presencia da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, que incidiu no “bo traballo de anos” da IXP como clave para lograr o compromiso do consumidor.

Participaron tamén no evento os vogais do novo Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, que xestionará tanto Ternera Gallega como Vaca e Boi de Galicia, coa conseguinte coordinación, operatividade e aforro de custos que representa esa unificación.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información