Suba de prezos da Ternera Gallega Suprema

A mesa de cotizacións da IXP acorda en Amio aumentos de entre 4 e 6 céntimos

A sesión de hoxe das mesas de prezos de Amio deixou un aumento das cotizacións en Ternera Gallega Suprema que era agardado desde hai semanas polas granxas. A Mesa de Prezos da IXP acordou unha suba de 6 céntimos en machos de ata 225 quilos e en femias de ata 200 quilos nas categorías U e R. En animais de maior peso, así como nas canais E e S, o aumento foi de 4 céntimos. Na categoría de Ternera Gallega convencional non houbo cambios.

As cotizacións dos becerros para sacrificar tamén experimentaron melloras na Mesa de Prezos de Gando de Abasto, onde se acordaron subas de 10 céntimos quilo nas canais de ata 180 quilos das categorías S, E, U, R e O; en tanto que en canais de maior peso a suba aplicouse ás categorías U, R e O.

En vacún maior, non houbo cambios nas cotizacións, en tanto no gando de recría houbo unha caída de 10 euros en todas as razas, categorías e calidades. A mesa de prezos aprecia unha tendencia á baixa maior nas femias, que probablemente se constate nos valores a acordar na próxima sesión.

A asistencia de gando á feira de hoxe en Amio foi de 2.220 reses, 278 menos que a pasada sesión. Houbo 1.670 cabezas de vacún menor, 294 de vacún mediano e 234 de vacún grande.

Máis información
Táboa completa de cotizacións do mercado de Amio (19-VII-2017).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información