Ternera Gallega acada os 120.000 animais inscritos no 2014

A Identificación Xeográfica Protexida abriu unha delegación comercial en Alemania en busca de posibles importadores. O organismo valora un posible amparo para o vacún maior

Ternera Gallega acada os 120.000 animais inscritos no 2014

Jesús González, no acto de presentación das cifras de Ternera Gallega.

Ternera Gallega prosegue a súa tendencia de crecemento nos distintos parámetros de produción e comercialización. No 2014, o número de animais inscritos na Identificación Xeográfica Protexida (IXP) superou por primeira vez a barreira dos 120.000, o que supón un aumento de máis de 5.000 xatos en relación ó exercicio anterior. Medraron tamén o número de canais certificadas, así como a cifra de negocio das industrias inscritas en Ternera Gallega.

O presidente da IXP, Jesús González, presentou hoxe as cifras da Identificación no 2014: “O máis significativo é o aumento do 4,6% en animais inscritos, ata acadar os 120.000, e tamén un aumento paralelo das canais certificadas, que pasaron de 81.000 a máis de 85.000”. A diferenza entre canais certificadas e animais inscritos, segundo explicou Jesús González, débese principalmente ó consumo de animais en carnicerías a nivel local, establecementos que poden considerar superflua a certificación en matadoiro, dada a relación de confianza cos seus clientes.

En volume de carne comercializada, a IXP medrou ata as 18.600 toneladas certificadas, 1.400 máis que no anterior exercicio, o que supón un 8% máis, “un dato moi destacado, tendo en conta que a carne de tenreira é a segunda máis cara do mercado, tras a de cordeiro”, valorou o presidente de Ternera Gallega. A media de peso dos animais sacrificados foi de 218 quilos, cunha idade de 9 meses e 21 días, unha clasificación da canal de R-U e un engraxamento de 2-3. “Cada ano axústase un pouco máis a idade de sacrificio, que ten que ser antes dos 10 meses. Fai un ano, a media de sacrificios producíase 4 días antes, pero é lexítimo que se vaia axustando máis”, salientou o presidente da IXP.

O volume de negocio das industrias inscritas en Ternera Gallega acadou os 108 millóns de euros, o que supón un aumento do 9,5% na facturación. Medraron tamén de xeito significativo as industrias acollidas na IXP, xa que pasaron das 73 do 2014 a 82. “O número de matadoiros e salas de despece mantense estable, pero creceu o número de empresas comercializadoras que adquiren a carne e se adican a súa distribución”, explicou González.

Gandeiros
O número de explotacións con actividade en Ternera Gallega mantense estable nos últimos anos, prácticamente sen cambios, con 7.670 explotacións no 2014, 5 máis que no 2013. Nun contexto agrario en crise, a IXP reivindica o seu impacto no agro galego. “Somos un sector estratéxico para o rural, xa que mantemos poboación e actividade económica no agro. En definitiva, axudamos a ter un interior vivo”, destacou o presidente de Ternera Gallega. O 81% dos produtores son da provincia de Lugo.

“O número de explotacións mantense estable. Somos un sector estratéxico para o rural” (Jesús González)

A IXP destaca que as explotacións integradas no selo beneficiáronse tamén no último ano dunha leve mellora dos prezos dun 1,5%, permanecendo ademais as cotizacións estables case ó longo de todo o ano. “Esta estabilidade contribúe a garantizar o equilibrio do sector”- valora González.- “Temos unha carne que destaca pola calidade e prestixio que gañou nos mercados de toda España”.

Ternera Gallega calcula que o valor engadido que xera a marca para os gandeiros asociados ronda os 24 millóns de euros ó ano. Para ese cálculo, a IXP estimou o diferencial que hai entre vender un animal co selo de Ternera Gallega e os prezos de animais non amparados por unha IXP.

En España, hai un total de 10 IXPs de vacún, de entre as que destaca Ternera Gallega, con un total do 52% de carne comercializada de todas as identificacións xeográficas. O selo galego vende arredor do 45% da súa produción en Galicia e un 54% no resto do Estado, un mercado que experimenta leves crecementos ano a ano. A exportación a Portugal e Andorra levouse o 1% restante.

Mercado alemán
Ternera Gallega abriu no 2014 unha delegación comercial en Alemania coa que trata de iniciar a exportación de carne a Centroeuropa. Para este ano proxecta realizar presentacións do produto con cadeas de distribución alemanas e baralla a posibilidade de organizar unha visita de posibles importadores centroeuropeos a Galicia.

Vacún maior
Outra posibilidade aberta para o 2015 radica na busca de fórmulas de amparo para a carne de vacún maior e de xovencas, que actualmente non teñen ningún tipo de protección na IXP. “Con isto conseguiriamos o peche do ciclo do vacún de carne cun selo de protección”, indicou Jesús González. A IXP conta actualmente con amparo para a Ternera Gallega Suprema –xatos de rubia galega ou cruce industrial que maman ata os 7 meses-, para Ternera Gallega –xatos de rubia galega de cebadoiros-; e para Ternera Gallega Añojo, animais de máis de 10 meses que a penas teñen peso no selo, xa que representan menos do 1% das canais certificadas.

Ternera Gallega ampara ós animais de menos de 10 meses de razas autóctonas, de rubia galega e de cruces frisóns con rubia galega. Os animais sacrificados dentro da IXP representan máis dun 30% dos becerros sacrificados en Galicia, se ben hai que ter en conta que as industrias galegas procesan tamén becerros de fóra da comunidade, así como becerros pintos que non poden entrar na IXP, polo que a representatividade da denominación dentro do vacún de carne galego pódese calcular en máis do 50% dos animais sacrificados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información