Suba dos becerros de recría de Frisoa e do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia estivo marcada pola suba dos prezos do vacún maior e dos becerros de recría de Frisona e pola baixada dos de cruce. Subas no porco cebado, nos leitóns e no coello e sen cambios nos ovos

Suba dos becerros de recría de Frisoa e do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes na Central Agropecuaria de Galicia/Abanca estivo marcada pola suba dos prezos do vacún maior e dos becerros de recría de Frisona e pola tendencia á baixa dos de cruce. Subas tamén no porco cebado, nos leitóns e no coello e sen cambios nos ovos. A afluencia de gando foi algo menor ao ser o martes de Entroido festivo en moitas localidades.

En concreto, en gando vacún, nos becerros de raza Frisoa, subiron os prezos en case todas as categorías. Así, nos animais de 21 a 50 días, a categoría máis numerosa e representativa deste mercado, o prezo remontou ata os 113 euros por xato, 9 máis que a pasada semana. E nos becerros de máis de 50 días o prezo tamén subiu ata os 137 euros de media por animal, fronte aos 135 da anterior poxa. A excepción foi a categoría de menos de 20 días, onde a media quedou nos 86 euros por animal, 8 menos que o pasado martes.

Nos becerros de cruzamento industrial a tendencia foi á baixa. Deste xeito, nos xatos de entre 21 a 50 días, a categoría máis numerosa, os prezos situáronse nos machos en 335 euros, 20 menos ca na sesión anterior. Nas femias tamén houbo baixada, quedando nunha media de 229 euros por becerra, 12 menos que a semana pasada. Pola contra, nos xatos máis novos, con menos de 20 días, o prezo medio nos machos subiu ata os 298 euros, fronte ós 281 euros que se pagaron na última poxa. Tamén houbo suba nos becerros de máis de 50 días, onde os machos se cotizaron a unha media de 467 euros por animal, fronte aos 412 da sesión anterior, mentres que nas femias a media tamén subiu ata os 384 euros por becerra, fronte aos 287 do pasado martes.

En canto ós becerros carniceiros de cruzamento industrial, rexistraron esta semana unha suba do prezo nos machos, acadando unha media de 851 euros por animal, fronte aos 840 da lonxa pasada. As femias, pola contra, baixaron ata os 662 euros de media, 60 menos que na última sesión.

No que atinxe ó vacún maior, a tendencia foi á suba, pero con excepcións. Así, na de segunda, a categoría máis numerosa, os prezos medios quedaron nunha media de 735 euros por animal, 11 menos que o martes pasado. Porén, nas vacas de primeira a media subiu ata os 1089 euros, 10 máis que na anterior poxa. A categoría de desvelle tamén experimentou unha alza, quedando nunha media de 469 euros por animal, fronte aos 455 da semana pasada.

silleda_19_03__01_vacun

Suba do porco cebado e dos leitóns e sen cambios nos ovos

En canto ó porco cebado, a mesa de prezos acordou unha semana máis unha suba en todas as categorías, agás no desvelle. Así, o selecto e o normal subiron 0,02 euros quedando nos 1,170 e 1,145 euros o quilo, respectivamente. Na categoría de Canle II a suba acordada foi de 0,026 euros ata quedar nos 1,487 euros o kilo, mentres que a categoría de desvelle queda sen cambios nun intervalo de entre 0,49 e 0,55 euros o quilo.

Polo que respecta ao leitón, subiron esta semana 1 euro. Así, o prezo do bacoriño medio de 20 kilos queda nos 60 euros para os animais procedentes de varias explotacións e nos 65 euros para os dunha única granxa. O prezo por kilo sitúase en 3,00 e 3,25 euros respectivamente.

No referido ós ovos, non houbo cambios: as categorías XL e L mantéñense nos 1,40 e 1,02 euros a ducia, respectivamente. Para a M e a S o prezo queda tamén igual: 0,97 e 0,82 euros a ducia, respectivamente.

A galiña de desvelle mantense sen cambios nun intervalo de entre 0,09 e 0,16 euros o quilo.

Por ultimo, no coello acordouse na Lonxa de Madrid unha suba de 0,20 euros, quedando o quilo nos 1,95 euros.

silleda_19_03__01_porcino

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información