Subas do becerro de recría de Cruce e baixada do Frisón

Nas mesas de prezos acordouse baixar as cotizacións do porco cebado e subir as de leitóns e ovos. Cotizacións da Central Agropecuaria de Galicia/ Abanca do 4 de outubro

Subas do becerro de recría de Cruce e baixada do Frisón

As cotizacións deste martes da Central Agropecuaria de Galicia /Abanca caracterizáronse pola suba dos prezos dos becerros de recría de cruce, que non compensaron a lixeira caída das cotizacións dos de raza Frisona. O vacún maior mantívose máis irregular, aínda que a cotización media subiu . Nas mesas de prezos acordouse baixar as cotizacións do porco cebado e subir as de leitóns e ovos.

Nos becerros de recría de raza Frisona a tendencia foi á baixa. A excepción foi a categoría dos de menos de 20 días, que se pagaron a unha media de 99 euros, fronte aos 96 da pasada semana. Con todo, a cifra representativa é a dos de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, onde a media foi de 121 euros por xato, o que supón unha baixada de 5 euros con respecto ao pasado martes. Nos tenreiros de máis de 51 días a caída foi maior: unha media de 139 euros fronte aos 149 euros da semana anterior.

Pola contra, nos becerros de Cruzamento industrial as oscilacións nos prezos foron máis en positivo. Así, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias situáronse nos 292 euros, fronte aos 234 da pasada semana. Na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos tamén subiu, pero menos, ata os 318 euros, trece máis que na última poxa. Nas femias, tamén houbo unha importante suba: 240 euros de media, fronte aos 215 do pasado martes. A excepción foi a categoría dos xatos de máis de 51 días, onde o prezo medio baixou ata os 320 euros, fronte aos 371 euros de media da pasada semana.

E se analizamos o vacún maior, a tendencia xeral foi irregular, aínda que con baixada na categoría máis numerosa. Deste xeito, quedaron en 1.116 euros de media en categoría primeira, 705 en segunda -a máis numerosa- e 396 na de desvelle. A pasada semana as cotizacións foron de 1.090, 712 e 389 euros, respectivamente.

As cotizacións quedaron da seguinte maneira:

silleda_vacun_poxa_outubro_1_16

Ovos e coello á alza

Polo que respecta ás mesas de prezos, nos ovos acordouse subir un 0, 01% os prezos da pasa semana: 0,96 euros a ducia na categoría S; 1,15 euros a M; 1,24 a ducia da categoría L e 1,37 euros a XL.

Nos coellos, en Madrid, onde se marcan os prezos para Galicia, acordouse subir os prezos un 0,10% ata os 1,65 euros o kilo.

Suba dos leitóns e baixada do porco cebado

En canto ao porco cebado, a mesa de prezos acordou baixar os prezos da semana pasada. Nas categorías Selecta e Normal a baixada foi do 0,030%, quedando nos 1,335 e 1,310 euros por quilo, respectivamente; a Canle II caeu un 0,039% ata os 1,701 euros por quilo, e na categoría de desvelle o intervalo de prezos mantívose entre 0,77 e 0,83 euros o quilo. En Alemaña, o referente europeo para os prezos do porcino, os prezos tamén caeron, un 0,06%, ata os 1,660 euros o quilo, lastrando á baixa ao resto de mercados da Unión Europea.

En canto aos leitóns, acordouse unha nova suba das cotizacións, desta volta dun 1,5%. Deste xeito quedaron nos 34,5 euros os procedentes de varias explotacións e nos 39,5 euros os procedentes dunha única explotación.

Os prezos do porcino quedaron da seguinte maneira:

silleda_porcino_poxa_outubro_1_16

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información