Suba dos becerros frisóns en Silleda e baixada dos de cruce e do vacún maior

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola suba de prezos dos becerros de recría de raza Frisona e pola baixada dos de cruce e do vacún maior. Seguen á alza os bacoriños e sen cambios no porco cebado e nos ovos

Suba dos becerros frisóns en Silleda e baixada dos de cruce e do vacún maior

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia-Abanca estivo marcada pola suba de prezos dos becerros de recría de raza Frisona e pola baixada dos de cruce e do vacún maior. Seguen á alza os bacoriños e sen cambios no porco cebado e nos ovos.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa a suba produciuse en case todas as categorías. Así, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo medio foi de 110 euros por xato, fronte ós 94 da semana pasada. Na categoría de menos de 20 días a media foi de 85 euros por animal, 13 máis que o pasado martes. A excepción foron os becerros de máis de 50 días, unha categoría onde o prezo baixou ata os 115 euros de media por animal, 8 menos ca na anterior sesión.

Pola contra, nos becerros de cruzamento industrial a tendencia foi á baixa de prezos en case todas as categorías. Así, os xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, situáronse nos 312 euros, 20 menos ca na sesión pasada. Nas femias, sen embargo, subiron os prezos ata os 223 euros por animal, 11 máis que o pasado martes. Nos xatos máis novos, con menos de 20 días, o prezo medio nos machos foi de 239 euros, fronte ós 298 euros que se pagaron a semana pasada. Nas femias tamén baixou o prezo pero menos: 182 euros fronte aos 188 do martes pasado. En canto aos becerros de máis de 50 días, os machos baixaron de prezo ata situarse nunha media de 390 euros por animal, fronte aos 406 da sesión anterior, e nas femias a media foi de 387 euros por becerra, fronte aos 438 do pasado martes.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha suba do prezo nos machos, cotizándose a unha media de 859 euros por animal, fronte aos 794 da lonxa pasada. As femias, sen embargo, baixaron ata os 690 euros de media, fronte ós 709 que rexistraron a semana pasada.

No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi tamén á baixa en todas as categorías. Na de segunda, a categoría máis numerosa, os prezos medios hoxe foron de 722 euros por animal, fronte aos 729 da semana pasada. Nas vacas de primeira a media foi de 1106 euros, por debaixo dos 1130 euros do pasado martes. O desvelle tamén caeu quedando nun prezo medio de 423 euros por animal, 15 menos ca semana anterior.

silleda_vacun_18_12_1

Sen cambios no porco cebado e nos ovos e suba dos leitóns

En canto ó porco cebado, mantivéronse unha semana máis os prezos estables en todas as categorías. Así, o selecto e o normal quedaron nos 1,070 e en 1,045 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II o prezo mantense en 1,357 euros o kilo, mentres, a categoría de desvelle permanece tamén sen cambios nun intervalo de entre 0,52 e 0,58 euros o quilo.

As cotizacións en Alemaña, que é o referente para os prezos de porcino na Unión Europea, o valor medio mantense sen cambios e sitúase unha semana máis nos 1,360 euros por quilo.

Polo que respecta ao leitón, sobe esta semana 2 euros o prezo do bacoriño medio de 20 kilos e queda nos 46 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 51 euros para os dunha única granxa. En prezo por kilo sitúase en 2,30 e 2,55 euros respectivamente.

No referido ós ovos non houbo variacións: as categorías XL e L mantéñense sen cambios nos 1,68 euros e nos 1,26 euros a ducia, respectivamente. A M segue nos 1,14 euros e a S nos 0,92 euros a ducia, respectivamente. A galiña de desvelle baixa 0,01 euros e queda nun intervalo de entre 0,15 e 0,22 euros o quilo.

En canto ao coello, a cotización baixou esta semana 0,15 euros o quilo na Lonxa de Madrid e queda nos 2,15 euros o quilo.

silleda_porcino_18_12_1

Cambios nas poxas polas festas de Nadal

Por último, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca informa de que debido ás celebracións das festas de Nadal suspéndese o mercado do martes 25 de decembro e que a poxa do martes 1 de xaneiro trasládase ao mércores día 2.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información