Suba xeral dos becerros de recría en Silleda e baixada do vacún maior

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola suba xeral de prezos dos becerros de recría e pola baixada do vacún maior. Seguen á alza os bacoriños e sen cambios no porco cebado e nos ovos

Suba xeral dos becerros de recría en Silleda e baixada do vacún maior

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca estivo marcada pola suba xeral de prezos dos becerros de recría e pola baixada do vacún maior. Seguen á alza os bacoriños e sen cambios no porco cebado e nos ovos.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa a suba produciuse en todas as categorías. Así, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo medio foi de 114 euros por xato, fronte ós 110 da semana pasada. Na categoría de menos de 20 días a media foi de 95 euros por animal, 10 máis que o pasado martes. E nos becerros de máis de 50 días o prezo subiu ata os 140 euros de media por animal, 25 máis ca na anterior sesión.

Nos becerros de cruzamento industrial a tendencia foi tamén alcista nos prezos en case todas as categorías. Así, os xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, situáronse nos machos en 350 euros, 38 euros máis ca na sesión pasada. Nas femias a suba de prezos foi menor: 232 euros por animal, 9 máis que o pasado martes. Nos xatos máis novos, con menos de 20 días, o prezo medio nos machos foi de 297 euros, fronte ós 239 euros que se pagaron a semana pasada. Sen embargo, nas femias baixou o prezo: 175 euros fronte aos 182 do martes pasado. En canto aos becerros de máis de 50 días, os machos encarecéronse ata situarse nunha media de 473 euros por animal, fronte aos 390 da sesión anterior, e nas femias a media baixou e foi de 358 euros por becerra, fronte aos 387 do pasado martes.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha caída do prezo nos machos, cotizándose a unha media de 828 euros por animal, fronte aos 859 da lonxa pasada. As femias, sen embargo, subiron ata os 757 euros de media, fronte ós 690 que rexistraron a semana pasada.

No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi tamén á baixa en todas as categorías, agás na de desvelle. Na de segunda, a categoría máis numerosa, os prezos medios hoxe foron de 716 euros por animal, fronte aos 722 da semana pasada. Nas vacas de primeira a media foi de 1089 euros, por debaixo dos 1106 euros do pasado martes. O desvelle, pola contra, subiu quedando nun prezo medio de 456 euros por animal, fronte aos 423 da semana anterior.

silleda_vacun_18_12_2

Sen cambios no porco cebado e nos ovos e suba dos leitóns

En canto ó porco cebado, mantivéronse unha semana máis os prezos estables en todas as categorías. Así, o selecto e o normal quedaron nos 1,070 e en 1,045 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,357 euros o kilo, mentres, a categoría de desvelle permanece tamén sen cambios nun intervalo de entre 0,52 e 0,58 euros o quilo.

As cotizacións en Alemaña, que é o referente para os prezos de porcino na Unión Europea, o valor medio mantense sen cambios e sitúase unha semana máis nos 1,360 euros por quilo.

Polo que respecta ao leitón, segue a súa forte suba do último mes e encarécese esta semana 2 euros. Así, o prezo do bacoriño medio de 20 kilos queda nos 48 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 53 euros para os dunha única granxa. En prezo por kilo sitúase en 2,40 e 2,65 euros respectivamente.

No referido ós ovos non houbo variacións: as categorías XL e L mantéñense sen cambios nos 1,68 euros e nos 1,26 euros a ducia, respectivamente. A M segue nos 1,14 euros e a S nos 0,92 euros a ducia, respectivamente. A galiña de desvelle baixa 0,01 euros e queda nun intervalo de entre 0,14 e 0,21 euros o quilo.

En canto ao coello, como ven sendo habitual por Nadal, a cotización baixou esta semana 0,20 euros o quilo na Lonxa de Madrid e queda nos 1,95 euros o quilo.

silleda_porcino_18_12_2

Cambios nas poxas polas festas de Nadal

Por último, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca informa de que debido ás celebracións das festas de Nadal suspéndese o mercado do martes 25 de decembro e que a poxa do martes 1 de xaneiro trasládase ao mércores día 2.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información