Subida do gando de recría de Frisoa en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou unha leve recuperación do prezo dos becerros de recría frisóns. No resto dos becerros e no vacún maior houbo unha baixada das cotizacións. Sobe o prezo do porco cebado e mantéñense sen cambios os ovos

Subida do gando de recría de Frisoa en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes unha maior afluencia de animais, ó contabilizar 656 cabezas, logo de varias semanas nas que se situaba arredor das 500 reses. Ademais, nesta sesión rexistrouse unha lixeira subida dos prezos do gando de recría de Frisoa, aínda que foi case o único gando que viu incrementado o seu valor, xa que nas distintas categorías e razas de becerros, así como no gando de vacún maior, a tendencia foi á baixa.

Nesta xornada, a mesa de prezos do porcino acordou unha subida do porco cebado mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. Tampouco houbo variacións nos ovos nin nas galiñas.

En canto ó gando de recría, nos becerros frisóns as subas rexistráronse en case tódalas categorías. Os animais de menos de 20 días incrementaron o seu prezo en 2 euros ata os 78 euros. No caso dos becerros de entre 20 e 50 días o incremento foi de 7 euros para os machos, que acadaron os 97 euros de media; e de 5 euros para as femias, que se situaron nos 51 euros. Nos becerros de máis de 50 días o incremento foi de 30 euros, ata os 127 euros; mentres que as femias desta sección foron as únicas nas que se rexistrou unha baixada do prezo, que foi de 6 euros, ata situarse nos 81 euros de media.

Nos becerros de cruces industriais houbo unha diferenza no comportamento dos prezos atendendo ó sexo. Así, mentres que nos machos a tendencia foi á baixa nas femias produciuse unha suba en tódalas seccións con respecto á feira pasada. Deste xeito, o prezo dos machos de menos de 20 días baixou 24 euros, ata situarse nos 243 euros, e no caso das femias subiu en 34 euros, ata os 186 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, nos machos a baixada foi de 1 euro, ata os 288 euros, e nas femias houbo un incremento de 15 euros para acadar os 191 euros de media. Na categoría de máis de 50 días tamén se rexistrou unha baixada mínima de 1 euro nos machos e nas femias o incremento foi de 33 euros, para quedar nun prezo medio de 295 euros.

Nos becerros carniceiros tamén houbo unha baixada dos prezos dos machos. Así, os animais frisóns cotizáronse de media a 401 euros, 52 menos que a sesión pasada. Mentres, nas femias o prezo incrementouse en 116 euros, e situouse nos 487 euros. Nos animais de cruces industriais o prezo medio foi de 854 euros nos machos, 66 euros menos que a semana anterior, e de 756 euros para as femias, cunha baixada de 16 euros.

No caso do gando de vacún maior, a tendencia foi tamén á baixa. As vacas de primeira categoría cotizáronse a 1.098 euro, case 1 euro menos que a feira pasada. Nas vacas de segunda categoría a baixada foi máis acusada e pasaron a cotizarse a 698 euros logo dunha redución de 25 euros. Só as vacas de desvelle rexistraron un incremento do prezo de 30 euros, que as situou nun prezo medio de 453 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-20_08_2019-Vacuno-

Subida do porco cebado

En canto ó porcino, logo de varias semanas sen modificacións, a mesa de cotización decidiu unha subida do prezo do porco cebado que oscila entre os 0,010 e os 0,020 euros dependendo das distintas categorías. Deste xeito, o selecto e o normal soben 0,010 euros e quedan nos 1,495 e 1,470 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II a suba foi de 0,013 euros e acada o 1,909 euros o quilo. Nos animais de desvelle, o prezo oscila agora entre os 0,71 e os 0,77 euros o quilo logo do incremento máis importante da xornada, 0,020 euros.

No caso dos leitóns, os prezos mantéñense sen cambios. O bacoriño de 20 quilos está nos 54 euros para os animais procedentes dunha única granxa e nos 49 euros para os de varias ganderías. O prezo por quilo é de 2,7 e 2,45 euros respectivamente.

Tampouco houbo variacións esta semana nos ovos. Así, o prezo dos de categoría XL é de 1,31 euros a ducia, os da L están en 0,99 euros, os da M en 0,96 euros e os da S a 0,81 euros. Continúa tamén sen cambios o prezo da galiña de desvelle que se sitúa nun intervalo de 0,09 e 0,17 euros o quilo.

En canto ó coello na Lonxa de Madrid mantense en 1,85 euros e encadea unha semana máis co mesmo prezo.

 

Central-Agropecuaria-Galicia-20_08_2019-Porcino-

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información