Suba nos becerros frisóns de recría e baixada nos cruces industriais en Silleda

A recría frisona rexistra un incremento dos prezos na Central Agropecuaria de Galicia. Baixaron os becerros de cruces industriais, os carniceiros e o gando maior. Continúan as subas no porcino

Suba nos becerros frisóns de recría e baixada nos cruces industriais en Silleda

Animais na Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia – A Banca rexistrou este martes unha leve suba dos prezos dos becerros de recría de raza frisoa mentres que, nos animais de cruces industriais houbo baixadas. Tamén baixaron os becerros carniceiros e o vacún maior. Nas mesas de cotizacións, continúan as subas no porcino, tanto no porco cebado como nos leitóns. Mentres, os ovos e o coello mantéñense sen cambios.

No referido á recría, os becerros de raza frisoa rexistraron un lixeiro incremento do prezo. Os animais de menos de 20 días foron os que tiveron un aumento máis destacado, acadando os 79 euros, logo dunha suba de 18 euros. Mentres, tanto nos becerros de 21 a 50 días, como nos de máis de 50 días, o prezo incrementouse en 3 euros. Deste xeito, cotizáronse a 83 e 112 euros respectivamente.

Nos becerros de recría de cruces industriais esta semana a única suba produciuse nos tenreiros máis novos, os de menos de 20 días, que sumaron 62 euros con respecto da semana pasada e cotizáronse a 310 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días o prezo situouse nos 347 euros, 9 menos que a feira anterior. Os de máis de 50 días rexistraron a caída máis destacada, en 67 euros, para pasar a pagarse a 383 euros de media.

En canto ós becerros carniceiros, nos de raza Frisoa o prezo foi de 505 euros para os machos, 20 euros menos que a semana pasada. Nos tenreiros de razas industriais o prezo reduciuse en 33 euros, para situarse en 823 euros. Pola contra, as femias das razas industriais foron as únicas que incrementaron o valor, logo dunha suba de 19 euros, coa que acadaron os 739 euros de media.

A tendencia foi á baixa no gando de vacún maior. As vacas de primeira categoría situáronse nun valor medio de 1.064 euros, logo dunha redución de 34 euros. Nos animais da sección segunda a baixada foi de 31 euros, para cotizarse a 685 euros. A única excepción veu marcada polas vacas de desvelle que rexistraron unha suba de 9 euros para acadar os 450 euros.

Central-Agropecuaria-Galicia-Vacun-26_11_2019

Subas no porcino

No porcino, unha semana máis, continúan as subas tanto do porco cebado como dos leitóns. No caso do porco cebado os incrementos oscilan entre os 0,03 e os 0,039 euros dependendo das categorías. Así, o porco cebado selecto e normal rexistraron un incremento de 0,03 euros e sitúanse en 1,495 e 1,470 euros o quilo respectivamente. Nos animais de Canle II a suba foi de 0,039 euros e pasa a cotizarse a 1,909 euros o quilo. Nos porcos de desvelle acordouse un incremento de 0,03 euros e agora sitúanse entre 0,82 e 0,88 euros.

Os leitóns continúan coa tendencia á alza das últimas semanas e rexistran unha nova suba de 2 euros por animal en tódalas categorías. O bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa acada os 69 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 64 euros. O prezo por quilo é de 3,45 e 3,2 euros respectivamente.

Os ovos mantéñense sen cambios e os prezos están do seguinte xeito: os ovos da categoría XL cotízanse a 1,46 euros a ducia, os da L a 1,33 euros, os da M están a 1,22 euros e os da S a 1 euro. O prezo das galiñas de desvelle mantense tamén sen variacións e continúa entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo.

Esta semana tampouco houbo modificacións no prezo do coello, que se cotiza a 2,30 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Central-Agropecuaria-Galicia-Porcino-26_11_2019

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información