Suba dos prezos do gando vacún en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia caracterizouse por unha suba dos prezos dos becerros de recría e do vacún maior. Nas mesas de prezos, o leitón sobe unha semana máis mentres que o porco cebado se mantén sen cambios. Subas tamén nos ovos

Suba dos prezos do gando vacún en Silleda

Gando na Central Agropecuaria de Galicia.

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia – Abanca veu marcada por unha tendencia á alza nos prezos do gando vacún. Rexistráronse subas nos becerros de recría, así como nos carniceiros e no vacún maior. Nas mesas de prezos, o leitón encadea unha nova suba esta semana, mentres o porco cebado se mantén sen cambios e os ovos rexistran tamén un incremento do prezo.

No referido ós becerros de recría de raza Frisoa houbo subas en tódalas categorías. Nos animais de menos de 20 días o prezo incrementouse en 11 euros ata acadar os 71 euros, mentres nos de 20 a 50 días a suba foi de 9 euros para situarse nos 97 euros de media. O incremento máis importante produciuse nos becerros de máis de 50 días que alcanzaron os 120 euros logo dunha suba de 23 euros.

Nos becerros de cruces industriais os tenreiros máis novos, os de menos de 20 días, rexistraron a suba máis destacada, de 113 euros, para situarse nos 321 euros. Mentres, nas femias desta sección a suba foi de 54 euros para acadar os 246 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días o prezo medio foi de 363 logo dun incremento de 21 euros e nas becerras produciuse un aumento de 39 euros que deixou o prezo en 265 euros. Os tenreiros de máis de 50 días foron os únicos que rexistraron unha baixada do prezo, que foi de 79 euros, para situarse nos 359 euros. Nas becerras desta sección houbo un incremento de 4 euros que deixou o prezo en 330 euros.

Tamén houbo subas nos becerros carniceiros. No caso dos animais de raza Frisoa nos machos houbo un incremento de 5 euros e o prezo medio foi de 535 euros. Nos animais de cruces industriais, nos machos rexistrouse unha suba de 22 euros, para acadar os 833 euros, e nas femias foi de 54 euros, ata os 791 euros.

A tendencia á alza apreciouse tamén no vacún maior. A única excepción veu marcada polas vacas de primeira, onde o prezo caeu 33 euros ata situarse en 1.068 euros. Nas vacas de segunda categoría produciuse un incremento de 16 euros con respecto da semana pasada e o prezo foi de 725 euros. Nas vacas de descarte houbo unha suba de 13 euros que elevou a cotización ós 464 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-05_11_2019-Vacuno

Nova suba dos leitóns

En canto ó porcino, as mesas de cotizacións acordaron manter sen cambios esta semana o prezo do porco cebado. Así, o porco cebado selecto e normal sitúase en 1,455 e 1,430 euros o quilo respectivamente. A categoría de Canle II cotízase a 1,857 euros o quilo e os porcos de desvelle sitúanse entre 0,75 e 0,81 euros.

Mentres, nos leitóns decidiron unha nova suba de 2 euros por animal en tódalas categorías. O bacoriño de 20 quilos procedente dunha única granxa acada os 63 euros e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 58 euros. O prezo por quilo é de 3,15 e 2,9 euros respectivamente.

Os ovos tamén experimentaron esta semana un incremento dos prezos de 0,03 euros en tódalas categorías. Así, a ducia da categoría XL pasa a cotizarse 1,46 euros; a da L págase a 1,30 euros, a M a 1,18 euros e a S cotiza a 0,95 euros a ducia. Mentres o prezo das galiñas de desvelle mantense sen cambios e continúa entre os 0,06 e os 0,14 euros por quilo

No relativo ó coello, a Lonxa de Madrid mantivo o prezo en 2,30 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-05_11_2019-porcino-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información