Suba do vacún maior e dos becerros frisóns en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola suba do vacún maior e dos becerros de recría de raza frisona. Sen cambios no porco cebado, baixada nos ovos e suba nos leitóns

Suba do vacún maior e dos becerros frisóns en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca estivo marcada pola suba do vacún maior e dos becerros de recría de raza frisona, mentres que os de cruce tenderon á baixa. Sen cambios no porco cebado, baixada nos ovos e suba nos leitóns

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa, subiron os prezos en case todas as categorías. Así, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo medio foi de 103 euros por xato, dous máis que no anterior mercado. A excepción foi a categoría de menos de 20 días, onde a media foi de 73 euros por animal, 5 menos que a pasada semana. E nos becerros de máis de 50 días o prezo subiu ata os 143 euros de media por animal, fronte aos 132 da anterior poxa.

Pola contra, nos becerros de cruzamento industrial a tendencia foi á baixa, pero con excepcións. Así, os xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, situáronse nos machos en 335 euros, 6 máis ca na sesión anterior. Nas femias, pola contra, houbo unha baixada de 19 euros de promedio, quedando nunha media de 213 euros por becerra. Nos xatos máis novos, con menos de 20 días, o prezo medio nos machos baixou ata os 291 euros, fronte ós 296 euros que se pagaron na última poxa. En canto aos becerros de máis de 50 días, os machos baixaron ata situarse nunha media de 399 euros por animal, fronte aos 445 da sesión anterior, mentres que nas femias a media subiu ata os 301 euros por becerra, fronte aos 267 do pasado martes.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha caída do prezo nos machos, cotizándose a unha media de 854 euros por animal, fronte aos 916 da lonxa pasada. As femias, pola contra, subiron ata os 678 euros de media, fronte ós 664 que rexistraron na última sesión.

No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi tamén á alza. Así, na de segunda, a categoría máis numerosa, os prezos medios hoxe foron de 722 euros por animal, fronte aos 711 da anterior sesión. Nas vacas de primeira a media foi de 1091 euros, por debaixo dos 1060 euros da última poxa. E o desvelle quedou nun prezo medio de 465 euros por animal, fronte aos 439 da semana anterior.

silleda_19_1_3_vacun

Sen cambios no porco cebado, baixan os ovos e suba dos leitóns

En canto ó porco cebado, mantivéronse unha semana máis os prezos estables en todas as categorías. Así, o selecto e o normal quedaron nos 1,070 e en 1,045 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,357 euros o kilo, mentres que a categoría de desvelle queda nun intervalo de entre 0,49 e 0,55 euros o quilo.

Polo que respecta ao leitón, subiron esta semana 1 euro. Así, o prezo do bacoriño medio de 20 kilos queda nos 52 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 57 euros para os dunha única granxa. En prezo por kilo sitúase en 2,60 e 2,85 euros respectivamente.

No referido ós ovos houbo baixada en todas as categorías: Para a XL acordouse unha baixada de 0,13 euros ata os 1,55 euros a ducia; na L a baixada foi de 0,16 ata os 1,10 euros a ducia; a M quedou en 1,00 euro a ducia, 0,14 euros menos, e a S baixa 0,07 euros ata os 0,85 euros a ducia. A galiña de desvelle mantense sen cambios nun intervalo de entre 0,12 e 0,19 euros o quilo.

Por ultimo, no coello a súa cotización mantense baixa. Así, o quilo desta carne na Lonxa de Madrid queda nos 1,75 euros.

silleda_19_1_3_porcino

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información