Suba dos becerros de cruce e lixeira baixada do vacún maior en Silleda

A sesión deste martes da Central Agropecuaria de Galicia caracterizouse pola baixada dos prezos do vacún maior, e pola suba dos becerros de recría de cruce. O porco cebado sobe tamén ao igual que algunhas categorías de ovos

Suba dos becerros de cruce e lixeira baixada do vacún maior en Silleda

A sesión da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA deste martes caracterizouse pola baixada dos prezos do vacún maior, e pola suba dos becerros de recría de cruce. Nas mesas de prezos o porco cebado sobe tamén ao igual que algunhas categorías de ovos.

En gando vacún, os becerros de raza Frisoa experimentaron altibaixos, aínda que a tendencia xeral foi a unha pequena caída de prezos. Así, na categoría de menos de 20 días a cotización media baixou ata os 129 euros por xato, sete menos que o pasado martes. Pola contra, na categoría de 21 a 50 días, a máis numerosa e representativa, os prezos subiron levemente ata os 167 euros por xato, catro máis que a semana anterior. E os tenreiros de máis de 51 días quedan nun prezo medio de 168 euros, 20 menos de media que a semana pasada.

Pola contra, nos becerros de Cruzamento industrial a tendencia xeral foi a unha suba de prezos, pero con excepcións. Asi, na categoría de menos de 20 días as cotizacións medias nos machos caeron ata os 285 euros, fronte aos 302 da última poxa. Sen embargo, na categoría máis numerosa e representativa, a de 21 a 50 días, o prezo medio dos machos subiu ata unha media de 363 euros por animal, 15 máis que a pasada semana. Nas femias a suba foi máis evidente: 234 euros por animal, 35 máis que o martes pasado. Porén, nos xatos de máis de 51 días os prezos nos machos baixaron ata os 454 euros, fronte aos 492 do anterior mercado. Nas femias , pola contra, a tendencia de prezos foi en positivo: 341 euros de media por animal, fronte aos 320 da semana pasada.

Polo que respecta ao vacún maior, baixaron tamén os prezos, agás na categoría Primeira. Deste xeito, quedaron en 1.066 euros de media en categoría primeira, 713 en segunda -a máis numerosa- e 478 na de desvelle. O pasado martes as cotizacións foron de 1.059, 715 e 508 euros, respectivamente.

SILLEDA_VACUN_1_XULHO_18

Suba nos ovos e no porco cebado e caída nos leitóns

Polo que respecta ás mesas de prezos, os ovos soben 0,03 euros na categoría XL ata os 1,56 euros por ducia. Na L a suba é de 0,02 euros ata os 1,21 euros a ducia. Na M e na S non hai cambios e quedan en 1,04 e 0,89 euros a ducia, respectivamente. As galiñas de desvelle quedan nun intervalo de entre 0,08 e 0,15 euros o quilo.

Na Lonxa de Madrid  o coello mantense nos 1,70 euros o kilo.

En canto ao porco cebado, a mesa de cotizacións acordou subir os prezos da pasada semana 0,02 euros o quilo nas categorías Selecta e a Normal, que quedan en 1,270 e 1,245 euros por quilo, respectivamente; a Canle II sobe 0,026 euros e sitúase en 1,617 euros por quilo. E na categoría de desvelle mantense o intervalo de entre 0,63 e 0,69 euros o quilo.

En Alemaña, país de referencia para os prezos do porcino en Europa, as cotizacións mantivéronse sen cambios esta semana, quedando nunha media de 1,440 euros/kg. No resto de países europeos a tendencia foi tamén á estabilidade de prezos.

En canto aos leitóns, acordouse tras varias semanas sen cambios baixar 2 euros as cotizacións, quedando nos 40 euros para os procedentes de varias explotacións e nos 45 euros os procedentes dunha única explotación.

SILLEDA_PORCINO_1_XULHO_18

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información