Suba nos becerros de recría de cruce en Silleda nunha xornada de gran afluencia

Suba nos becerros de recría de cruce en Silleda nunha xornada de gran afluencia

A Central Agropecuaria de Galicia rexistrou este martes un récord de afluencia de gando vacún maior. Soben os prezos dos becerros de recría de cruce e baixan os de frisoa. Sen cambios no porco cebado e nos ovos, mentres baixan os leitóns.

Este martes rexistráronse varios récords. Así, na categoría de vacún maior rexistrou a maior asistencia e maior volume de transaccións do ano, con 320 animais que superaron os 276 que asistiron o 15 de xaneiro, e 273.010€ fronte á cifra máxima anual ata hoxe, 231.745€ acadados tamén o 15 de xaneiro. En canto a reses adxudicadas nesta categoría, tamén houbo récord anual, con 292 que superaron as 257 do 15 de xaneiro.

Por outra banda, rexistrouse a maior cifra de transaccións totais do que levamos de 2019, a cal sumou no conxunto das tres categorías 512.101€, que rebasaron os 484.151€ do 15 de xaneiro.

En canto aos prezos dos becerros de recría, os de raza Frisoa baixaron nos animais de 20 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, e situáronse nos 138 euros, 10 euros menos ca na pasada semana.

En cambio, nos becerros de menos de 20 días, o prezo mantívose sen cambios nos 121 euros. Pola contra, houbo unha suba do prezo nos machos de máis de 50 días ata os 168 euros, 8 máis que o pasado martes.

Nos becerros de cruce a tendencia foi claramente á alza en case todas as categorías, tanto en machos como en femias. Así, nos machos de entre 20 e 50 días o prezo subiu ata os 366 euros, fronte aos 319 da última feira. Nas femias desa mesma categoría tamén houbo unha suba de 14 euros ata os 234 euros.

Tamén subiu o prezo dos becerros de cruces industriais con menos de 20 días ata acadar os 348 euros, 6 máis. Mentres, nas femias houbo unha clara baixada ata os 241 euros, fronte aos 297 euros da pasada semana. Pola súa parte, os xatos de máis de 50 días mantivéronse prácticamente sen cambios nos 456 e as becerras desta sección acadaron os 364 euros logo dunha subida de 35 euros.

Vacún maior

En canto ao vacún maior, despois de non celebrarse o mercado a pasada semana, rexistrou este martes unha lixeira suba dos prezos na categoría de segunda, onde o prezo medio se situou nos 721 euros, 4 máis ca na anterior feira.

O prezo medio das vacas de primeira categoría foi de 1.080 euros, igual que hai dúas semanas. Tamén as vacas de desvelle se pagaron menos, cun prezo medio de 459 euros fronte ós 490 euros da semana anterior.

silleda_19_xuño_4_vacun

Sen cambios no porco cebado e nos ovos

En canto ó porco cebado, a mesa de prezos acordou manter os prezos en tódalas categorías Así, o selecto e o normal quedan nos 1,455 e 1,430 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense nos 1,875 euros o quilo e na de desvelle, continúa nun intervalo de entre 0,72 e 0,78 euros o quilo.

Os prezos do leitón baixan 1 euro o quilo. Así, a cotización do bacoriño medio de 20 quilos queda nos 64,5 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 69,5 euros para os dunha única granxa. O prezo por quilo sitúase en 3,225 e 3,475 euros respectivamente.

No referido ós ovos, tampouco houbo variacións. A categoría XL mantense nos 1,33 euros a ducia, a L sitúase nos 0,99 euros, a M nos 0,96 euros e a S queda nos 0,81 euros. A galiña de desvelle mantense nun intervalo de entre 0,10 e 0,18 euros o quilo.

Por último, o coello na Lonxa de Madrid continúa cun prezo de 1,85 euros o quilo.

silleda_19_xuño_4_porcino

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información