“Ternera Gallega é un exemplo de éxito ó que todos debemos mirar para medrar”

O director da Interprofesional de Vacuno de Carne, Provacuno, Javier López, aborda nesta entrevista os retos que se lle presentan ó sector e o papel que ten que xogar a entidade que lidera

“Ternera Gallega é un exemplo de éxito ó que todos debemos mirar para medrar”

Javier López, director de Provacuno.

Aínda comezando a rodar, con a penas un ano de vida efectiva, a Interprofesional de vacún de carne, Provacuno, perfílase coma unha ferramenta ó servizo do sector. Así o explica o director do organismo, Javier López, quen detalla as liñas de traballo desta organización e a contribución e colaboración desta tanto con produtores como coa industria. López tamén valora o papel destacado que xoga a IXP Ternera Gallega no mercado español.

Cales son os obxectivos de Provacuno?
O obxectivo, como calquera outra interprofesional, é a defensa e a mellora dos intereses do colectivo, tanto do sector produtivo como da industria, en definitiva do conxunto da cadea. Dentro desa gran meta hai diferentes liñas de actuación que tentan desenvolver ese obxectivo de defensa do sector e mellorar a súa rendibilidade económica. Basicamente, en Provacuno están a desenvolverse dúas grandes liñas de traballo e actuacións. Unha céntrase na área internacional, xa que realmente todo o sector alimentario está a tentar potenciar a saída de produto cara a outras zonas tanto de Europa como do resto do mundo. E outra liña de traballo, na que ten que profundar e desenvolver moito Provacuno, é o ámbito nacional.

Quen a integra na actualidade?
A Interprofesional son a unión das dúas grandes ramas da cadea. Por unha banda, produción, onde están Asaja, COAG, UPA, Cooperativas Agro-alimentarias e Asoprovac, e por parte da industria cárnica están Anafric, Anice, Aprosa, Fecic, Cedecarne e Cooperativas Agro-Alimentarias, que pertence ás dúas ramas, tanto produción como industria.

“Traballamos en mostrar a carne de vacún ó mundo, centrándonos no mercado asiático e Oriente Medio”

Que beneficios lle reporta ó gandeiro a existencia da Interprofesional de vacún de carne?
As accións van encamiñadas cara a unha maior venda do produto, unha mellora da imaxe e do posicionamento do mesmo, polo que todo o que redunde positivamente en relación á carne de vacún, ó final, directa ou indirectamente beneficia a todo o sector, tanto á produción como á industria.

Canto se está pagando con destino á Interprofesional por animal sacrificado?
O importe é de 0,50 céntimos para o produtor e 0,50 céntimos para o industrial. Nun animal cuxo valor pode estar ó redor dos 1.200 euros é unha porcentaxe bastante reducida.

Que accións perfilan, tanto a nivel nacional como internacional desde a Interprofesional para este 2018?
Na área de internacional, as actuacións están xa bastante marcadas e canalizadas. Agora as cuestións nas que hai que traballar nos próximos meses céntranse en potenciar as accións no ámbito doméstico. Quizais ata o momento traballouse máis a nivel internacional porque estaban máis claros os obxectivos ou o método de actuación. Realizáronse feiras en distintos puntos. Fóra das nosas fronteiras traballouse en mostrar a carne de vacún española ó resto do mundo focalizándoo en dúas grandes áreas: o mercado de Oriente Medio e norte de África e os mercados asiáticos.

Estas dúas zonas do mundo, sobre todo o mercado asiático, teñen un potencial de crecemento tremendo debido ó gran número de potenciais consumidores, ademais de ser países cuxa renda media está a medrar e cunha poboación de media moi nova que teñen todas as características para ser consumidores tanto da carne de vacún como de calquera tipo de produtos alimentarios.

“Temos que facer un esforzo moi grande por contar a nosa realidade ó consumidor”

Queda moito por facer no mercado nacional?
Está todo por facer, xa que partimos case da nada, salvo excepcións como as que hai en Galicia, quizais das poucas de España, con Ternera Gallega. Pero no conxunto do estado español houbo moi pouca capacidade e unidade para facer actuacións. Un dos retos desta interprofesional recentemente nada é abordar o mercado nacional e aínda que vaiamos un pouco máis lentos, xa se comezaron a dar os primeiros pasos. Fixemos xa un estudo de mercado moi potente para coñecer a opinión do consumidor sobre a imaxe que tiña do noso produto.

O reto de Provacuno nos próximos anos é centrarse no mercado nacional e transmitirlle ó consumidor a realidade do sector para que coñeza cal é o noso sistema de produción, como é o sistema europeo de produción, como viven e traballan moitas persoas do vacún, como este sector está a coidar e preocupándose polo medio rural… Temos que facer un esforzo moi grande por contarlle a nosa realidade ó consumidor.

Tamén temos que facer un traballo man a man con diferentes colectivos potenciais prescriptores, que quizais non tiñan unha boa información e un coñecemento adecuado nin do sector nin do noso produto. Temos moito traballo por facer.

Que opinión lle merece a Indicación Xeográfica Protexida (IGP) de Galicia, Ternera Gallega, xa consolidada a nivel de toda España?
Ternera Gallega sempre foi o espello no que todo o mundo do sector de vacún de carne en España se mirou. Creo que é un exemplo de éxito de como unha marca se situou no mercado galego, nacional e europeo. Creo que Ternera Gallega é un exemplo de éxito ó que todos debemos mirar para medrar.

E a nova IXP Vaca e Boi de Galicia?
Creo que están na mesma liña. Na miña opinión, o que fixeron desde Ternera Gallega é realmente lóxico cando se ve que hai unha necesidade e un interese comercial por desenvolver un produto. Desenvolveron o mesmo modelo de éxito noutro tipo de produto distinto: vaca e boi, que pode resultar moi interesante. Quizais Ternera Gallega estea máis enfocado a un ámbito doméstico e Vaca e Boi se dirixa máis a un ámbito de restauración.

Que opinión lle merecen as futuras organizacións de produtores? Que papel cre que van xogar?
Creo que as organizacións de produtores son un elemento a desenvolver. Aínda non se elaborou unha normativa que, dalgunha forma, as desenvolva en vacún de carne pero ó final, se o sector considera que poden ser útiles terminarán por desenvolverse, aínda que agora mesmo é difícil saber que percorrido van ter. Si é certo que en vacún de carne están aínda nunha fase bastante incipiente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información